O Correlingua continúa a espallar a festa pola lingua en Ourense e Santiago

O pasado día 15 participaron 20 centros na vixésimo cuarta edición desta actividade e hoxe tocou parada en Compostela con máis de 1000 participantes

Correlingua, a iniciativa que comezou hai 24 anos para reivindicar a normalización plena do noso idioma en toda a sociedade e nomeadamente entre o alumnado galego, continúa a súa xira polas cidades e vilas do país, con cinco citas aínda pendentes na Estrada, Vigo, Monforte, Pontevedra e Burela.

A festa reivindicativa pola lingua co lema "Desde aquí até acolá, GALEGO XA!" non cesa. A semana pasada tocou parada en Ourense coa participación de alumnado de 20 centros tanto da capital: IES San Mamede - IES O Couto - IES 12 de Outubro – IES Eduardo Blanco Amor – CPR Seminario Menor Ourense A Inmaculada – CPR Cardenal Cisneros – CPR Concepción Arenal - IES Otero Pedrayo - OURENSE: CEIP A Ponte - CEIP Plurilingüe Irmáns Villar - CPR Cardenal Cisneros - Ceip O Couto – CEIP Mestre Vide - CPR Cardenal Cisneros – CPR Concepción Arenal, como doutros concellos: CEIP San Marcos (Cartelle), CPI Virxe da Saleta (Cea), CEIP Filomena Dato (Barbadás), CEIP Plurilingüe de Luintra (Nogueira de Ramuín) e o CEIP Plurilingüe Otero Novas (Cortegada). 

A ampla participación e o feito de contar con etapas educativas moi diferentes levou a que se celebrara a actividade en dúas quendas, primeiro o alumnado de secundaria e despois o de infantil e primaria. Tras a marcha pola cidade ourensá a festa final coa lectura do manifesto a cargo do alumnado do IES do Couto na primeira quenda e do CPR Cardenal Cisneros na segunda, así como a entrega de premios tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense. Nun acto a conducido por Isabel Risco a actuación musical púxoa a banda Mekánika Rolling Band. Tamén actuaron máis de 50 estudantes dos centros de infantil e primaria O Couto e Filomena Dato. 

Para o desenvolvemento desta iniciativa contouse coa colaboración do Concello e da Deputación de Ourense nas súas respectivas áreas de Normalización Lingüística. 

Xornada festiva sen choiva en Compostela

Malia o pronóstico, a mañá do luns 20 transcorreu sen chuvascos e facilitou a celebración do Correlingua na capital de Galiza. Neste caso foron máis de 1000 estudantes e profesorado quen participaron na carreira que transcorreu con saída e chegada á Alameda compostelá polas rúas do casco histórico. En concreto asistiron tamén centros de diversas etapas educativas tanto da propia Compostela como doutros concellos limítrofes: IES Eduardo Pondal - IES Arcebispo Xelmírez 1 – CEIP de Vite – IES Arcebispo Xelmírez 2 - CEIP Plurilingüe Monte dos Postes – IES Rosalía de Castro – CEIP Apóstolo Santiago IES Terra de Soneira (Vimianzo) CPI DOS DICES (Rois) IES XULIÁN MAGARIÑOS (Negreira).

Tal e como explicaron representantes das entidades organizadoras ao remate da carreira, A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a AS-PG, esta actividade conta cada ano con máis iniciativas e propostas ao longo de todo o curso: regueifas colectivas nos centros de ensino, obradoiros creativos de lingua a partir dos que se creou o manifesto e un concurso de música no que o alumnado exerce de xurado, o Cantalingua. Precisamente o grupo que actou ao remate, Cuarta Xusta, foi o que conseguiu o segundo posto deste certame este ano coa canción "Presumo galego". A banda melidense, con maioría de mulleres músicas á fronte, fixo saltar e bailar a rapazada presente que xa coñece as súas cancións reivindicativas e festivas a partes iguais.

Volver