O 8M nas aulas
Material didáctico para traballar nas aulas de educación primara e educación secundaria de cara ao día da muller traballadora
Como cada ano a CIG-Ensino anima o profesorado galego a abordar o Día da muller traballadora cunha perspectiva integral e pon a disposición da comunidade educativa dúas unidades didácticas adaptadas ás etapas de Primaria e de Secundaria.
O obxectivo é favorecer desde o sistema educativo a construción dunha sociedade diversa e plural na que os valores da igualdade, a non discriminación e a convivencia en paz sexan os eixos principais. Somos conscientes de que a situación de violencia e de discriminación que viven as mulleres no mundo non é allea ás nosas alumnas e por iso é importante traballar desde o ensino para erradicar comportamentos e actitudes que reproducen os roles patriarcais e machistas que permanecen latentes no noso contexto.
Unidade didáctica para traballar nas aulas de primaria
A través da realización de 8 actividades perséguese que o alumnado de Primaria reflexione sobre as diferenzas que establece a sociedade entre homes e mulleres e que recoñeza as actitudes discriminatorias que se exercen sobre o feminino pero tamén sobre outros colectivos. Entre os obxectivos deste material está crear espazos de seguridade entre alumnas e alumnos, adquirir unha toma de conciencia da propia existencia en igualdade coas demais persoas e empregar unha linguaxe afastada de expresións discriminatorias ou sexistas. Ligazón
Unidade didáctica para traballar nas aulas de secundaria
A través da coeducación como base metodolóxica, a Unidade Didáctica dirixida ao alumnado de Secundaria pretende afondar nas relacións de poder que xeran as desigualdades de xénero e converter o estudantado desta etapa educativa en axente de cambio e de transformación social. O uso de recursos audiovisuais e musicais -que traballan cos códigos habituais de consumo do alumnado da ESO e de Bacharelato- pero tamén de estratexias nas que a imaxinación e o contacto persoal permiten unha maior liberdade pedagóxica na aula son a base sobre a que se fundamentan as actividades propostas. Accións que teñen como obxectivo identificar as actitudes violentas e discriminatorias que padecen as mulleres en todos os ámbitos e reverter esta situación no día a día das aulas e do contexto social de alumnado e profesorado. Ligazón
A elaboración deste material tivo en conta a necesidade de empregar recursos pedagóxicos e soportes como o audiovisual ou Internet que contribúan a que o alumnado se achegue ao concepto da interseccionalidade de xénero desde un punto de vista práctico. O obxectivo é encetar unha nova visión do mundo na que teñamos cabida todas e todos en igualdade de condicións e na que as peculiaridades de cada ser humano sexan vistas como unha riqueza e como unha contribución transformadora da nosa realidade cotiá. Animamos o persoal docente a que de cara a esta data se leven a cabo actividades que promovan a toma de conciencia xeral ao respecto do fomento da igualdade e da reivindicación da diversidade sexual e de xénero.