O Consello Federal da CIG-Ensino colle folgos co aval dos resultados electorais cara ao 8M e ás próximas mobilizacións sindicais

Ademais da folga de mulleres de 24 horas convocada para o Día Internacional da Muller Traballadora, o sindicato chama ao profesorado a participar este sábado ás 12 en Compostela na manifestación nacional por un sistema de pensións digno e garantido

Nos próximos meses a CIG-Ensino focalizará a súa acción nas principais demandas que centraron a súa campaña electoral, como a recuperación do horario lectivo do profesorado, a diminución das ratios, a atención á diversidade, a derrogación definitiva da LOMCE e a estabilidade do persoal interino.

A CIG-Ensino celebrou esta mañá en Compostela un Consello Federal no que delegadas e liberadas analizaron polo miúdo os "excelentes resultados" acadados pola central nas Eleccións Sindicais no ensino público non universitario o pasado 4 de decembro. Cun incremento de 475 votos con respecto á cita electoral de 2014 e coa superación da barreira dos 9.000 votos por primeira vez na historia do sindicato, as asistentes ao seu máximo órgano de representación póñense como obxectivo seguir sendo a principal referencia do profesorado galego na defensa dos seus intereses fronte aos recortes e as políticas restritivas da Xunta de Galiza.

Así mesmo, na análise tamén se fixo unha especial mención á importancia que ten a propia afiliación do sindicato á hora de servir de vínculo coa realidade do traballo do persoal docente e o modelo sindical de presencia continua nos centros que é unha  das principais diferenzas existentes entre a CIG-Ensino e as outras organizacións  sindicais. O seu secretario nacional, Suso Bermello, apuntou durante a súa intervención que “o amplo respaldo á CIG-Ensino vén motivado por sermos a única organización que lle planta cara a unha administración arbitraria e autoritaria, que denuncia os seus abusos e que non se vende até acadar acordos que sexan xustos e dignos para o persoal docente, castigado nos últimos anos por unha campaña de desprestixio por parte do goberno e con duras políticas de recortes de dereitos e salariais”.

Folga xeral de mulleres

Co aval dos 9.157 votos, o que supón un 42,75% de representantividade, o Consello Federal acordou iniciar asembleas informativas nos centros de ensino para chamar á folga de mulleres do día 8 de marzo que este ano será de 24 horas, tanto laboral como de coidados. Nun sector maioritariamente feminizado, o sindicato agarda unha resposta maioritaria a esta convocatoria “tendo en conta os continuos ataques do patriarcado e o rearme ideolóxico do machismo que se está a dar nestes momentos na nosa sociedade”, como comentou Marta Dacosta durante o debate. “Asasinatos, violacións, discriminacións e todo tipo de abusos contra as mulleres que temos que combater fortemente desde o sistema educativo e facer fincapé na realidade laboral das mulleres galegas e das nosas alumnas, que sofren con maior dureza a discriminación, o desemprego e a precariedade”, apuntaron as asistentes.

Así mesmo, desde a CIG-Ensino tamén se fixo un chamamento a todo o profesorado a participar este sábado na manifestación que sairá ás 12 horas da Alameda compostelá en defensa dun sistema de pensións digno e garantido no futuro. Neste sentido, Suso Bermello lembrou que a reforma das pensións asinada polo goberno de Zapatero, CCOO e UXT foi moi lesiva para todo o funcionariado que aprobou as oposicións após 2011, ao eliminar o dereito á xubilación anticipada que de momento si mantén o funcionariado nomeado anteriormente. A reclamación da xubilación anticipada para todo o colectivo docente, incluídas interinas, aos 60 anos foi tamén un dos puntos que conformaba o programa electoral co que a CIG-Ensino concorreu ás eleccións do 4D.

Meses de intensa actividade sindical

Neste sentido, o Consello tamén aprobou seguir coa acción sindical marcada na campaña con respecto á reclamarlle á Xunta que aprobe "dunha vez por todas" a recuperación dos 18 períodos lectivos máximos en Secundaria e os 21 en Primaria; a diminución de ratios e a autorización de desdobres nas aulas máis masificadas e/ou cando exista alumnado con NEAE, con especial atención ás dificultades que entraña para o profesorado de Secundaria non contar con especialistas de apoio ou formación específica ante o aumento de casos deste tipo neste nivel educativo; a derrogación definitiva da LOMCE que, malia o cambio de goberno do Estado non se vai producir e que coa reforma proposta nin sequera se garante eliminar os seus aspectos máis lesivos e, por último, a defensa dun sistema de acceso diferenciado para o acceso á profesión docente ou cando menos dun acordo de estabilidade para o persoal interino máis vulnerábel que pode perder o seu posto de traballo se non aproba as oposicións. Esta demanda, como informou o propio Suso Bermello ás asistentes ao Consello Federal, aínda lle foi reclamada onte mesmo aos representantes da Consellaría de Educación na Mesa Sectorial na que se tratou a oferta de emprego público para este ano, mais a administración negouse unha vez máis a abrir unha negociación neste sentido.

CIG Informa sobre o Consello Federal celebrado o 23 de xaneiro

Documento


Volver