O acordo de Montoro cos sindicatos estatais só permitirá recuperar un 0,48% anual do poder adquisitivo perdido até o 2020

Un acordo pactado, como vén sendo habitual, fóra das mesas de negociación

Recuperar o que nos foi recortado nos últimos 8 anos levaríanos 28 anos de se manteren os criterios que desvincula os salarios do persoal das administracións públicas do IPC.

Nas formas e no fondo, novamente un acordo entre o Ministerio de Facenda e as organización sindicais habituais (CC.OO., UGT e CSIF) volve a poñer en claro como se entende a negociación colectiva e como se xoga cos e coas traballadoras das administracións públicas. Vendido publicamente como un acordo para recuperación do poder adquisitivo do persoal, como unha vía para o incremento de postos de traballo no sector público e como a recuperación do 100% das nosas retribución en casos de baixa médica, o texto do acordo dista moito de responder a esas premisas, o que levará á CIG a non apoialo na Mesa Xeral das Administracións convocada para o mércores 14  en Madrid.

As formas: tanto molestan as Mesas de Negociación?

Na Mesa Xeral das AA.PP. están representadas CC.OO., UGT, CSIF, CIG e ELA. Tanto a CIG como ELA somos claramente maioritarios no sector público dos nosos respectivos países, mais é obvio que a maioría a nivel do Estado das organizacións estatais permite que podan condicionar decisións e debates nesa Mesa, que é o máximo órgano de representación de todo persoal do Estado que traballa no sector público. Se isto é así, por qué precisan estas organizacións e o propio Goberno negociar por fóra da Mesa e presentar nesta un acordo “atado y bien atado”? Cal é o papel que se lle reserva á negociación colectiva legalmente estabelecida? Desde hai anos, e no que ten a ver cos salarios e os marcos xerais das condicións de traballo do sector público, ningún. 

A CIG non pode asumir como propio un documento do que non foi parte en ningún momento e que foi negociado polas cúpulas sindicais e gobernamentais sen publicidade e sen contraste cos traballadores e traballadoras, mantendo vellas prácticas desgraciadamente consolidadas tanto no bando sindical como no do Goberno.

O fondo: a vitoria do poder político e económico coa desvinculación do IPC

Desde os comezos da actual crise económica, foron incesantes os intentos dos gobernos de Zapatero e Rajoy e da propia patronal por desvincular os salarios do valor que tradicionalmente se empregou para negociar os seus incrementos, o IPC. Nos últimos anos grandes empresas xa introduciron nos seus convenios o factor da produtividade (Produto Interior Bruto-PIB) no sitio do IPC  e así o fixo o propio Goberno do Estado coas pensións públicas que a día de hoxe non se rexen xa pola variación dos prezos, o que está levando a unha importante perda de poder adquisitivo e a unha contestación social sen precedentes das persoas pensionistas. 

Agora tócanos ás empregadas e empregados públicos. Por vez primeira, e co apoio sindical sinalado, os nosos salarios xa non se indexarán en función da carestía da vida, senón en función da evolución da economía global española. Isto senta un precedente pernicioso, pois o PIB só reflicte o incremento do valor monetario dos bens e servizos, desligándose da evolución dos prezos do noso consumo diario e sen estabelecer antes criterios de reparto igualitario de ditos beneficios. 

A recuperación real do poder adquisitivo, en prazos inasumíbeis e sen visos de ser unha realidade. 

Nos próximos tres anos as retribucións do persoal do sector público subirán un mínimo dun 6,12% (con incrementos de 1,75%, 2.25% e 2% en cada exercicio). A maiores fíxanse uns posíbeis incrementos vinculados ao PIB. Segundo as estimacións oficiais do Banco de España de decembro de 2017, que as partes negociadoras debían coñecer perfectamente, o PIB non superará o 2,1% nos anos 2019 e 2020, polo que no mellor dos casos esas subas poderían chegar como máximo ao 6,38%

Mais ao mesmo tempo, e sempre segundo os informes do Banco de España, o IPC destes tres anos (2018 a 2020) experimentará un incremento do 4,67%. Isto implica que a parte de recuperación do noso poder adquisitivo se limitará a un 0,48% anual (ou 0,57% no mellor dos casos). Se temos en conta o desfase de poder adquisitivo mínimo desde 2010 (13,20% no Estado) o funcionariado e o persoal laboral público tardaría 28 anos en recuperar o que lle foi “arrebatado” polos diferentes gobernos. No caso de que se cumpriran as previsións do Banco de España para o 2019 e 2020 a recuperación non se acadaría até os 22 anos.

Esa recuperación sería moito máis lenta en administracións como a galega, xa que a Xunta foi máis agresiva que a propia administración central nos recortes ao seu persoal, mantendo os complementos específicos das extras recortados até o ano 2017 e onde o acumulativo do IPC foi lixeiramente superior ao do Estado.

Á vista destes datos máis que elocuentes, parécenos unha auténtica tomadura de pelo ás persoas empregadas públicas que se nos fale de recuperación de poder adquisitivo en relación ao perdido nos últimos 8 anos. 

A arte de envolver as cifras e de condicionar o marco de negociación: os fondos adicionais.

Nos termos que se presentan no acordo para aderezar as contías figuran uns “fondos adicionais” que se poderían negociar e incrementar nas diferentes administracións públicas.

Estes fondos teñen carácter finalista, polo que a súa distribución pode afectar de xeito desigual aos distintos grupos ou escalas das persoas empregadas públicas (sen deixar de mencionar a posibilidade de facer achegas a fondos de pensións privados, que a CIG xa ten rexeitado de forma reiterada). Pérdese así unha boa oportunidade de incrementar a masa salarial de cada Administración con carácter xeneralizado e destinala ao desenvolvemento da carreira horizontal, que faga posíbel ascender a outros niveis de complementos salariais sen cambiar de posto de traballo. 

Por outro lado, desde a CIG entendemos que cada administración debe poder chegar a acordos retributivos sen estar condicionada por acordos e inxerencias do goberno e as cúpulas sindicais estatais, xa que do contrario se está a negar a capacidade de negociación das organizacións sindicais e das administracións en cada ámbito de negociación (autonómico, local).  

A CIG presentará as súas propias propostas.

Fronte ao acordo que condiciona totalmente o debate na Mesa Xeral Estatal, a CIG defenderá unha proposta que incide realmente na recuperación da perda de poder adquisitivo, fixando para estes efectos unha suba adicional sobre o Acordo acadado entre o Goberno e os sindicatos estatais dun 4,40% en 3 anualidades, para recuperar o 13,20% de poder adquisitivo perdido no período 2010-1017, incluíndo unha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC. 

Estas cifras suporían que nun trienio todo o persoal que traballa nas AA.PP. podería recuperar o poder adquisitivo, o que nos permitiría afirmar con absoluta certeza que camiñamos, cun final fixado e perceptíbel, cara a recuperación do que nos quitaron.

O acordo non recolle a derrogación dos descontos por I.T. nin da imposición dunha xornada de 37 horas e media.

A CIG é crítica co feito de que non se recolla con absoluta clareza a derrogación daquelas normas implantadas polo Goberno central para empeorar as nosas condicións de traballo. Así, non aparece o compromiso de derrogar o RD-Lei 20/2012 no que se introduciu a penalización por padecer unha enfermidade. O único que se fai é recoller o que xa é unha realidade: que as diferentes administracións poderán regular no marco das súas competencias as condicións que se deberán cumprir para poder complementarlle até o 100% as baixas por I.T. Isto é algo que varias CC.AA. ampliaron (non así a Xunta de Galiza), sen necesidade deste acordo: a cobertura até o 100% das retribucións até para enfermidades comúns leves como a gripe nalgún caso. De novo, o que sería sinxelo (derrogar a norma que implanta os recortes) difírese a outros ámbitos para que o fagan. 

Outro tanto acontece coa xornada laboral. A día de hoxe hai sentenzas do TC que anulan por inconstitucional a xornada laboral de 35 horas implantada nalgunhas CC.AA. Se o goberno central tivese verdadeira intención de non poñer trabas a que cada Administración planifique a xornada do seu persoal, non tiña máis que derrogar a disposición adicional septuaxésima primeira da Lei 2/2012 de Orzamentos do Estado na que se fixa a xornada de 37,5 horas de traballo, restabelecendo como única norma válida o artigo  47 do EBEP, no que non se fixa un mínimo semanal. 

O máis preocupante de todo isto é que os sindicatos asinantes son perfectamente conscientes de que estaba sobre a Mesa Xeral de Negociación a posibilidade de derrogar esas normas e miraron para outro lado.

Outras medidas sobre condicións de traballo: dereitos perdidos que non aparecen e a xubilación parcial que non se amplia ao funcionariado do réxime xeral.

Hai un apartado no texto do acordo que fai referencia a “outras medidas sobre condicións de traballo”. A CIG entende que adoece dalgunhas ausencias importantes, como é o caso dos Fondos de Acción Social, o fin dos recortes nas pagas extras nos conceptos de salario e trienios (competencia exclusiva do Estado), dos permisos e licenzas suprimidos, da restitución da parte dos convenios colectivos suspendidos, da implantación do sistema de carreira horizontal ou da clasificación do persoal titulado de FP2 no grupo B e de FP1 no grupo C1, etc.

Un tema de especial relevancia é o desenvolvemento da xubilación parcial das persoas funcionarias do Réxime Xeral da Seguridade Social. A este respecto, mencionase no acordo que “se abordará el análisis de otras medidas en materia de condiciones de trabajo del personal al servicio de las Administraciones Públicas, en particular las que afecten a la jubilación parcial de determinados colectivos.”, redacción que indica claramente que se renuncia a abordar este asunto para o conxunto do persoal funcionario do réxime xeral, tal e como estaba previsto no EBEP.

Non se producirá creación de novo emprego

O texto incluído neste acordo supón unha ampliación do Acordo sobre estabilización do Emprego Público, asinado polo Goberno do Estado cos sindicatos CC.OO., UGT e CSIF, e que xa foi rexeitado pola Área Pública da CIG, polas razóns que folga repetir. Mais dunha vez dixemos que este plan de estabilización non recupera o emprego público perdido nos últimos anos, que se cuantifica en 270.000 prazas perdidas no Estado Español das cales 12.000 se produciron en Galiza no período 2010-2017.

En todo caso, estase a falar claramente de prazas estruturais que xa están ocupadas na actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino e noutros casos ocupados por persoal indefinido non fixo por sentenzas, que en ningún caso implican incremento real de prazas nos cadros de persoal.

Pola contra, os acordos de estabilización asinados no Estado e en varias CC.AA. (entre elas Galiza), obriga ás AA.PP. a incluír nas ofertas de emprego todas as prazas estruturais cubertas con persoal interino, laboral temporal ou indefinido non fixo por sentenza, entre as que, por mor da paralización das ofertas de emprego nos últimos anos, se atopa un número  importante de prazas cubertas por persoas próximas á súa xubilación, e que corren o risco de perder o emprego cando máis necesitan consolidar as súas bases de cotización. Para estes efectos, o Acordo non recolle nin a máis mínima previsión no sentido de pactar plans de estabilidade para o persoal temporal, o que xa está dando lugar a que os informes técnicos sexan contrarios a calquera tipo de exclusión por razóns de idade ou outras de tipo social. 

O texto do acordo volve de novo a incidir no trágala que supuxo o acordo de marzo de 2017 de “estabilidade no emprego”. Marcase o mesmo requisito tan criticado daquel acordo: 

“De la resolución de estos procesos no podrá derivarse, en ningún caso, incremento de gasto ni de efectivos, debiendo articularse que en la ejecución de estos procesos, necesariamente, se cubran de forma definitiva las plazas de naturaleza estructural que se encuentren desempeñadas por personal con vinculación temporal”.

É dicir, o obxectivo non é volver as cifras de emprego público previas aos enormes recortes de persoal senón en transformar en fixo o emprego temporal existente, sempre e cando este sexa estrutural. 

Por tanto, malia a tan cacarexada mellora da situación económica, o mantemento das taxas de reposición non permiten crear emprego no sector público (AA.PP., Sanidade, Ensino, Servizos Sociais, etc.) nin recuperar as prazas perdidas nos últimos anos nestes ámbitos. Isto vai seguir xerando sen dúbida emprego temporal e inestábel e nalgúns casos en fraude de lei en anos sucesivos, coa agravante de que agora as taxas xa non veñen impostas, senón que son froito de acordo coas organizacións sindicais estatais.

Deste xeito, os procesos de consolidación de emprego instauraranse nas AA.PP. con carácter crónico, coa conseguinte precarización das condicións de traballo do persoal temporal. 

A CIG non subscribirá un texto que non incide nunha verdadeira recuperación de dereitos.

En síntese, a recuperación anunciada non se ve por ningunha parte, pois non se recupera o poder adquisitivo perdido, nin as prazas de emprego público recortadas nin os dereitos laborais suprimidos, e mantense intacta toda a lexislación restritiva dos dereitos de participación e negociación colectiva, facendo táboa rasa de todas as reivindicacións sindicais.

A Área Pública da CIG non pode renunciar a estas xustas reivindicacións das persoas empregadas públicas e converterse en cómplice dun Goberno que, lonxe de recoñecer o esforzo soportado durante a crise e restituír os dereitos e as condicións de traballo suprimidos, segue a converternos en vítimas permanentes dunhas políticas contrarias aos intereses da clase traballadora en xeral e das persoas empregadas públicas en particular.

CIG-Informa avaliando o acordo de Montoro e os sindicatos estatais sobre salarios e emprego público

Documento


Volver