O Correlingua 2013 contará con catro consursos dirixidos ao alumnado

Centros de ensino de todo o país comezaron xa a desenvolver os traballos previos á celebración do evento, que terá lugar en maio baixo o lema Galego, chave do mundo

A edición 2013 do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos, organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Mesa pola Normalización Lingüística e os Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, comezou xa con diferentes actividades nos centros educativos de Galiza que farán a súa achega participando nos concursos de Manifesto, Banda Deseñada, Vídeo e Cantalingua.

O Correlingua que nesta edición terá lugar baixo o lema Galego, chave do mundo, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

A participación previa do alumnado no Correlingua realízase ao longo de todo o curso a través de catro consursos: Banda Deseñada, orientado ao alumnado de Educación Infantil e Primaria,  e onde a partir da idea do lema se desenvolven o deseños e argumento das bandas; Vídeo, para todos ciclos educativos onde se desenvolve un argumento qeu convide a utilizar o galego, en tres minutos e o concurso de Manifesto, no que participa o alumnado de secundaria, e a través do que se escolle o manifesto que será lido en todos os Correlingua, e que servirá de testemuño da carreira en todos o lugares onde terá lugar, no mes de maio. A parte musical pona o Cantalingua, concurso musical en que o alumnado participa na escolla dos grupos e solistas que actuarán nas festas finais do Correlingua no mes de maio.

Ademais o Correlingua pon a disposición do profesorado dúas unidades didácticas, unha para infantil e primaria,e outra para secundaria, a través da súa páxina web.

O obxectivo destas actividades e concursos é proporcionar ao profesorado e ao alumnado ferramentas para o traballo de normalización e dinamización lingüísitica nos centros. Este traballo de todo o curso culminará no mes de maio coas festas finais do Correlingua que terán lugar en 12 vilas e cidades galegas, entre o 2 e o 16 de maio.

Máis información:

correlingua@correlingua.org

www.correlingua.org tlf: 653573367

Volver