Novo capítulo na fraude das negociacións salariais coa Consellaría

A CIG-Ensino mantivo a súa posición de vincular unha suba salarial lineal de 150 euros mensuais á negociación inmediata das condicións de traballo docentes e á recuperación das pagas extras detraídas entre 2013 e 2016.

A Consellaría ofertou unha suba de 65 euros a tres anos vista até 2021 e chegou a falar de “falta de vontade negociadora e de imposición” cando é ela a que impón os criterios que están enriba da mesa.

A terceira reunión da Mesa Sectorial na que se está negociando a “suposta equiparación salarial” do profesorado galego deixou esta mañá outra situación esperpéntica. Escenificouse unha nova cesión das outras organizacións sindicais que aceptaron de facto limitar o debate á posición na que debe quedar o noso salario dentro do ranking estatal. Após diversas intervencións tanto da administración como das outras centrais, nas que a CIG-Ensino mantivo a postura xa evidenciada na pasada reunión, a Consellaría presentou unha contraproposta de 65 euros mensuais de suba a completar en tres anos, a razón de 20 euros en 2019, outros 20 en 2020 e 25 en 2021. Unha proposta que segue sendo un desprezo ao profesorado galego. 

Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, reprochoulle á administración que falara de “falta de vontade negociadora e de imposición” cando son dous apelativos que só lle corresponden a ela. Así, lembrou que “este sindicato leva anos reclamando a recuperación dos dereitos salariais e laborais do colectivo docente galego, primeiro mediante unha ILP presentada no Parlamento de Galiza e este mesmo curso mediante unha recollida de 12.000 sinaturas demandando dez medidas urxentes para a mellora das nosas condicións de traballo e retributivas”. 

En relación aos argumentos dados polos representantes da Dirección Xeral de Recursos Humanos sobre as limitacións orzamentarias que ten a administración, Suso Bermello interpelounos lembrándolles todo o que levaban aforrado a conta dos salarios docentes e do conxunto do funcionariado galego. “Porque co que nos roubastes dos soldos poderíase subir moito máis dos 200 euros fixados pola CIG-Ensino inicialmente non só ao persoal docente senón de toda a administración galega”, apuntou. “Falamos dun goberno que saqueou o seu persoal, incluído o profesorado, durante esta última década. Un goberno sostido por un partido político corrupto que acaba de quedar demostrado xudicialmente que orquestrou unha trama de financiamento ilegal. E que sexa unha administración respaldada por unha organización política con caixa B e coas tesoiras afiadas cara aos seus traballadores e traballadoras a que pretenda dar leccións de vontade negociadora é un escándalo”, insistiu. 

O vindeiro venres 1 de xuño está prevista outra reunión na que desde a CIG-Ensino manteremos as tres cuestións básicas que recollemos do mandato do profesorado: unha suba retributiva digna, a negociación para mellorar as nosas condicións de traballo e a recuperación do roubado. En calquera caso todo parece indicar que o camiño trazado desde o momento inicial levará a un pacto de mínimos e de vetos na negociación que en ningún caso poderá asumir a CIG-Ensino.

CIG Informa sobre a terceira Mesa Sectorial sobre equiparación salarial

Documento


Volver