Novos currículos de Formación Profesional
A Consellaría levou á Mesa Sectorial o proxecto de Decreto de catro novos currículos de FP
Currículo de técnico en comercialización de produtos alimentarios.
Currículo de técnico en mantemento de estruturas de madeira e moblaxe de embarcacións de recreo.
Currículo de técnico superior en vestiario a medida e de espectáculos.
Currículo de técnico superior en mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina.
Propostas comúns a todos os borradores
Ensino en galego
Demandamos que se inclúa en cada título que módulos deben ser de obrigada impartición en lingua galega para que se cumpra a lexislación vixente. Débese garantir un mínimo do 50% en galego e isto non se está a cumprir a día de hoxe. Por tanto, deben figurar os mínimos en función da carga horaria dos módulos. Se se realizase un estudo cun mínimo rigor veriamos como a presenza do noso idioma foi decaendo dun xeito alarmante na FP, coa clara conivencia da Consellaría.
Tamén debe figurar expresamente, dentro das medidas necesarias e das instrucións precisas que a Consellaría de Educación adopte para a impartición de módulos a distancia, a garantía de que os materiais estean en lingua galega, algo que a día de hoxe non se cumpre na maioría dos contidos de módulos a distancia.
A día de hoxe a ausencia do noso idioma en moitos módulos de FP, tanto presencial como a distancia, é clamorosa e esta Consellaría segue a mirar cara ao outro lado. A Xunta non pode botarlle a culpa a que o Ministerio non traduza as súas publicacións: debe facer un esforzo para ter publicacións propias. Para este fin ben poden servir a creación de grupos de traballo e a concesión de licenzas de formación.
Propomos incluír outro obxectivo xeral relacionado coa valoración da lingua e cultura propias para facer efectivo o dereito de todas as persoas a estabelecer relacións comerciais, culturais, sociais, etc.. na nosa lingua. É un elemento que entendemos debe ser común a todas as titulacións.
O director xeral tivo a cara dura de afirmar expresamente que a día de hoxe se está a cumprir a Lei de Normalización Lingüística e que, por exemplo, todo o alumando que remata a ESO ten a mesma competencia en galego que en castelán. Tamén que a día de hoxe o 50% dos módulos de FP, co seu material correspondente, están no noso idioma.
Desde a CIG-Ensino afirmamos que só se pode concluír que o Director Xeral mente, porque a ninguén no seu cargo se lle pode admitir que descoñeza de tal xeito a realidade do alumnado galego. É un insulto que se minta tan descaradamente e que se amose unha desidia tan grande pola nosa lingua.
Ratios
A relación profesorado-alumnado non debe superar o 1/20 nos módulos teóricos e o 1/10 nos módulos de carácter experimental.
A Dirección Xeral pretende entrar no xogo das ratios medias do país sen entrar a rebater a nosa proposta.
Igualdade e perspectiva de xénero
A redacción dos obxectivos xerais inclúe nos currículos un relacionado coa igualdade de trato e non discriminación entre homes e mulleres (incluíndo a prevención da violencia de xénero e a realidade homo, trans e intersexual). Xa apuntamos en decretos anteriores a posibilidade de trasladar este obxectivo xeral a apartados concretos do currículo. A Consellaría desoe habitualmente o que se recomenda no Consello Escolar de Galiza, como por exemplo, unha mención expresa ao recoñecemento da importancia da sensibilización e prevención da violencia de xénero.
Igualmente solicitamos que se inclúa nos resultados de aprendizaxe e nos criterios de avaliación a valoración da importancia da prevención dos riscos laborais desde unha perspectiva de xénero, no tocante a riscos laborais no embarazo e a lactación ou os riscos psicosociais e por acoso. Non se pode descansar indicando que é “un tema transversal".
A Consellaría escúsase dicindo que teñen previsto facer unha normativa xeral sobre a perspectiva de xénero para non ter que facer incorporacións en cada currículo. Tempo tiveron e nada fixeron de momento.
Comercialización de produtos alimentarios
Temos constancia dunha proposta remitida á Consellaría por parte de profesorado da especialidade de Procesos na Industria Alimentaria, facendo ver que hai coñecementos específicos do proxecto de decreto do currículo que levarían a concluír a necesidade de que determinados módulos fosen impartidos por docentes desta especialidade. Así, propoñen impartir: Mercadotecnia do comercio alimentario, Seguridade e calidade alimentaria no comercio, Preparación e acondicionamento de produtos frescos e transformados ou Loxística de produtos alimentarios.
Na argumentación incorporan determinados módulos que están a impartir na actualidade noutros títulos e que son moi semellantes.
Desde a CIG-Ensino solicitamos información sobre que valoración fai a Dirección Xeral de FP destas alegacións e defendemos que poida incorporarse esta especialidade ás que xa figuran no borrador do Decreto.
Afirman que a atribución docente é normativa básica do Estado e que por iso se limitan a reproducir as especialidades que figuran no Real Decreto. Como CIG criticamos que non teñamos nin sequera a mínima autonomía como para poder adaptar a norma estatal á realidade do que temos nos nosos centros.