O Concello de Miño continúa ignorando os graves incumprimentos laborais e do servizo da empresa que xestiona a Escola Infantil

A CIG-Ensino ten convocada unha concentración para o próximo mércores, 20 de marzo, ás 11:30 horas, diante da Casa consistorial

Ante da falta de actuacións por parte do Concello de Miño pola problemática que se rexistra na  Escola Infantil "A Ceboliña, a CIG-Ensino ten convocada unha nova concentración para o mércores 20 de marzo, diante da Casa do Concello, ás 11:30 horas, para esixir a readmisión da traballadora despedida e que a empresa que xestiona o centro, Novo Alicerce, cumpra co establecido no convenio colectivo e coas condicións da prestación de servizo recollidas no contrato de xestión do servizo da E.I. A Ceboliña.

A CIG-Ensino lembra que xa transcorreron tres semanas dende a reunión co alcalde, na que este se comprometeu a mediar coa empresa para resolver os problemas laborais e para que cese a persecución e o acoso as traballadoras, "mais a realidade é que até o momento o Concello non fixo nada". 

Así, denuncian, nin a traballadora despedida por reclamar os seus dereitos foi reincorporada, nin se corrixiron os atrasos no pago das nóminas (chegaron a estar ate dous meses sen cobrar e a día de hoxe as traballadoras aínda non cobraron o salario de febreiro), non se respecta o establecido en convenio a respecto do uso do comedor, a entrega de roupa, non se lles abonan os trienios, non se negocia o calendario de vacacións, non se fan as substitucións das ausencias do persoal ( habendo no prego unha partida económica fixa para cubrilas), polo que se obriga ás traballadoras a dobrar quendas ou facer horas extras. 

Pero ademais, logo de revisar o prego do contrato entre empresa e Concello, a CIG-Ensino detectou outra serie de incumprimentos que xa foron denunciados esta semana por escrito diante da Alcaldía, a parte dos xa mencionados.  Neste punto, resaltar que Novo Alicerce non entrega o material preciso para o traballo diario coas crianzas, polo que son as propias educadoras as que teñen  que mercalo. E o mesmo pasa coa programación didáctica e o material pedagóxico, que están elaborando as educadoras, "cando é unha responsabilidade da mestra ou directora pedagóxica; é dicir, é unha competencia das dúas propietarias da empresa, que non están atendendo as súas obrigas". Xunto a isto, a CIG-Ensino denuncia que nos patios non se mantén a limpeza e o entorno saudábel requirido nunha escola infantil. 

"Xa non se trata só de que Novo Alicerce despedida arbitrariamente e non respecte os dereitos das súas traballadoras, senón que tampouco cumpre co servizo, e isto é algo moi grave. O Concello de Miño non pode desentenderse nin obviar esta situación cando estamos a falar dun servizo público municipal como este. Hai que lembrar que o propio prego de condicións recolle como sanción á empresa a retirada do servizo, en caso de incumprimentos graves", subliña Henrique García, da CIG-Ensino. 

Os grupos municipais da oposición foron informados de todas estas irregularidades tanto pola CIG-Ensino como a través das denuncias individuais rexistradas pola traballadoras  no Concello. Ademais, requiríuselle ao grupo da oposición do PSOE a convocatoria dun pleno extraordinario "dada a gravidade do tema, para que promova unha moción de censura ao alcalde pola súa falta de actuacións".

CIG Informa sobre a inacción do Concello de Miño no conflito laboral da Escola Infantil Municipal

Documento


Volver