Novas mobilizacións no ensino en Galiza

Medidas propostas pola CIG Ensino para levar a cabo durante o mes de outubro

A CIG-Ensino constata que numerosos centros están combatendo a política da Consellaría de Educación, contraria ao ensino público e de empeoramento das condicións de traballo do profesorado que comporta un deterioro da calidade do ensino público, o que reforza a necesidade de continuar coas mobilizacións.

NOVAS MOBILIZACIÓNS NO ENSINO EN GALIZA

 

 

A CIG Ensino valora que cómpre continuar coas mobilizacións, e así tamén o manifestou o profesorado na campaña de asembleas realizadas pola CIG-Ensino desde o inicio do curso. Por este motivo, a CIG-Ensino convocou as outras organización sindicais para o mércores seguinte á xornada de folga, mais dada a imposibilidade dalgunhas organizacións para reunirse antes reunímonos o venres día 30.

A esa reunión, a CIG-Ensino levou o calendario de mobilizacións que se recolle a continuación. Ningunha das outras organizacións fixo propostas, salvo a de ir a Madrid, o día 22 de outubro.

 

*              Elaboración dun modelo de escrito para que os centros envíen ás familias.

*              Chamamento aos centros para que fagan escritos aos medios, explicitando as súas necesidades e recortes.

*              Solicitarlles aos centros que fagan explícito o conflito con pancartas con, entre outros, o seguinte lema: En defensa do ensino público.

*              Convocar as ANPAS para explicarlles o conflito, recadar o seu apoio e, mesmo, traballar na creación de plataformas comarcais en defensa do ensino público.

*              Concentracións nos centros no horario de recreo ou no horario que cada centro considere mellor, o día 11 de outubro. Nestas concentracións, faranse visíbeis as pancartas.

*              Concentracións comarcais o día 18 de outubro ás 20 horas, para facilitar que toda a comunidade educativa poida asistir.

*              Referendo en urna nos centros o día 25, co obxecto de visibilizar o rexeitamento de todo o profesorado ás imposicións da Consellaría e aos recortes do ensino público.

*              Rolda de prensa conxunta o día 3 ou o día 4 para expor estas mobilizacións.

*              Tamén anunciamos para un futuro medidas como peches nos centros ou aulas nas rúas.

Destas propostas acadamos o acordo sindical nas seguintes:

*              Solicitarlles aos centros que fagan explícito o conflito con pancartas con, entre outros, o seguinte lema: En defensa do ensino público.

*              Convocar as ANPAS para explicar o conflito, recadar o seu apoio e mesmo traballar na creación de plataformas en defensa do ensino público.

*              Concentracións nos centros no horario de recreo ou no que cada centro considere mellor, o día 11 de outubro. Evidentemente con pancartas.

*              Concentracións comarcais o día 18 de outubro ás 20 horas, para facilitar que toda a comunidade educativa poida asistir.

É preciso coñecer que as organizacións de ámbito estatal (CCOO, UGT, ANPE, STEG e CSI-F) acordaron levar a cabo, cunha visión totalmente centralista, diferentes mobilizacións a nivel estatal, entre elas unha concentración en Madrid o día 22, sen nin sequera nos ter convocado para coñecer a nosa opinión, aínda que a CIG-Ensino é tamén sindicato representativo a nivel de Estado. Porén, unha vez que tomaron a decisión sen contar con nós, pídennos que nos sumemos a ela.

Para a CIG Ensino, só desde unha visión ultracentralista, contraria mesmamente ao estado das autonomías, se pode entender que se chame ao profesorado galego a concentrarse en Madrid, cando a solución aos problemas polos que nos estamos mobilizado correspóndelle en exclusiva á Consellaría de Educación. Porque foi a Consellaría de Educación da Xunta quen rompeu unilateralmente o acordo que tiñamos asinado en Galiza, e ela foi quen ampliou o noso horario lectivo, quen nos obriga a coidar ao alumnado que é transportado (función só a fai o profesorado galego) e a que está realizando os recortes na educación en Galiza e é a política da Consellaría a que leva a que haxa máis de 1000 profesores e profesoras menos en Galiza.

A redución ou non do gasto en educación en Galiza depende dos orzamentos da Xunta. Aínda que a tendencia xeneralizada, máis non uniforme, no Estado e na UE é de recortar os servizos públicos, como consecuencia de aplicacións de medidas neoliberais para combater a crise, non é menos certo que non se aplican por igual nos diferentes gobernos das CCAA.

Lamentamos que as sucursais de organizacións que teñen o seu centro de decisión e organización en Madrid se vistan de galegas cando lles convén, aínda que na realidade a súa estratexia españolista nega a evidencia, o conflito en Galiza é contra a política educativa da Consellaría de Educación. Por iso o primeiro en alegrarse en que se desvíe o escenario e o conflito será o propio Goberno do Partido Popular de Galiza e en particular o Conselleiro de Educación que se frotará as mans.

Por certo que estas organizacións xa romperon os acordos unitarios que nos levaron ás folgas e mobilizacións en Galiza, espallando nos centros un manifesto estatal á marxe do conflito que temos aquí e contrario ao manifesto acordado e espallado anteriormente pola plataforma formada en Galiza por todas as organizacións.

Desde a CIG-Ensino facemos un chamamento a todo o profesorado a participar nas mobilizacións propostas e mais no referendo.

Referendo o día 25 de outubro.

A CIG-Ensino, considerando que todas as medidas propostas por nós responden ás demandas recollidas entre o profesorado nas distintas asembleas, realizadas ao longo do mes de setembro. Seguiremos adiante coas catro medidas acordadas coas outras organizacións sindicais e tamén coa proposta de referendo para o día 25 de outubro, co obxecto de que o profesorado amose a súa opinión sobre os recortes no ensino público, a ampliación do seu horario e a obriga de realizar funcións que non lle son propias. Con este referendo demostrarase que o Conselleiro de Educación continúa instalado na mentira, reducindo os datos reais do profesorado que foi á folga e afirmando que o que non secundou a folga está de acordo cos seus recortes.

A CIG-Ensino constata que numerosos centros están combatendo a política da Consellaría de Educación, contraria ao ensino público e de empeoramento das condicións de traballo do profesorado que comporta un deterioro da calidade do ensino público, o que reforza a necesidade de continuar coas mobilizacións.

Volver