O cese do profesorado substituto con data 30 de xuño é arbitrario e contrario a dereito segundo unha sentenza gañada pola CIG-Ensino

A sentenza, pioneira neste sentido, dá resposta a unha demanda presentada polos servizos xurídicos do sindicato e abre unha clara expectativa para rematar cos ceses cando non se incorporou a docente titular da praza

En setembro de 2018 a CIG-Ensino tomou a decisión de abrir unha nova fronte xudicial diante do inmobilismo da Consellaría de Educación á hora de devolver o dereito ao cobro dos meses de verán ao profesorado substituto que traballa 5 meses e medio nun mesmo curso. Este recorte, vixente desde 2012, malia figurar desvergoñadamente no texto do Acordo do Persoal Interino subscrito por outras organizacións sindicais e a Consellaría, mantense na actualidade.

Para o sindicato, unha vez que ese dereito non se garantía, só cabía a opción de acudir de novo á vía xudicial polos ceses indebidos con data 30 de xuño cando o titular da praza non se incorpora a esta. Foi así como en novembro de 2018 entrou na vía xudicial a primeira demanda neste sentido. Como vimos afirmando desde hai xa máis de dous anos, os continuos vaivéns da xustiza en todos os ámbitos (galego, estatal e europeo) obrigan a que conduzamos con cautela as campañas de reclamacións xudiciais, fuxindo das falsas expectativas. Así o fixemos historicamente desde a CIG-Ensino cando conseguimos vía xudicial que o profesorado substituto cobrase as vacacións non desfrutadas (até as sentenzas gañadas pola CIG-Ensino non se cobraban), o cobro dos trienios anteriores a 2007 ou o dos sexenios: abrindo reclamacións puntuais até conseguir que os efectos destas se poidan estender a todo o colectivo do persoal interino e substituto.

 No caso que nos ocupa a docente, substituta de do corpo de EOI, foi cesada o 30 de xuño, tal e como figuraba na súa toma de posesión, e contratada de novo nos primeiros días de setembro para realizar os exames e avaliacións extraordinarias xa que a docente titular da praza non se incorporou durante o verán e obtivo un novo destino no concurso de traslados con data 1 de setembro e era precisa a súa presenza no centro para elaborar as probas e avalialas.

 A resposta xudicial, coñecida nestes días, dá a razón á CIG-Ensino e considera arbitraria a fixación da data de 30 de xuño para cesar a unha docente se a titular da praza non se incorpora. A xuíza do xulgado do contencioso de Lugo afirma no fallo que o cese a 30 de xuño “perde a razón de ser pola non incorporación da titular e o novo nomeamento en setembro”. A sentenza, que é firme e contra a que non cabe recurso, recoñece o dereito a que lle sexan aboadas á docente substituta as retribucións correspondentes até a finalización ordinaria do curso escolar (14/09/2018) xunto coas cotas da seguridade social.

A discriminación do profesorado substituto debe cesar.

A sentenza entra no fondo da cuestión e nela afírmase, coincidindo coa argumentación da CIG-Ensino, que os ceses a 30 de xuño, cando non hai incorporación do titular, vulnera o artigo 24.2.f da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza, no que se fixa o cese por reincorporación da persoa titular. Por iso conclúe que estamos diante dun “trato desigual” ao respecto do funcionariado de carreira mais tamén do persoal interino con contrato de curso completo xa que a argumentación empregada pola Consellaría de que no verán non existe actividade lectiva non se sostén cando o resto do profesorado se mantén con contrato en vigor.

A sentenza non senta xurisprudencia nin pode estenderse a todo o profesorado mais debería servirlle á Consellaría como chamada de reflexión antes de que se produza unha escalada de demandas como xa aconteceu con anterioridade noutros conflitos. Neste sentido, a CIG-Ensino vén de trasladarlle á conselleira de Educación un escrito no que lle solicita que sente a negociar a aplicación desta sentenza a todo o profesorado substituto así como a retirada nos orzamentos do 2020 do recorte no pago do verán a que traballou 5 meses e medio durante o curso escolar.

CIG Informa sobre a sentenza do cese de persoal substituto a 30 de xuño

Documento


Volver