O Consello Escolar de Galiza aproba emendas da CIG-Ensino para diminuír as ratios na FP que a Consellaría ten que tomar en consideración

As votacións no Pleno de onte marcan un punto de inflexión ao poñer en tela de xuízo a política da Xunta e propoñer unha mellora na calidade da Formación Profesional e por extensión de todo o ensino primario e secundario.

Dentro do debate sobre os Decretos de novos títulos formativos foron aprobadas as alegacións referentes a reducir as ratios na FP básica a 15 alumnas e a 20 nos módulos teóricos e a 10 nos prácticos nos Ciclos Superiores, así como unha proposta para incluír a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais e de forma transversal en todos os currículos a lingua e a cultura galegas.

O pleno do Consello Escolar de Galiza deulle o visto bo a diversas alegacións que marcan un antes e un despois na tónica de posicionamento deste órgano. Ademais das votacións favorábeis ás emendas da CIG-Ensino ao Informe sobre a atención á diversidade onte tamén se levaron os decretos de dous novos títulos de Formación Profesional, o de FP básica en Acceso e Conservación en Instalacións Deportivas e o de Técnico/a Superior en Xestión de Auga. En ambos os dous foron aprobadas emendas do sindicato para reducir as ratios, a 15 alumnas por aula no primeiro e a 20 e 10 no segundo, dependendo de se se trata de módulos téoricos ou prácticos, respectivamente. Así mesmo, tamén resultaron respaldadas as propostas para incluír na redacción dos currículos un apartado para que se “recoñeza e valore a lingua e a cultura propias para facer efectivo o dereito de todas as persoas a establecer relacións comerciais, sociais, culturais… na nosa lingua”, así como a inclusión da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais (embarazo e lactación, riscos psicosociais, acoso…)

Punto de inflexión

Os representantes da administración e das entidades afíns ao Partido Popular votaron en contra destas emendas e abstivéronse na votación xeral pero o respaldo foi maioritario ás alegacións presentadas, con 16 a favor fronte a 12 abstencións no caso do proxecto de Decreto do Ciclo Superior e de 18 votos favorábeis fronte a 11 abstencións no do proxecto do título profesional básico. Este fenómeno é totalmente insólito até o de agora no Consello Escolar de Galiza e agardemos que a Consellaría tome note desta emenda á totalidade ás súas políticas. Hai que ter en conta que os ditames deste órgano son meramente consultivos pero unha administración que se di que escoita á comunidade educativa debería tomar en consideración o que se aproba no órgano consultor por excelencia en materia de ensino en Galiza.

Volver