O Consello Escolar do Estado aproba importantes propostas da CIG-Ensino

Lamentamos que, porén, non se aprobase a proposta de revisar o Concordato co Vaticano, co obxectivo de que o ensino de relixión non forme parte do currículo escolar, pola diferenza dun só voto

O día 2 de xuño tivo lugar o Pleno do Consello Escolar do Estado, máximo órgano de participación do ensino en todo o Estado no que se aprobou o Informe sobre el estado y situación del sistema educativo para el curso 2009-2010.

Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, interveu no Pleno en calidade de conselleiro representante da CIG no Consello Escolar do Estado manifestando, entre outras cousas, o seguinte:

Non podemos abstraernos de que este informe se corresponde cun momento de crise económica orixinada por un sistema económido-social fundamentado na especulación e na inxustiza, ao servizo dos poderes financeiros e das grandes corporacións, cuxas consecuencias sofre exclusivamente a maioría social, fundamentalmente, a clase traballadora.

O paro alcanza cifras desorbitadas, precarízanse, aínda máis, as condicións de traballo, amplíase a idade para xubilarse, redúcense as pensións, recórtanse e privatízanse os servizos públicos, rebaixase o salario do profesorado e recórtase o profesorado nos centros nestes últimos cursos. Por primeira vez, aplicouse no ensino a redución da taxas de reposición de efectivos a un 30%, o que comporta reducir os cadros de persoal dos centros, ampliar a inestabilidade dos ditos cadros e ampliar a interinidade.

Así mesmo, todo indica que o dereito de nos poder xubilar anticipadamente, recollido nas últimas leis orgánicas, ten os días contados. E, aínda máis, preténdese modificar a Lei das clases pasivas para ampliar a idade de xubilación aos funcionarios e funcionarias públicos/as, reducir as nosas pensións e impedir facer uso do dereito de nos poder xubilar aos 60 anos.

Esta involución dos nosos dereitos laborais e recortes salariais vén acompañada de recortes inasumíbeis e nefastos para avanzar na mellora da calidade da educación, reducir a taxa de fracaso escolar e conseguir que o alumnado no abandone prematuramente o sistema educativo.

En resumo, cómpre un cambio de rumbo da política educativa que valore o traballo docente, restituíndo os nosos salarios, respectando os nosos dereitos e ampliando o investimento educativo no ensino público; única maneira de enfrontar con éxito esta crise económica, xa que a educación pública incide positivamente na igualdade social e facilita a igualdade de oportunidades.”

A CIG-Ensino presentou 14 emendas a este informe, conseguindo que 13 fosen aceptadas polo Pleno, nas que se recolle instar ao goberno central a que:

  • Publique este informe en todas as linguas oficiais do Estado Español.

  • Elabore plans de prevención e loita contra o fracaso escolar e o abandono prematuro do sistema educativo e que asuma, entre outras, as seguintes medidas: o reforzo da titoría e da orientación escolar, apoios educativos, desdobres, redución das ratios, dotación de máis profesorado nos centros, así como de asistentes sociais, onde sexan necesarios.

  • O profesorado se poida seguir xubilando anticipadamente para o ano 2012, e que todo o profesorado maior de 55 anos poida acollerse á redución do seu horario lectivo.

  • Garanta, como mínimo, unha taxa de reposición do 100% de efectivos no ensino para os próximos anos; que reduza as ratios actuais no 2º ciclo de EI a 15 alumnos/as por aula.

  • Oferte prazas escolares suficientes para garantir a demanda de atención educativa no primeiro ciclo de Educación Infantil.

  • Dote todos os centros de Infantil e Primaria de persoal administrativo.

  • Reduza a ratio na educación obrigatoria, fixando, como máximo, 20 alumnos/as por aula.

  • Modifique as disposicións legais para que as administracións educativas asuman as competencias de vixiar, conservar e manter os edificios destinados a centros docentes públicos.

  • Modifique o decreto 1629/2006 co obxecto de que as EEOOII poidan impartir e certificar os niveis C do Marco Común Europeo de referencia para as linguas.

  • Facilite a integración das ensinanzas superiores das ensinanzas universitarias.

  • Non se estabelezan concertos educativos con centros que segregan o alumnado por cuestión de xénero.

Lamentamos que, porén, non se aprobase a proposta de revisar o Concordato co Vaticano, co obxectivo de que o ensino de relixión non forme parte do currículo escolar, pola diferenza dun só voto: 33 a favor, 34 en contra e 10 abstencións (entre as cales están as dos representantes de CCOO)

O Consello Escolar do Estado aproba importantes propostas da CIG-Ensino

Volver