O Consello Municipal de Santiago apoia unha proposta da CIG-Ensino para demandarlle á Consellaría de Educación a retirada do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa

Outro órgano de participación da comunidade educativa que se manifesta contra a lei do PP

O Consello Municipal de Educación de Santiago, na sesión extraordinaria, celebrada onte, 14 de febreiro, aprobou a proposta da CIG-Ensino de solicitar a retirada do anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa ( 16 votos a favor, 1 en contra e 2 abstencións), exixíndolle á Consellaría de Educación que abra un debate no ámbito educativo, atendendo as demandas do Consello Escolar de Galiza.

Para a CIG-Ensino, estamos ante un anteproxecto de Lei que ten como única motivación real minorar a presenza do galego no ensino como lingua vehicular do mesmo e que pretende abordar a problemática das escolas desde unha perspectiva exclusivamente coercitiva e represiva, desbotando a formativa e educativa. Trátase dun anteproxecto de lei importado de Madrid, alleo á nosa realidade social e educativa, que non procura máis profesorado, recursos e medios para mellorar a convivencia nas aulas, atender a diversidade escolar e facer fronte ao fracaso escolar, e non valora a función docente.

Por outra parte, a CIG-Ensino tamén presentou outra resolución ao dito Consello Municipal, que foi aprobada con 11 votos a favor, 5 en contra e 2 abstencións, manifestando o seu rexeitamento á eliminación da gratuidade dos libros de texto, por supor unha medida regresiva que atenta contra o carácter público e gratuíto do ensino. Ademais, acordou reclamar da Consellaría de Educación a dotación de administrativos/as a todos os centros educativos.

A solicitude de retirada do anteproxecto da Lei e Participación da Comunidade Educativa, acordada, onte, polo Consello Municipal de Educación de Santiago, vén a sumarse ás múltiples voces e entidades que rexeitan este anteproxecto, por estar pensado para reducir o ensino en galego e ser alleo á nosa realidade social e educativa, e que exixen á Consellaría que abra un debate no ámbito educativo para elaborar unha verdadeira Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades educativas.

Volver