O anteproxecto de Lei de Economía Sostíbel pretende privatizar aínda máis a Formación Profesional

Pleno do Consello Escolar do Estado

A CIG-Ensino, no pleno do Consello Escolar do Estado, do día 28 de xaneiro, convocado para ditaminar aqueles artigos (do 80 ao 93 e a disposición final vixésimo sétima) do anteproxecto da Lei de Economía Sostíbel que fan referencia ao ensino, presenta 23 emendas a estes artigos, constatando o seu rexeitamento a este anteproxecto.

O anteproxecto de Lei de Economía Sostíbel pretende privatizar aínda máis a Formación Profesional

 

A CIG-Ensino, no pleno do Consello Escolar do Estado, do día 28 de xaneiro, convocado para ditaminar aqueles artigos (do 80 ao 93 e a disposición final vixésimo sétima) do anteproxecto da Lei de Economía Sostíbel que fan referencia ao ensino, presenta 23 emendas a estes artigos, constatando o seu rexeitamento a este anteproxecto.

 

Para a CIG é inadmisíbel que se someta a ditame un proxecto de lei sen que previamente se abra un amplo debate social e político, así como en sen participación das diferentes administracións públicas.  

 

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) non nos parece o procedemento adecuado aproveitar a Lei de Economía Sostíbel para introducir unha serie de modificacións do actual marco lexislativo da formación profesional, así como medidas e propostas dun profundo calado privatizador.

 

Resulta preocupante como, neste anteproxecto, se reforza e amplía a formación profesional concertada, considerando unha obrigación das administracións públicas promover a consolidación dunha rede estábel de centros de formación profesional entre as que inclúen os centros concertados (artigo 83). Non hai xustificación posíbel para desviar diñeiro público para privatizar, a base de concertos educativos, a formación profesional e considerala rede pública.


Destaca tamén por centralista, xa que retrae competencias que lle corresponden ás diferentes administracións autonómicas como poden ser a xestión da formación profesional a distancia e a regulación dos servizos de información e orientación profesional (artigo 85 e 91). 


É necesario e urxente buscar medidas para facilitar a maior formación do alumnado no sistema educativo e reducir así a alta porcentaxe de abandono temperán do sistema educativo e de fracaso escolar, pero  débese evitar consagrar vías diferentes para acceder ás titulacións académicas que supoñan desprestixiar a formación profesional e reducir a capacitación e formación do alumnado.

 

Non se aproveita, con todo, este anteproxecto para introducir a xestión democrática dos centros integrados e a elección democrática dos seus cargos directivos.

 

Resulta inaceptábel e incomprensíbel que se estabeleza a posibilidade de ampliar a xornada e o horario do profesorado de FP (horas extra) e que non estea suxeito á autorización de compatibilidade. Mentres algúns profesores poderán sacar un sobresoldo coas horas extra, outros, os interinos e interinas, poden ir á rúa, e a creación de emprego será aínda menor (artigo 83.6).

 

En conclusión, para a CIG-Ensino, o lóxico e normal sería modificar a actual Lei de Formación Profesional -compromiso contraído no seu día polo actual partido que sustenta hoxe o goberno- en todos aqueles aspectos que hoxe están postos en cuestión como son a súa privatización, o seu centralismo e a falta de xestión democrática dos centros integrados e non valerse desta lei par reforzar a privatización da FP, reducir o marco competencial das CCAA e fixar medidas regresivas.

 

Noutra orde de cousas, estamos ante un anteproxecto de lei que deixa de abordar moitos aspectos fundamentais para unha economía sostíbel, tal como sería un sistema fiscal progresivo como ferramenta da distribución da riqueza, non regula nada sobre a concentración financeira, limitación do fluxo financeiros, paraísos financeiros, evasión de capitais, enxeñeiros financeiros, mercados interbancarios, política crediticia, etc.  Entre outras deficiencias, carece dunha concepción global sobre a aplicación de políticas de protección e mellora dos ecosistemas naturais. Estas foron algunhas das razóns polas que a CIG presentou unha emenda á totalidade e a proposta do ditame sobre o anteproxecto de Lei de Economía Sostíbel que elabora o Consello Económico Social (CES).


Proxecto de Lei de Economía Sostíbel


Emendas presentadas

CIG-Informa

Volver