Novo peche en San Caetano ante a negativa de Román Rodríguez a sentar a falar coa ampla maioría sindical do profesorado galego

"O conselleiro de Educación ten dúas opcións: rectificar e sentarse coa voz maioritaria do profesorado galego ou negar a súa propia capacidade como interlocutor no maior conflito aberto nos últimos anos", indica o responsábel da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Logo de que o conselleiro de Educación enviase a policía no día de onte para desaloxar a representación do 60% do colectivo docente galego e amosase unha total ausencia do máis mínimo talante democrático, hoxe, xoves 14, delegados e delegadas da CIG-Ensino, xunto cos demais sindicatos que promoveron as mobilizacións para superar o acordo das renuncias, volven de novo ás portas do despacho de Román Rodríguez. 

Ante a falta de talante democrático amosada onte polo conselleiro de Educación", representantes da CIG-Ensino, STEG e CSIF volveron acudir esta mañá ás dependencias da Consellaría de Educación para solicitar ser recibidos por Román Rodríguez tendo en conta que hoxe non ten ningún problema de axenda para ter unha reunión coa representación maioritaria do profesorado do ensino público galego ao estar celebrándose a reunión semanal do Consello da Xunta do que forma parte.

A insistencia da representación do 60% do colectivo docente galego vén precedida de moitas accións de protesta, dúas xornadas de folga e mobilizacións durante todo este trimestre nas que participou masivamente o profesorado contra un acordo que non dá resposta ás súas demandas, tanto no que ten a ver coa recuperación de dereitos laborais como coa mellora das condicións do ensino público galego e inciden en que "non cesarán até que o conselleiro mude a súa actitude e sente a dialogar".

Nestes momentos os representantes sindicais atópanse na sala do 2º andar da Consellaría de Educación, diante do despacho do conselleiro, e alí permanecerán até obter unha resposta. Agardan non ser desaloxados de novo pola policía, como aconteceu onte por orde dos responsábeis políticos deste departamento, e lembran que "as dependencias da Xunta son de toda a cidadanía, non son propiedade privada do conselleiro de Educación e do partido que goberna a Xunta de Galiza".

Seguiremos informando.

Volver