O concurso xeral de traslados do profesorado fonte inesgotábel de amortización de prazas nos centros escolares
Desde o último concurso xeral de traslados, producíronse en Galiza, segundo datos da propia Consellaría, 1948 xubilacións, mais só se ofertaron 1372 vacantes para cubrir mediante o concurso convocado este curso, no cal participaron preto de 9000 docentes
A intención da Consellaría con esta política de persoal de non cubrir todas as vacantes no CXT non é outra que amortizar parte delas no futuro e ter un colectivo importante de profesorado provisional que lle sirva de comodín e que cada curso coloca ao seu antollo, asignándolle moitas veces prazas con máis materias afíns.
Para a CIG-Ensino, isto supón continuar a restrinxir os xa cativos cadros de persoal dos centros, despois da redución de 3.000 docentes desde o ano 2010, acrecentando a provisionalidade e a inestabilidade do profesorado dos centros, cando hoxe xa o 20% do profesorado dos centros non ten destino definitivo e non se satisfán as necesidades dos centros.
Temos tamén que denunciar a ausencia de negociación real, habitual nas xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra, xa que só se limitaron a facilitar a listaxe das vacantes provisionais que teñen previsto sacar a concurso, das cales desapareceron centos de vacantes actuais, sen facilitar xustificación razoada do porqué de non ofertar a maioría delas.
A CIG-Ensino continuará exixindo que saian a concurso todas as vacantes que neste momento está creadas, funcionando e non cubertas por profesorado definitivo, nomeadamente na provincia da Coruña e Pontevedra, única maneira de estabilizar os cadros de persoal dos centros, de facilitar o desenvolvemento de diferentes programas, de mellorar a calidade do ensino e de satisfacer as necesidades dos centros.
Amortizacións-resultas non adxudicadas |
|
|||
Primaria |
PES |
PT - FP |
||
A Coruña |
62 |
88 |
9 |
|
Lugo |
21 |
94 |
2 |
|
Ourense |
10 |
36 |
8 |
|
Pontevedra |
101 |
18 |
13 |
|
TOTAL |
194 |
236 |
32 |
462 prazas |