O Consello Escolar de Galiza aproba dous ditames que propoñen cambios importantes nos decretos de creación de dous centros de Innovación

Os ditames recollen todas as emendas presentadas pola CIG-Ensino e recomendan á Consellaría fuxir do dirixismo nos nomeamentos e eliminar a presenza da Deputación de Ourense no Consello Executivo do CGIFP

Logo do paso pola Mesa Sectorial, os decretos polos que se crean o Centro Galego de Innovación de Formación Profesional (CGIFP) e o Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX) foron debatidos no Pleno do Consello Escolar de Galiza o 20 de xuño, aprobando dous ditames que propoñen a modificacións relevantes do deseño fixado pola Consellaría de Educación para estes novos centros.

Os ditames tiveron un respaldo moi maioritario do Consello Escolar. O ditame do CIEDIX contou con 23 votos a favor, 5 en contra e 2 abstencións e o do CGIFP saldouse con 22 votos a favor, 4 votos en contra e ningunha abstención, o que dá boa mostras do alto consenso da comunidade educativa e das diferentes entidades que conforman o Pleno.

Diferentes emendas presentadas pola CIG-Ensino e outras organizacións foron aprobadas e incorporadas ao ditame final, debuxando unha estrutura ben diferente da proposta desde a Secretaría Xeral de Educación, especialmente na conflitiva proposta do centro de innovación de FP, no que se lle da a maioría do seu órgano de goberno a unha administración, como é o caso da Deputación de Ourense, que non é educativa.

Estas son as principais propostas de cambio incorporadas nos ditames:

Centro Galego de Innovación de Formación Profesional (CGIFP)

  • Retirar a participación da Deputación de Ourense do Consello Executivo (no proxecto de Decreto figuran 3 representantes, sendo a administración con maior presenza)
  • Incorporar a presenza de representantes sindicais e patronais
  • Incorporar a presenza de representantes do persoal asesor do centro (ausentes no proxecto)
  • A elección da dirección do centro por concurso de méritos, e non por libre designación, entre funcionariado de carreira con destino en Galiza, preferentemente con competencias nas especialidades de FP, eliminando tamén a obriga de ter destino definitivo.
  • O centro deberá recoller demandas de innovación do tecido empresarial que, ademais de poder ser desenvolvidas nos centros, se preocupen por mellorar a oferta educativa nas distintas comarcas do país.
Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX)
  • Elección da dirección por concurso de méritos e non por libre designación como figura no proxecto e sen obriga de ter destino definitivo.
  • Retirar a obriga de ter destino definitivo para ser persoal asesor.

Que vai facer agora a Consellaría?

Respectar a opinión amplamente maioritaria do máximo órgano de participación da comunidade educativa do país ou facer ouvidos xordos e manter o texto orixinal. Ese é o dilema que ten que resolver agora o conselleiro de Educación. O Consello Escolar é consultivo e os seus ditames non son de obrigado cumprimento mais un resultado como o dos ditames a debate non debería deixar moitas dúbidas a unha administración que crea na participación e saiba aplicar o resultado dos debates democráticos. Agora, a pelota está no tellado de San Caetano e Román Rodríguez ten que asinar dous decretos que nazan da opinión da comunidade educativa ou duns intereses de control inexplicábeis en centros técnicos destas características así como de pagar favores ao señor Baltar.

Volver