O acordo do persoal de interinos é como un chicle que só estira a Consellaría e no que o persoal substituto é de usar e tirar

Nova modificación do acordo de interinos para solucionarlle un problema á Consellaría e non para dar un trato xusto ao persoal

A Consellaría obtivo o apoio das demais organizacións sindicais, minoritarias na Mesa Sectorial, a unha proposta de inclusión dunha disposición transitoria na que se introducen cambios na apertura de novas listas de substitucións até que remate a situación excepcional provocada pola pandemia. 

Dúas son as principais novidades que se aplicarán na apertura de listas de persoal substituto mentres dure a situación excepcional derivada da COVID-19: o cambio no baremo e a posíbel incorporación de docentes sen mestrado de secundaria. 

O cambio no baremo

a) Só se baremará a nota media do expediente académico. O criterio de desempate será que terá prioridade quen teña como inicial do apelido a letra do sorteo anual que fai a Consellaría de Facenda. No 2020 é a letra S. 

b) Seguirá sendo requisito indispensábel o CELGA 4 ou equivalente. 

c) No caso de estabelecerse na convocatoria a exención do Mestrado do profesorado, quen o teña terá prioridade. 

d) Quen acceda a listas sen o Mestrado do profesorado e traballe, non consolidará o posto nas listaxes de substitución.

Que implica o cambio ao respecto do baremo?

O baremo que se aplica para a apertura de novas listas é o mesmo que se emprega para a fase de concurso dos procesos selectivos. No caso de listas que se actualizan despois de cada oposición a orde na lista faise co resultado da fase de oposición. 

A proposta da Consellaría, que contou co apoio dos demais sindicatos, implica que vai haber consolidación na orde da lista con diferentes criterios. 

Que é o que non se vai ter en conta para ordenar as listas que se poidan abrir este curso?

Non se van ter en conta o seguintes méritos: 

  • Experiencia docente
  • Posgraos, doutoramento e premios extraordinarios
  • Outras titulacións universitarias de 1º ou 2º ciclo
  • Titulacións de réxime especial ou FP: títulos profesionais de música e danza, EOI, artes plásticas, FP, etc.
  • Dominio de linguas estranxeiras
  • Actividades de formación superadas ou impartidas
  • Méritos artísticos (só para conservatorios) ou premios en certames ou exposicións (para artes plásticas e deseño)

Que é o único que se vai ter en conta?

A nota media do expediente académico, con independencia da titulación de que se trate. Así, por exemplo, naquelas especialidade do corpo de PES nas que se poda acceder con licenciatura, grao ou diplomatura, non se terá en conta a diferenza na titulación. O mesmo pasará nas especialidades de FP nas que se pode acceder con título superior de FP. Até o momento actual como o expediente era unha das diferentes partes do baremo a titulación superior sempre primaba. Iso agora desaparece durante o tempo de vixencia desta medida transitoria.

A exención do mestrado

Aplicando a porta que deixou aberta o Ministerio no RDL 31/2020, a Consellaría vai permitir que docentes sen mestrado de formación pedagóxica poidan entrar nas listaxes de substitucións coa seguintes condicións:

  • Terá sempre preferencia o persoal substituto que teña o mestrado
  • Poderán traballar sen mestrado e terán que facer unha formación inicial simultánea co comezo do actividade docente.
  • Non conservarán o posto na listaxe e serán eliminados das listas a todos os efectos para o curso seguinte.
A posición da CIG Ensino sobre os cambios
  • Sobre a modificación do baremo:
      • Non estamos de acordo con que se introduzan diferenzas no baremo para acceso a listas. As persoas que consoliden nestas listas vano facer cunhas condicións de acceso diferentes ás que xa están e as que van estar cando remate esta situación excepcional. 
      • A Consellaría de Educación ten un problema (insuficiente persoal para facer o traballo en tempo e forma) e pretende alterar o sistema de acceso ás listas para solucionalo. O que debe facer a Xunta é recorrer a mecanismos de contratación de persoal para este traballo. Para iso existe a figura da acumulación de tarefas na Lei do Emprego Público de Galiza (por un período máximo de 6 meses no prazo de 1 ano). O que debe facer Educación é programar a apertura de listas nun período concreto do curso e ter contratado suficiente persoal para poder facer a baremación no menor tempo posíbel se a necesidade de ter as listas operativas así o require. Cambiar as regras de xogo só beneficia á Consellaría e para nada ao persoal interino e substituto. 
  • Ao respecto do persoal que careza do mestrado:
      • Chama poderosamente a atención que sexa a propia Xunta a que limita o acceso a mestrados de secundaria nas universidades públicas galegas e despois busca solucións de urxencia porque non ten profesionais con el (só na UVigo houbo 2.215 solicitudes neste curso para 280 prazas, segundo información do seu Consello Social). Deben incrementarse as prazas, tamén as do curso equivalente a mestrado para aquelas titulacións de FP que non poden acceder ao mestrado. A limitación de prazas nas universidades públicas só beneficia a universidades privadas que están a converter estes mestrados nun auténtico negocio, o que provoca que acceder a un mestrado se estea convertendo en inalcanzábel para moita xente por cuestións económicas.
      • Se a administración chega a necesitar a este persoal para algunha especialidade en concreto non pode despois tratar a este persoal como de usar e tirar. Pode haber persoal que estea a cursar agora mesmo o mestrado e que obteña a titulación con efectos do curso seguinte. Eliminalos da lista implica desprezar o traballo que poidan facer. Xa que a Administración acepta transitoriamente que un colectivo poida impartir docencia sen un requisito, o máis xusto é que, se cumpre posteriormente ese requisito, non se desbote a súa experiencia. Ese requisito debería cumprirse no curso seguinte ou prazo que se negociase e ese persoal só sería de novo contratado se se esgota a lista de persoal con  mestrado. De consolidar o posto na lista sempre sería coas condicións coas que accedeu (nunca pasaría por diante de profesorado anterior na lista con mestrado xa consolidado). Unha medida similar adoptouse cada vez que se produciu un cambio nos requisitos para a docencia e había profesorado interino que non os cumpría. A última vez foi con profesorado do corpo de PTFP en activo.

Unha negociación truncada

Porque os sindicatos asinantes do acordo seguen aceptando o xogo da Consellaría que se nega a tratar outros temas relacionados co acceso do persoal interino?

A Consellaría decide unilateralmente que lle interesa cambiar e dáse por bo polos asinantes habituais. Levamos numerosas modificacións do acordo de interinos nas que a CIG-Ensino presenta propostas para superar as limitacións na negociación que impón a Consellaría. Por desgraza, os demais sindicatos non moven un dedo por facer unha fronte común e abrir máis alá a negociación. O único interese demostrado na Mesa foi para renegociar os motivos de renuncia, coincidindo todas as partes asinantes do acordo en que hai “demasiadas renuncias”. Volvemos insistir: sabemos que os dereitos a renunciar dan moito traballo nos servizos centrais e que, sobre todo en especialidades de FP, está a haber moitas renuncias. Isto ás veces provoca retrasos nas contratacións. Mais o que non pode é culpabilizar o persoal interino cando a solución non debe pasar por restrinxir dereitos senón por dotar de máis medios ao persoal que fai chamamentos.

CIG

Estas foron as propostas da CIG-Ensino para mellorar o actual acordo de persoal interino:

  • Acordo de estabilidade. Negociación dun acordo de estabilidade para o profesorado interino no que se recolla a estabilidade derivada da fraude na contratación temporal. O acordo, como levamos anos demandando, partiría das actuais condicións de acceso e permanencia nas listas e daría resposta ao exceso de contratación temporal que a xurisprudencia europea interpreta como fraude e para o que aínda non hai solución xudicial no Estado, nin pola vía da sanción nin pola vía da permanencia no posto de traballo.
  • Cobro nos meses de verán para o persoal substituto e contratos máis alá do 30 de xuño. Restitución do dereito do profesorado substituto a cobrar os meses de verán, polo menos cando se tivesen traballado 5 meses e medio durante o curso escolar. 
  • Contratos máis alá do 30 de xuño. Extensión de todos os contratos máis alá do 30 de xuño cando non se incorpora a persoa titular.
  • Desequilibrio nos motivos das renuncias. A duración das renuncias en función dos diferentes motivos está desfasada e non responde a criterios de equidade co motivo que leva á renuncia. Así, non existe límite para a ampliación de estudos e si o hai por ter outro contrato de traballo ou por ter fillos menores. Non ten sentido esta situación. Entendemos que require unha revisión. 
  • En primeiro lugar demandamos que se introduza a renuncia a chamamentos durante un prazo máximo de 3 anos sen xustificación. Neste momento todas as persoas poden limitar a 1 provincia os chamamentos ou renunciar a seren chamadas por determinados motivos. Cremos que debe favorecerse que se poida renunciar sen xustificación durante 3 anos con carácter xeral e que este prazos se poidan ampliar no caso dos motivos actualmente existentes, mesmo fixando un tope de anos, se se acepta a nosa proposta. 
  • A idade dos fillos ou fillas debe acomodarse á idade que con carácter xeral emprega a Xunta para a conciliación familiar (reducións de xornada, etc..): 12 anos. Hai que ter en conta que outros prazos como o coidado de familiares non teñen límite. Na norma debe figurar a data na que se debe cumprir o requisito da idade: momento da renuncia, final de ano como nas concilia ou final de curso. Caso de non aceptar esta proposta con carácter xeral si debe terse en conta en caso de familias monoparentais ou crianzas con discapacidade como xa se fai para as comisións por conciliación. 
  • Ampliación a calquera tipo de contratación para renunciar por ter un contrato de traballo: autónomos, fixos descontinuos, indefinidos, a tempo parcial, empregado público nunha categoría inferior, etc... Unha traballadora de telemárketing ou dun centro comercial pode ter un contrato precario por moi indefinido que sexa. Debe ter opción a eses 3 anos de suspensión. 
  • A consolidación na lista en caso dunha renuncia non debe depender dos seguintes chamamentos. Neste momento só se acepta que unha persoa consolide en caso de renuncia se outra posterior na lista acepta unha praza. Entendemos que é discriminatorio e debe consolidar xa que polo posto que ocupa foi chamada e lle correspondía traballar. 
  • Causas xustificadas para non presentarse aos procedementos selectivos. No punto 12.4 cítase expresamente que a acreditación de enfermidade no día da presentación se entende como causa xustificada. Debe incorporarse tamén atoparse nas 6 semanas de descanso obrigatorio após o parto ou adopción. 
  • Conversión en interinidades de todos os contratos de substitución cando a praza se converte nunha vacante. A Consellaría pasa a interinidade un contrato de substitución se se produce a xubilación do titular (ou calquera outro motivo que dea lugar a que a praza fique vacante). Mais restrinxe este dereito a que ese cambio se produza antes do 1 de xuño; en caso contrario non se transforma en interinidade. A CIG-Ensino están en desacordo con esta decisión e defende que non se fixe ningún límite, de tal maneira que se a praza queda sen titular se transforme o contrato automaticamente. 

 

O acordo do persoal de interinos é como un chicle que só estira a Consellaría e no que o persoal substituto é de usar e tirar

Documento


Volver