
O acordo asinado pola Consellaría de Educación, as patronais e outras organizacións sindicais para o ensino concertado é unha fraude ao profesorado do sector
Ensino privado concertado
O acordo asinado pola Consellaría de Educación, as patronais e outras organizacións sindicais para o ensino concertado é unha fraude ao profesorado do sector
Diante do acordo asinado hoxe pola
Consellaría de Educación e O.U., as patronais do sector e as organizacións
sindicais FETE-UGT, FSIE, CCOO e USO, para o Ensino Concertado, desde a
CIG-Ensino queremos manifestar o seguinte:
- Asínase un acordo que non varía a
primeira proposta que fixo a Consellaría, sobre todo naqueles aspectos polos
que se convocou o persoal do sector a mobilizarse e facer unha folga.
Lembramos que o lema das mobilizacións era: “pola mantemento da xornada matinal en xuño
e setembro. Homologación xa!”.
- Con respecto ao tema da xornada non hai
ningún avance, pois os catro primeiros apartados son exactamente iguais que
os que aparecían na anterior
proposta e deixan claro que non se acada ningún dos obxectivos
demandados.
- Da homologación, outro dos puntos que
aparecían nas convocatorias de mobilizacións, tampouco se menciona nada no
acordo.
- A única novidade que recolle o acordo
asinado é:
No apartado oitavo, onde se fala de novo,
como xa se facía na anterior proposta, da Comisión Tripartita, engádese que esta
será dotada dun regulamento de funcionamento que permita fixar prazos e
calendarios para abordar os puntos do acordo e as reivindicacións que quedan
pendentes.
Desde a CIG-Ensino, lonxe de ver este
apartado como outro logro, máis ben parécenos negativo e prodúcenos certa
preocupación. Unha cousa é que exista un foro de negociación onde estean todas
as partes implicadas para debater e negociar aqueles aspectos que afectan aos
traballadores e traballadoras do sector, como xa existía e no que a CIG-Ensino
participou activamente coas súas propostas, chegando incluso a subscribir algúns
acordos (recolocación, analoxía retributiva, etc.), e outra moi distinta que se
lle queira dar a este foro unhas atribucións que non lle corresponden, podendo
condicionar ás patronais (presentes nesa Comisión) a política educativa no noso
país, participando na discusión de ordes, decretos, regulamentos, etc. que
afecten ao noso sistema educativo. Para iso xa existe unha Mesa Sectorial de
Ensino non Universitario e debe ser quen asuma esas
competencias.
- Chámanos a atención que se sacrifique a
unidade sindical, excluíndo claramente a CIG-Ensino das últimas reunións e
convocatorias, cando tiñamos unha plataforma conxunta presentada por todas as
organizacións, mentres se propician encontros coas patronais para facer unha
fronte común nas demandas diante da Consellería. O resultado final é o de
sempre: aproveitar as lexítimas demandas do persoal para introducir outras que
pouco teñen que ver coas súas condicións de traballo e si co incremento dos
concertos a través de diversas vías.