O Consello Federal da CIG-Ensino analiza os principais retos tras o primeiro trimestre dun curso complexo e atípico

Ademais de tratar as dificultades que está a atravesar o profesorado pola errática xestión da pandemia da Consellaría, tamén se abordou a LOMLOE e a cláusula de remoción docente, a situación do profesorado técnico de FP ou o 8º Congreso do sindicato

Os membros do máximo órgano de goberno do sindicato coincidiron en destacar a importancia de acudir aos centros de ensino este primeiro trimestre para escoitar de primeira man os problemas derivados da COVID e da xestión da administración educativa galega aos que se enfronta o profesorado. Así mesmo recoñecen que nos queda un curso difícil por diante con varias frontes abertas desde o punto de vista sindical, fundamentalmente a aberta na LOMLOE coa extinción do corpo de profesorado técnico de FP.

O Consello Federal da CIG-Ensino avaliou positivamente a acción sindical desenvolvida neste primeiro trimestre dun curso tan complexo coma atípico, no que se mantivo a máxima da acción presencial nos centros de ensino. “Tendo en conta que o profesorado galego está a dar clases presenciais con ratios nalgúns casos de máis de 30 estudantes por aula e cunha alta exposición ao virus porque a Consellaría de Educación non tomou todas as medidas de prevención posíbeis para protexer a alumnado e profesorado, o sindicato ten que estar ao carón de todos os compañeiros e compañeiras e coñecer de primeira man os problemas que tiveron que afrontar durante estes tres meses”. Nestas visitas recolleuse a preocupación docente e dos equipos directivos pola xestión dos contaxios e das corentenas e illamentos preventivos, contraditoria moitas veces co alumnado afectado dentro dun mesmo grupo, o aumento da carga de traballo docente ao ter que combinar ensino presencial, semipresencial e a distancia, a non atención ás peticións de vulnerabilidade, as deficiencias na subministración do material de protección como ás máscaras, etc. 

A LOMLOE e os seus desafíos 

Na reunión, os membros do Consello Federal do sindicato maioritario no ensino público galego tamén analizaron os cambios que incorpora a LOMLOE e que afectarán tanto ás condicións laborais do profesorado como ao ámbito académico. Preocupa especialmente a situación na que vai quedar o profesorado técnico de FP que non reúna os requisitos de titulación para integrarse no corpo A1 de profesorado de Secundaria e todas as incertezas que se abren a partir da inclusión no Proxecto de Lei desta integración e da extinción do corpo A2 de PTFP. Tendo en conta que a Consellaría acaba de convocar todas as prazas ocupadas por interinas na ampliación da OPE destas especialidades, tamén se albisca un futuro laboral moi inquietane para quen non aprobe a oposición e leve moitos anos de servizo para a Consellaría de Educación.

Mención aparte tivo o punto que aparece na LOMLOE que deixa a porta aberta a que o profesorado “cunha notábel falta de rendemento” sexan removidos do seu posto de traballo e realizar outras tarefas que non requiran atención directa co alumnado. En concreto a norma establece que “a remoción será consecuencia dun expediente contraditorio que finalice cunha avaliación negativa realizada pola inspección educativa”. Desde a CiG-Ensino considérase que esta cuestión debería estar fóra dunha Lei Orgánica e ser negociada coas organizacións sindicais no desenvolvemento do agardado Estatuto Docente. Hai motivos que poden implicar unha falta de rendemento vinculados mesmo ao estado de saúde dos e das docentes que baixo ningún concepto  se deberían solventar mediante un expediente disciplinario. En todo caso, a CIG-Ensino entende que a norma non poderá ser aplicada sen un desenvolvemento lexislativo posterior e será nese momento cando formule, tanto a nivel estatal como a nivel galego, as súas propostas para evitar que se poidan producir abusos por parte da administración educativa así como para se dea cobertura a situacións de “queime” profesional ou deterioro da saúde que non vexan recoñecida por parte do INSS a declaración de incapacidade permanente. 

8º Congreso

Por último, tamén se deu o punto de saída aos traballos previos para o 8º Congreso da CIG-Ensino, previsto para o vindeiro mes de xuño, se a pandemia permite a súa celebración, e que terá como reto seguir sendo tanto en número de votos como de afiliación o primeiro sindicato do ensino público galego, así como quen lidera a acción sindical e a defensa dos dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras deste sector. Simultaneamente aos procesos electivos da CIG-Ensino tamén se desenvolverán os do ámbito confederal, nun momento no que a CIG non só se mantén, como acontece desde hai décadas como o primeiro sindicato en afiliación no país senón que xa ten consolidada a posición como primeira forza sindical en Galiza.

Volver