O Consello Federal da CIG-Ensino dá luz verde ás liñas de actuación na acción sindical nos tempos da Covid

O sindicato márcase como obxectivo seguir sendo a referencia nos centros educativos adaptándose á realidade diaria de cada un deles que, como denunciamos reiteradamente, é moi desigual e mesmo discriminatoria entre as distintas etapas educativas e centros

Na reunión trimestral ordinaria do máximo órgano entre congresos do sindicato maioritario no ensino público avaliouse a actuación do sindicato após o final de curso confinado, con especial atención ás mobilizacións do mes de setembro e marcáronse as liñas de traballo para este primeiro trimestre de curso escolar 2020/21.

A reunión do Consello Federal decorreu nun establecemento hoteleiro de Teo por mor da necesidade de contar cun espazo o suficientemente amplo para dar cabida coas máximas medidas de seguridade a todas as integrantes do órgano de goberno do sindicato. O Consello valorou positivamente o liderado do conflito contra as medidas impostas pola Consellaría de Educación logo da Mesa Sectorial do 16 de xullo na que presentou o protocolo que deu lugar a masivas concentracións diante de San Caetano a finais dese mes. Valorouse igualmente como oportuna a unidade de acción sindical que o sindicato buscou desde o inicio, que posteriormente racharon dúas organizacións sindicais no momento de  convocar folgas e concentracións durante o mes de setembro.

As mobilizacións e folgas de comezo de curso, decisivas

Así mesmo tamén se puxo en valor a importancia e o carácter decisivo que tiveron as mobilizacións convocadas desde o 1 de setembro para acadar avances na contratación de persoal de reforzo e na autorización de desdobres, nomeadamente en secundaria e Formación Profesional. Con respecto á participación nas dúas convocatorias de folga coincidindo co comezo de curso nas distintas etapas educativas os días 10 e 16 de setembro, o Consello Federal lamenta non poder sacar conclusións reais ao estar moi limitada polos “servizos máximos”. Destacouse, iso si, a ampla implicación do profesorado máis concienciado e o establecemento dunha liña de actuación que buscou romper o límite dos lexítimos dereitos laborais e sumou apoios de organizacións de estudantado e ANPA´s. “Soubemos sumar na defensa do ensino presencial con seguridade a toda a comunidade educativa e trasladámoslle á sociedade que a protección de colexios e institutos era vital para frear a transmisión comunitaria do virus”, apuntuou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. “Non se poderían entender os bandazos e os cambios da Consellaría sen as mobilizacións levadas a cabo desde xullo e intensificadas en setembro, aínda así os logros foron insuficientes e existe unha situación moi discriminatoria entre centros e etapas educativas que redunda na protección de alumnado e profesorado e na calidade da atención educativa que recibe o primeiro”, engadiu.

Planificación da acción sindical

O Consello Federal debateu sobre a necesidade de continuar co sindicalismo presencial que foi, é será, a carta de natureza da CIG-Ensino. “Estaremos como xa estamos en todos os centros. Respondemos onde se dan os problemas, onde se xeran os conflitos, sexa polo caciquismo e a actuación impresentábel dun xefe territorial ou nos centros nos que non se cumpren as medidas de prevención máis básicas”. Neste sentido, as participantes na reunión do CF coincidiron en que no contacto co profesorado e coas direccións dos centros se detecta moita preocupación pola xestión diaria da crise  sanitaria. Hai moitas dúbidas e preguntas sobre o material de protección e as alternativas á ventilación nas zonas máis frías do país, sobre a vulnerabilidade de persoal docente e non docente que non está a ser considerado de risco pola Consellaría ante a pandemia, sobre a comunicación dos positivos e a xestión das corentenas e da realización de PCR´s, sobre os permisos para coidar a fillos/as e persoas a cargo no caso de estaren estes en situación de illamento preventivo...

“Ante a situación de confusión e de abandono por parte da administración, a CIG-Ensino quere coñecer de primeira man cales son os problemas e as irregularidades que se poidan estar producindo nos centros pola aplicación do protocolo aprobado pola Consellaría. Preocúpanos especialmente todo o que ten que ver coa seguridade e a saúde laboral e todas as cuestións que a Consellaría se nega a negociar ou a resolver con respecto á protección de profesorado e alumnado. Por iso consideramos relevante achegarnos aos centros e coñecer esa realidade, adaptándonos aos protocolos particulares e á situación epidemiolóxica en cada localidade”. incidiu Bermello.

Pero o Consello Federal tamén aproveitou para poñer sobre a mesa outras situacións que están a ocasionar problemas na actividade docente, como é a semipresencialidade ou a simultaneidade entre ensino presencial e teleformación en casos de alumnado positivo ou que ten que gardar corentena, as dificultades tecnolóxicas ou as incidencias informáticas que se están a producir coas aulas virtuais e as plataformas de teleformación coas que se está atopando o profesorado, a ausencia dunha planificación previa da formación necesaria para o profesorado para adaptarse a estas modalidades formativas...

Incremento da afiliación e aposta pola formación

Precisamente e para paliar as eivas no manexo de plataformas de teleformación e outras particularidades do ensino en tempos da COVID a CIG-Ensino fixo unha importante aposta pola formación a distancia nesta temática, colleitando un incremento moi notábel de matrícula nos cursos ofertados, o que fixo que se tiveran mesmo que duplicar as prazas.

Tamén formaron parte dos debates do Consello Federal a situación da afiliación, que malia os meses transcorridos en confinamento, mantén un incremento constante e que vén de bater o seu teito novamente. Isto supón a confirmación de que o sindicalismo nacionalista no ensino galego ten, ademais de en resultados electorais, unha forte e sólida base na súa afiliación e que o profesorado galego confía na estratexia de activación, mobilización e atención de proximidade que define a CIG-Ensino no ámbito educativo galego.

Volver