O convenio colectivo do PDI laboral adaptarase a todos os cambios lexislativos para abrir posteriormente a negociación dun novo convenio
Ese foi o resultado da reunión da Comisión Paritaria tras rexeitar a CIG-Ensino a posibilidade de pactar unha proposta presentada polas universidades que non dá resposta aos cambios necesarios
As universidades galegas presentaron unha proposta ás organizacións sindicais con representación na Comisión Paritaria do II Convenio Colectivo que, en resumo, se limitaba a adaptar á LOSU as figuras profesionais recollidas no convenio, ao tempo que incluía unha proposta para fixar a xubilación forzosa do PDI laboral nas mesmas condicións que ten o PDI funcionario.
A CIG amosou a súa discrepancia co feito de que a proposta non recollese a adaptación a outros cambios lexislativos que tamén se debe traspoñer no convenio (EBEP, Lei do Emprego Público de Galiza ou Lei da Ciencia) e que pola contra incorporase o tema da xubilación, que xa presentaron hai dous anos, advertindo a CIG naquel momento que non podía empregarse a vía da Comisión Paritaria para aprobar o cambio, sendo precisa unha modificación do Convenio Colectivo nese artigo, a través dunha Comisión Negociadora. Neste sentido, a CIG expresou a súa proposta de negociación dun novo convenio colectivo que dea resposta ás demandas do PDI Laboral.
As universidades alegaron dous motivos para non abrir as negociacións dese novo convenio: as incertezas do que poida dar de si un futuro Estatuto estatal do PDI e a posibilidade de que se aprobe unha nova lei galega de Universidades, podendo condicionar totalmente ambas normas o futuro novo convenio.
A CIG expuxo a necesidade de abrir de todas formas esas negociacións, sendo conscientes de que aspectos fundamentais como a carreira profesional ou cambios nos complementos retributivos van depender doutros protagonistas que non se sentan na mesa de negociación mais que condicionan todo, especialmente a Xunta de Galiza, que aínda ten pendente, entre outras, a reforma do actual Decreto 55/2004, no que se regulan os complementos autonómicos e que podería modificarse no ano 2025 segundo información recabada polo sindicato na Consellaría de Educación. Entendemos que se dan as condicións para comezar a negociar o convenio na súa integridade nun prazo breve e tendo presente eses condicionantes.
No debate, a CIG amosouse partidaria de avanzar con carácter inmediato na adaptación do actual convenio, cun acordo no seo da Paritaria, para adaptarse a todos os cambios lexislativos (e non só á LOSU) ao tempo que entende que se deben aclarar algunhas cuestións que a día de hoxe xeran discrepancias no propio texto polas diferentes prácticas de cada universidade. Sendo isto así, a CIG non podería pasar sen que se pactase a apertura de negociacións para un novo convenio.
Tras un receso para deliberar sobre a posición sindical, as universidades trasladaron estar dispostas a esa proposta e, polo tanto, prepararán un novo texto no que se incorporarán todas as adaptación lexislativas, aberto a unha revisión sindical nunha próxima reunión antes de final de ano e, nesa xuntanza proporán unha data para comezar a negociar un novo convenio colectivo.
Novas relacionadas