O Consello Escolar aproba a maioría das emendas presentadas pola CIG-Ensino ao Decreto de convivencia

O Pleno aprobou un ditame que transforma totalmente a norma presentada pola Consellaría de Educación

A Consellaría de Educación quedou en minoría no último Pleno do Consello Escolar de Galiza que aprobou un ditame que transforma totalmente o decreto polo que se desenvolve a Lei 4/2011, de 30 de xuño, de convivencia e participación na comunidade educativa e que recolleu a maioría das propostas feitas pola CIG-Ensino. O ditame modifica substancialmente a norma proposta pola administración educativa.

Entre as emendas feitas pola CIG-Ensino e aprobadas polo Pleno ten especial relevancia a que recolle as medidas que ten que adoptar a Consellaría de Educación para facilitar a prevención da convivencia escolar e que son reducir as rateos a 15 en educación infantil e 20 en primaria e secundaria, garantir desdobres nos casos no que sexa necesarios, dotar de orientadores,  ampliar a figura do xefe de departamento de Orientación a todos os  centros de infantil, primaria ou de máis de seis unidades e ampliar tamén a rede de equipos de orientación específica e o número de especialistas, o deseño dun plan de formación ou a  inclusión de contidos curriculares, entre  outras.

Entre as propostas da CIG-Ensino e recollidas no ditame figuran as tamén encamiñadas a:

  • Garantir que o profesorado teña unha redución de horario para realizar as función da Comisión de Convivencia e as derivadas das súa funcións.
  • Que a Administración garanta todos os recursos materiais e humanos que sexan necesarios para garantir as condicións e para facilitar a convivencia.
  • Que haxa representantes de todos os sectores na Comisión Permanente, que se elabore un modelo xeral de convivencia coa finalidade de facilitar o traballo aos centros e un protocolo xeral para a prevención, detección e tratamento de situacións de acoso escolar.
  • A supresión da referencia a posibilidade de que se poidan establecer previsións sobre a vestimenta do alumnado.
  • Que a Administración forneza aos centros dos medios e recursos necesarios para a formación do profesorado, as familias e o persoal docente en materia de convivencia.
  • Que os programas de habilidades sociais vaian dirixidos a todo o alumnado e non só ao que incorra directamente en condutas disruptivas.
  • Que se suprima a creación dunha aula de convivencia inclusiva.
  • Que se estabeleza unha colaboración e coordinación co Servizo Galego de Saúde para atender ao alumnado que o precise.
  • Que sexa a Comisión de Convivencia e non o director o que comprobe que se cumpren os requisitos par a imposición dun procedemento corrector.
  • Que o instrutor dun procedemento corrector dispoña da redución de xornada lectiva durante o tempo que sexa necesario, etc.

Tamén se aprobou unha emenda de adición na que se recollen o que deben ser os principios e fins das normas de convivencia.

Fronte a este frutífero debate que culminou coa aprobación do ditame con 13 votos a favor, 8 abstencións e 3 votos en contra, a CIG-Ensino ten que denunciar a desconsideración absoluta da Consellaría de Educación coa comunidade educativa e os órganos que a representan, porque nunca trasladou a ningunha norma lexislativa as propostas emanadas maioritariamente do propio Consello. Esta é unha boa oportunidade para modificar a súa conduta admitindo as propostas recollidas no ditame.

Ligazón ás emendas presentadas pola CIG-Ensino

LIGAZÓN AO CIG-INFORMA

Volver