• DSC_2029_1.jpg
  • DSC_2038.jpg
  • DSC_2041.jpg
  • DSC_2051.jpg
  • DSC_2071.jpg
  • DSC_2072.jpg
  • DSC_2082.jpg
  • photo_2019-09-25_21-15-03.jpg
  • photo_2019-09-25_21-15-09.jpg

O Consello Federal da CIG-Ensino acorda iniciar unha campaña pola recuperación do horario do profesorado

Ante a negativa a abrir calquera tipo de negociación para a recuperación do horario lectivo do profesorado por parte da Consellaría de Educación delegadas e liberadas da CIG-Ensino debateron esta mañá sobre a acción sindical a levar a cabo este curso

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que a volta ás 21 horas lectivas en primaria e infantil permitiría recuperar as horas de libre disposición para este profesorado e evitar diferenzas entre o profesorado, que volve estar na situación anterior ao acordo de catálogos de 2007. En secundaria, pola súa banda, fixar como tope máximo as 18 horas lectivas significaría poder facer máis desdobres, reducir considerabelmente a impartición de afíns e recuperar unha parte dos 3.000 postos de traballo perdidos desde 2010.

Máis de medio cento de cadros sindicais da CIG-Ensino participaron esta mañá no Consello Federal do sindicato no que decidiron centrar as súas reivindicacións neste curso académico na recuperación dos dereitos recortados co pretexto da crise por parte do goberno do PP na Xunta. “Estamos en tempo de desconto, acabáronse todas as escusas posíbeis para o señor Feijóo que presume de que xa superamos a recuperación económica e que a crise quedou atrás”, dixo Suso Bermello, secretario nacional do sindicato maioritario no ensino público galego quen explicou que a Consellaría viña de pechar a porta a calquera tipo de negociación para recuperar, entre outros dereitos perdidos, a volta ás 18 e ás 21 horas lectivas semanais en secundaria e primaria respectivamente, un principais recortes aplicados polo PP na Xunta antes incluso de que os aprobara Rajoy vía Real Decreto no ano 2012. Os problemas xerados coas elevadas ratios, o abuso das afíns e os efectos das oposicións nun persoal interino ao que se lle nega a posibilidade de negociar unha mínima estabilidade tamén centraron o debate do máximo órgano de goberno da CIG-Ensino. Nunha interpelación directa aos responsábeis da administración na Mesa Sectorial celebrada onte, estes negáronse a convocar unha mesa de negociación para abordar a recuperación do horario lectivo alegando de novo a que para acometer esta devolución de dereitos debería vir unha partida financeira do Estado. Tal e como lembrou Bermello, “en ningún momento a Xunta lle transferiu todo o que aforrou en postos de traballo ao Estado cando decidiu tomar á dianteira de todas as CCAA ao ampliar horarios tras a chegada de Feijóo ao goberno”.

Bermello explicou que nas continuas visitas aos máis de 1.000 centros educativos do país que van realizar os representantes da CIG-Ensino durante este trimestre aproveitarán para promover unha resposta do profesorado para recuperar os dereitos perdidos con respecto á situación que se acordou coa Consellaría de Educación no ano 2007. “Durante a última década a calidade do ensino público mantívose, sorteando todos os atrancos impostos polos Xunta de Galiza  é a base do sobreesforzo do profesorado que se centran no importante, o desenvolvemento das aulas, pero que teñen menos tempo para coordinarse e traballar en equipo, para o desenvolvemento de proxectos innovadores ou para programar actividades extraescolares”, apuntou Bermello. O mesmo acontece en secundaria, FP e as ensinanzas de réxime especial. Nestes 10 anos incrementáronse considerabelmente as materias afíns, porque o profesorado ten que completar o horario até as 20 horas lectivas semanais impartindo contidos dos que non é especialista, prohibíronse os desdobres por regra xeral, o que supón que sobre todo nas aulas máis masificadas, ou con repetidores que non contan para as ratios máximas de alumnado por aula, que non se poidan atender as necesidades específicas do alumnado e, por suposto, recortáronse de golpe miles de postos de traballo, o que afectou sobre todo ao persoal interino que durante anos viu cortada a posibilidade de acceder a un posto fixo na administración ao non convocarse procesos selectivos.

En palabras de Bermello, “toda esta realidade sufriuna o profesorado nos últimos anos, nun sistema educativo público que mantivo os estándares de calidade malia a sobrecarga de traballo, de burocracia e de horas dedicadas fóra do período lectivo a preparar as clases”.  Agora, ese profesorado contempla, asombrado, como noutras sete CCAA (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura) xa está aprobada a recuperación horaria ao tempo que Féijoo impide en Galiza que se aplique esa mellora. Por tanto, os membros do Consello Federal da CIG-Ensino acordaro acometer unha campaña informativa e de mobilizacións se é preciso para “simplemente recuperar o roubado, sen esquecer outras propostas de mellora para o colectivo docente, pero centrándonos sobre todo nos dereitos usurpados e que un goberno que di preocuparse polo ensino público ten que devolverlle ao seu persoal docente o máis axiña posíbel”, sentenciou Bermello.

 

Volver