Novidades na xubilación: entra en vigor o novo complemento para a redución da fenda de xénero

Vén aplicándose desde o pasado 4 de febreiro en substitución do anterior complemento de maternidade vixente desde 2016

Con carácter xeral concédeselle ás mulleres que teñan dereito a unha prestación contributiva, que recibirán unha contía anual por cada fillo ou filla que tiveran até o límite de catro. Os homes poderán recibilo só nalgunhas circunstancias e no caso da xubilación anticipada só é compatíbel coa do réxime xeral, non co de clases pasivas.

Desde o pasado 4 de febreiro vén aplicándose nas xubilacións un novo complemento destinado a reducir a diferenza na contía das pensións por razóns de xénero. Nestes momentos esta diferenza ascende ao 30% de media e, segundo establece a normativa que o regula, estará en vigor até que a diferenza entre a pensión media das mulleres con respecto aos homes se reduza até o 5%. O goberno central aprobou este complemento que substitúe o anterior complemento de maternidade, vixente desde o ano 2016, e que se diferencia deste en varias cuestións:

  • En primeiro lugar  este complemento recoñécese, de entrada, a todas as mulleres que tiveran un ou máis fillos ou fillas e que cobren unha pensión contributiva (xubilación, incapacidade permanente e viuvez), sen esixirse ningún outro requisito. No anterior era a partir do segundo fillo ou filla.
  • O complemento consiste nunha contía fixa por cada fillo ou filla (378€ anuais en 14 pagas co valor de 2021) e que se revalorizará anualmente ao igual que as pensió O tope sitúase en catro fillos ou fillas (1.512€ anuais). O importe non se terá en conta para a aplicación do límite máximo das pensións.
  • É un complementodestinado ás mulleres debido á incidencia xeral que ten a fenda de xénero no importe das pensións contributivas. Os homes poden acceder a este complemento só en casos limitados (viuvez con fillos ou fillas en común con dereito a pensión de orfandade ou ter interrompido ou reducida a súa carreira profesional polo nacemento ou adopción, e sempre cunha serie de condicións adicionais).   
  • É un complemento que se concede ao proxenitor que máis prexudicada teña a súa carreira laboral. No suposto de que ningún sufrise un prexuízo nas súas cotizacións para a xubilación, o complemento recoñeceráselle á nai ou, caso de ser unha parella do mesmo xénero, a aquela persoa con menor pensió 
  • O complemento substitúe o anterior de maternidade, que se fixaba en porcentaxes sobre a pensión persoal (5% con 2 fillos/as; 10%con 3 e  15% a partir de 4). Quen tivese recoñecido este complemento poderá optar por mantelo ou cambiar para o novo, segundo lle sexa máis beneficioso. 

Docentes de Clases Pasivas con xubilación anticipada, excluídas.

Unha das novidades deste novo complemento é que, ao respecto do anterior, si inclúe a xubilación anticipada, mais restrinxida a quen pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social (RXSS), e  non se incorpora este dereito á xubilación anticipada de clases pasivas (CC.PP.)

Tendo en conta as reducións económicas que implica adiantar a xubilación no RXSS e que a totalidade das xubilacións anticipadas no profesorado galego son actualmente de CC.PP., a consecuencia será que ningunha docente que se acolla á xubilación anticipada poderá incorporar este novo complemento de redución de fenda de xénero. Isto implica unha discriminación das mestras e profesoras e outras categorías funcionarias de Clases Pasivas.

O sindicato trasladou unha consulta ao Ministerio e a resposta obtida só pode ser considerada de insatisfactoria e incoherente.

RESPOSTA DE CLASES PASIVAS

“Clases Pasivas sigue excluyendo la aplicación del complemento de maternidad en las jubilaciones voluntarias, puesto que la jubilación voluntaria es un régimen especial. La brecha de género en el sistema de Clases Pasivas no se produce de la misma manera que en el Régimen General de la Seguridad Social, por tanto las situaciones que regulan no son análogas”.

Desde o sindicato consideramos que moitas mulleres ensinantes viron reducida a súa traxectoria profesional ou cotización debido a renuncias, reducións de xornada ou incorporacións tardías á docencia por coidado de fillos e fillas  e que iso debería ser considerado tamén como fenda de xénero. Por outro lado hai que ter en conta que o propio Goberno do Estado non vincula este complemento a ningún tope de pensión e que en Clases Pasivas non  só hai grupos superiores (A1 e A2 únicos na docencia) senón tamén outros grupos con pensións inferiores. Por último no esquezamos que o menor tempo de cotización e vida laboral que afrontan algunhas mulleres pola súa maternidade tamén as leva, en ocasións, a acollerse á xubilación anticipada sen chegar ao tope da pensión do seu grupo. O sindicato promoverá iniciativas para que o Goberno rectifique e estenda este complemento a todas as mulleres por igual.

CIG Informa xubilacións 2021

Documento


Volver