Novidades no Concurso de Méritos Excepcional de Consolidación

Informacións da mesa sectorial do martes 25 de outubro

O texto da convocatoria xa foi remitido ao DOG e será publicado nos próximos días. 

A administración anunciou en mesa sectorial que, tal e como solicitaba a CIG-Ensino, ao persoal que traballou en Orientación de Primaria  ou Prácticas e Actividades puntuaralle a experiencia como traballado na lista de procedencia.

Unha vez que se produciu o retraso pola publicación do RD de integración de PTFP e volvemos ter Mesa solicitamos información sobre a decisión da Consellaría ante determinadas propostas feitas pola CIG-Ensino na anterior reunión: 

  • Puntuación pola experiencia en especialidades como Orientación de Primaria ou Prácticas e Actividades do extinto corpo de PTFP. A Consellaría informa que en Orientación vai baremar a antigüidade na especialidade pola que se accedeu á lista. No caso de Prácticas e Actividades puntuaránlle como tempo traballado en Servizos á Comunidade ao profesorado que accedeu desde esta lista.
  • Acreditación e puntuación de galego. Puntuación do nivel C1 de galego en EOI e de cursos de iniciación e perfeccionamento de galego no apartado de formación cando se presente a validación do CELGA-4 por outra vía (ex: ter cursado Bacharelato). Finalmente a Consellaría non puntuará ningún deles ao entender que é un requisito da convocatoria, aínda que este se reúna por máis dunha vía.
  • Idade forzosa de xubilación: cal vai ser a data a ter en conta para poder presentarse ao concurso excepcional: 65 anos como figura aínda na lei, 66 e 2 meses no 2022, no prazo de presentación de solicitudes, ou 66 e 4 meses a 1 de setembro de 2023, data para poder ser nomeado de funcionariado de carreira? A Consellaría indica que terán en conta a idade de xubilación para a seguridade social no prazo de presentación de instancias (66 anos e 2 meses para 2022) e que non podería ser nomeado funcionariado de carreira quen na data efectiva superase a idade máxima de xubilación (66 anos e 4 meses en setembro de 2023). 
  • tempo de experiencia para acreditar a tutela investigadora en especialidades vinculadas ás ensinanzas artísticas superiores. A Consellaría confirma que o tempo será 2 cursos académicos completos ou 12 meses en períodos continuos ou descontinuos.
  • Puntuación do tempo traballado nos CMUS superiores antes da apertura das listas de interinidades do corpo de cátedras. Confirman que o tempo traballado con nomeamento do corpo de profesorado, aínda que fose facendo as funcións de cátedras, non puntuarán como deste último corpo senón como do corpo que figura no nomeamento.
Toda a información das propostas da CIG-Ensino e dos temas tratados na Mesa Sectorial

Volver