O conselleiro de Educación minte na súa intervención no Parlamento e ameaza con reducir aínda máis a presencialidade na FP
A CIG-Ensino acompañou a un grupo de alumnado e profesorado afectado polos cambios na oferta formativa para o vindeiro curso durante a comparecencia de Román Rodríguez
- Lonxe de rectificar, o titular de Educación insistiu en que o cambio de preto de 2 000 prazas presenciais entre ordinario (624) e modular (1199) a distancia “foi unha petición maioritaria dos centros e do alumnado e que esta modalidade se adecúa mellor ás necesidades deste último”, cando a taxa de titulación nesta última é practicamente nula. Chegou incluso a insinuar que poden incrementar as prazas a distancia porque, ao obrigar ao alumnado a matricularse nela e non darlle outras alternativas, “estas poden ser insuficientes”.
- Así mesmo, negouse a dar conta de cantas autorizacións de ciclos se concederan a centros privados e concertados e de como leva investidos os 900 millóns de euros da Estratexia Galega de FP aprobados no bienio 2022/24, alén doutra cantidade inxente de fondos europeos que está recibindo Galiza para a potenciación destas ensinanzas.
- No único no que dixo a verdade o conselleiro foi cando citou expresamente a postura histórica da CIG-Ensino de rexeitamento á FP dual e aos Centros Integrados de FP, tal e como foron concibidos por este goberno, que seguimos criticando “por fomentar a privatización e o modelo de xestión empresarial no ensino público”.
A Consellaría de Educación mantén, malia a forte contestación de profesorado e alumnado de FP que se concentraron diante dos seus centros o pasado venres 16 de xuño e que protagonizaron a Marcha en defensa do ensino público do pasado martes 27, inalterábel a oferta educativa para o vindeiro curso na que se substitúen 624 prazas na modalidade ordinaria e 1199 na modular presencial por ensino exclusivamente a distancia. O seu titular compareceu onte no Parlamento para responder a dúas preguntas dos partidos da oposición introducidas pola vía de urxencia nunha sesión plenaria na que a CIG-Ensino acompañou a un grupo importante de profesorado e alumnado que asistiu como público desde a tribuna.
Na súa intervención, que se pode visionar a partir das 2 :47 horas nesta ligazón, Román Rodríguez volveu mentir ao afirmar que este cambio se producira a petición dos centros, algo que a CIG-Ensino contrastou un por un cos máis afectados e que desde as direccións e os departamentos afectados negan categoricamente. É certo que nalgúns casos se pediu ampliar a oferta formativa a distancia, que o sindicato defende que exista e que se amplíe como complementaria, pero foi a maiores da que xa tiñan presencial, sexa mediante ciclos ordinarios ou mediante oferta por módulos. Román Rodríguez non rebateu en ningún momento as cifras de prazas transformadas en online e limitouse a dicir que esta modalidade ten máis demanda que a modular presencial e que se adecúa máis ás persoas que están traballando e queren conciliar a súa vida laboral e familiar, esquecendo que unhas ensinanzas eminentemente competenciais non se poden impartir con calidade mediante esta fórmula, a fenda dixital existente e a eliminación do efecto socializador que ten acudir a un centro educativo sobre todo para a mocidade. Chegou mesmo a dicir que igual tiñan que aumentar as prazas a distancia porque ao eliminar esas 2 000 prazas presenciais o alumnado verase obrigado a recorrer a ela ou a matricularse en centros privados.
No único no que o conselleiro dixo a verdade foi no posicionamento contrario que mantivo a CIG-Ensino, a quen citou expresamente, contra a FP dual por facilitarlle ás empresas man de obra barata e non fiscalizar que a formación que supostamente debe adquirir o alumnado durante a súa estadía nas mesmas se corresponda cos obxectivos do currículo formativo do ciclo que cursan. Tamén é certa a súa afirmación de que o sindicato maioritario no ensino público, ao que o conselleiro tivo moi presente durante toda a súa intervención, rexeita os Centros integrados de FP por levar a xestión empresarial aos centros de ensino e polo seu carácter antidemocrático na elección da dirección e das coordinacións, así como un sistema de calidade abafante que só serve para encher o peto dunha empresa auditora externa ao eido educativo. Neste último punto o conselleiro sacou peito e chegou a dicir que a rede galega de CIFPs é a que mellor funciona de todo o Estado, xunto coa de Euskadi, algo que non é minimamente comparábel sobre todo polas realidades socioeconómicas dos dous territorios.
Estratexia de privatización mediante o desvío do alumnado a centros concertados e privados
Se algo quedou claro a partir da intervención do conselleiro é a estratexia conxunta que teñen Rueda e Ayuso como precursores da privatización do ensino público. Negan ao ensino público os ciclos que si autorizan aos centros privados, aínda que o conselleiro se negou a dicir cantas novas prazas autorizou o seu departamento nestes o vindeiro curso. E tamén queda clara a manobra de eliminar a presencialidade en todas as ensinanzas para persoas adultas. Mentres Ayuso acaba de eliminar todo o Bacharelato presencial para este perfil de alumnado e incrementa ostensibelmente a oferta online nas Escolas de Idiomas, Rueda vai na avanzadiña coa FP pero xa incluíu no Anteproxecto de Lei de aprendizaxe ao longo da vida adulta aprobado polo Consello da Xunta que todas estas ensinanzas (ESA, Bacharalato, FP pero tamén ensinanzas de réxime especial (idiomas, deportivas, musicais e artísticas) serán coordinadas desde o IGALVA e serán exclusivamente online.
Continuidade nas mobilizacións e nas protestas
Así mesmo a CIG-Ensino anima a seguir apoiando todas as campañas e accións que se están promovendo desde os centros, así como a seguir presionando á Consellaría até o último momento para que rectifique e inclúa no prazo de matrícula a continuidade dos ciclos presenciais que demandan os centros porque, do contrario, nos próximos anos haberá unha perda importante da mesma, sobre todo nos centros públicos, un incremento do abandono das ensinanzas e un desvío do alumando aos centros privados. Para o sindicato maioritario hai marxe aínda para conseguir reverter esta situación e mesmo se podería facer desde comezos de curso, sempre que haxa vontade política para facelo.