Novo intento de desbloqueo das Táboas Salariais de Educación Infantil 0–3 para adaptalas ao SMI e recoñecer un diferencial salarial a maiores para as Educadoras

A proposta do diferencial salarial feita pola patronal é “miserenta” por insuficiente e incompleta e comprometémonos a levar á próxima mesa do 26/05 unha proposta salarial xusta e digna, avalada pola nosa representación sindical do sector en Galiza

Grazas á papeleta de conciliación en materia de conflito colectivo metida no SIMA polos servizos xurídicos da CIG (Acordo SIMA do 25/01) conseguiuse a adaptación das táboas salariais dende o 1 de xaneiro de 2020 ao SMI para todas as categorías que tiñan un salario inferior aos 950€ (sen computar o CPP). Esta adaptación bloqueárona as demais OOSS ao reivindicar agora “un diferencial salarial a maiores” para as Educadoras, en recoñecemento do seu traballo, responsabilidade e formación, que obviaron no seu momento os asinantes do XII convenio. Reivindicación lexítima e que sempre demandou a CIG-Ensino.

Ben, pois agora a patronal move ficha na liña dese recoñecemento, facendo a seguinte proposta:

1º - Aceptarían un diferencial para as educadoras, pasando o salario destas, só nas táboas xerais a partires de setembro deste ano a 968€ (10€ máis do que estaba acordado).

2º -  Demandan un compromiso para sacarmos un escrito conxunto coas OOSS solicitando reunións cos grupos políticos por un RESCATE DO SECTOR, trasladándolles as necesidades e situación moi delicada do mesmo debido á crise pandémica e que se destinen axudas para podermos subsistir e manter os postos de traballo.

A resposta da parte social en xeral, foi cualificar a proposta da patronal de “insuficiente”, pero con matices:

Os sindicatos estatais asinantes deste convenio e das condicións salariais actuais agradeceron o esforzo que fai a patronal e din que se conforman con aplicar o diferencial salarial ás educadoras dende setembro, pero que este debe ser maior. Están dispostos a materializalo en varios anos e que as educadoras dignifiquen os salarios  acadando os 1200€ nuns 3 anos. O sindicato maioritario, sorprendentemente, sumaríase a esa proposta engadindo que o recoñecemento debe ser explícito e non só implícito (ulo? a súa demanda do “dereito ao diferencial ás educadoras” na Audiencia Nacional, renunciando aos atrasos do diferencial de xaneiro do 2020 a agosto do 2021).

Logo todos están dispostos, coma en anteriores escritos conxuntos feitos, a asinar o escrito patronal para que o sector (as patronais) reciban axudas coa finalidade de paliar este mal momento.

A CIG-Ensino tachou a proposta de “miserenta”, por moi insuficiente, incompleta (non é para todas as educadoras, só as das táboas xerais) e sen retroactividade (o diferencial salarial para educadoras dende xaneiro de 2020 ate agosto do 2021 non o habería, polo que aí non teñen dereito ao recoñecemento?).

A CIG-Ensino, pensa que, no que se refire ao tramo de atrasos pola adaptación aos 950€, se debe aboar un diferencial salarial ás educadoras, aínda que teñamos o acordo do SIMA (o cal recolle que se cumpra o convenio e o RD do SMI), pois agora estamos nunha mesa de negociación e é lexítimo loitar por mellorar e repoñer inxustizas. Agora como o resto de OO.SS, asumen comezar a cobrar ese diferencial salarial dende setembro do 2021, entendemos que debe compensarse esa perda con maiores diferenciais salariais futuros ás educadoras.

Deste xeito, a CIG-Ensino levará á mesa de negociación do 26/05, unha proposta salarial xusta e digna, avalada e acordada coa súa representación sindical no sector en Galiza, coas seguintes reivindicacións:

1º - O diferencial salarial entre Educadoras e PAS debe acadar como mínimo estar por enriba dos 100€. Antes do XII convenio os  diferenciais eran de máis de 100€ e  nos centros de xestión indirecta a partir de setembro de 2021 será de 102€, pois nas táboas xerais debe acadarse e manterse igual.

2º - O salario das Educadoras acadara os 1200€ nun prazo curto de tempo, en 2 ou 3 anos.  No caso de acadar o SMI o 60% do salario medio do país, é dicir 1.150€, tal como recomenda a Carta Social Europea, este salario deixará de ser referencia ao aplicar o diferencial do 1º punto.

3º-  As diferenzas entre as táboas xerais e de xestión indirecta recuperaranse na liña das táboas anteriores ao XII convenio, camiñando a equipararse, baixo o criterio que defendemos dende a CIG-Ensino de “a igual traballo igual salario”.

4º - Aplicar a mestre e persoal complementario incrementos salariais dignos (mínimo IPC con cláusula de revisión salarial), caso de pechar táboas para anos vindeiros.

Exemplo do que podería ser esta proposta nas táboas salariais futuras, camiñando cara a dignificación dos salarios no sector desta etapa 0-3 e que nunca se deron, nin en época de vacas gordas na economía:

TÁBOAS XERAIS ( PRIVADAS)

         

 

2018

2019

2020

2021

2022

2023

EDUCADORAS

881,20 €

930 €

948,60/950€

958,09/ 1.022€

1.102 €

1.172 €

PAS

735,90€ (SMI)

900€ (SMI)

950€ (SMI)

950€ (SMI)

1.000 €

1.070 €

     

Setembro

Setembro

   
       

EN AZUL A PROPOSTA DA CIG

 

TÁBOAS XESTIÓN INDIRECTA ( MUNICIPAIS)

     

 

2018

2019

2020

2021

2022

2023

EDUCADORAS

901,92

910 €

923,65/950€

1.122 €

1.162 €

1.202 €

PAS

735.90€ (SMI)

900€ (SMI)

950€ (SMI)

1.020 €

1.060 €

1.100

     

Setembro

Setembro

   

Sobre a campaña do rescate do sector, dende a CIG-Ensino estamos dispostos a colaborar e reivindicar, pero sempre que o texto e propostas que se recollan sexan tendo en conta as condicións laborais e salariais do persoal traballador e non só os intereses da patronal coa excuda da defensa dos postos de traballo. As subvencións ou axudas primeiro deberían ir na liña da recuperación ou do restabelecemento dos postos de traballo perdidos con esta pandemia.

A CIG-Ensino non se parará aquí na loita pola defensa dos dereitos laborais e salariais deste colectivo, pois o obxectivo é seguir reivindicando a mellora e dignificación do convenio da etapa de Infantil 0–3, como así fixemos na negociación do mesmo, chegando incluso a chamar á mobilización quedando sempre sós, o que evidencia máis unha vez que o marco estatal non é o camiño. Todo o recollido historicamente neste convenio aí está, coa responsabilidade sindical de todos os demais sindicatos que os asinaron, convenio tras convenio e sempre en precario, incluso en épocas de bonanza económica.

O sindicato, co voso apoio e confianza, seguirá pelexando en Madrid e onde faga falla, pero como sempre se ven defendendo dende a CIG entendemos que un Marco de Relacións Laborais Galego, próximo aos traballadores/as do sector e no que vós poidades participar e decidir, é a única vía capaz de mudar as dinámicas de negociación para acadar un CONVENIO GALEGO DIGNO E XUSTO.

 

Volver