Novas improvisacións e falta de coherencia no programa de vacinación para o persoal dos centros educativos

A Consellaría non convocou ás organizacións sindicais, como veu facendo nestas últimas semanas, para dar conta do remate do plan de vacinación nos centros docentes cando resta un 16% do profesorado e un 12% do persoal non docente sen vacinar

A xestión sanitaria e administrativa durante a pandemia ten deixado durante todos estes meses un regueiro de incongruencias, cambios de criterio e rectificacións que amosan non só a complexidade da crise sanitaria que estamos a vivir, algo que ninguén nega, senón sobre todo os enormes erros e contradicións nas tomas de decisión e a pésima política de comunicación, tanto na Xunta de Galiza como no goberno español ou a propia Unión Europea. 

Todo o relacionado coa xestión das vacinas é boa mostra disto. Logo da suspensión do programa de vacinación con AstraZeneca sen un plan B alternativo (agravado pola suspensión no comezo da subministración de Janssen), a nova ocorrencia das autoridades sanitarias é suspender definitivamente a modalidade de vacinación por colectivos esenciais para vacinar exclusivamente por grupos de idade. 

Segundo datos feitos públicos por Educación (uns datos máis pormenorizados relacionados co profesorado do ensino público pediunos CIG-Ensino a semana pasada na Mesa Sectorial e aínda estamos a agardar por eles), terían recibido a primeira dose da vacina 39.000 docentes (o 84% do total, contando ensino público e privado, con ou sen concerto) e 4.300 non docentes (o 88% do total). Por tanto, a decisión de Sanidade deixa colgado ao 16% do profesorado e ao 12% do persoal non docente. 

Hai que ter en conta que nestas porcentaxes, no caso do persoal docente, estaría incluído moito profesorado co que xa houbo incidencias desde o primeiro momento e todas as últimas incorporacións de docentes interinos que se incorporaron a un novo posto nas últimas semanas. Este profesorado é maioritariamente máis novo, polo que coas propias previsións un tanto opacas feitas públicas nestes días, cabe a posibilidade de que non chegue a vacinarse até finais de curso ou mesmo que se vacine unha vez rematado. 

Para a CIG-Ensino, que como é ben sabido, nunca entrou en ningún tipo de carreira competitiva para que un colectivo fose vacinado antes que outro e que mesmo se mostrou moi crítica cun claro nesgo discriminatorio á hora de ordenar colectivos esenciais (o persoal de supermercados e empresas de distribución de alimentos non foron vacinados e cumpriron un papel esencial nos primeiros meses do estado de alarma no 2020), a decisión tomada por Sanidade non ten nin pés nin cabeza. Cando se adopta un criterio e avanza na súa xestión sen maiores atrancos, debe continuarse. O lóxico e normal é rematar o que se comezou e vacinar a todo o persoal que traballa nos centros docentes. 

Un colectivo que quedou totalmente relegado foi o universitario: o profesorado ou o alumnado que fai prácticas nos centros educativos, entre outros, quedaron sen vacinar. Tamén denunciamos graves carencias en centros de atención á diversidade. 

CIG

A CIG-Ensino demanda de Educación e Sanidade que se rectifique na decisión adoptada e que se nos convoque para darnos todas as explicacións sobre a vacinación.

Xunta de Galiza: fai o que eu digo e non o que eu fago

Outras das incoherencias destes últimos días é a obriga imposta polo goberno galego aos restaurantes de contar cun medidor de CO2 para poder atender á clientela. O mesmo goberno que, por boca do conselleiro de Educación, afirmou que non eran necesarios nas nosas aulas e que abondaba cunha boa ventilación. A diferenza é obvia: nun caso a Xunta obriga sen gastar un peso e no outro tería que mercas miles de dispositivos para cubrir as necesidades dos centros dos que é titular. 

Sen entrar no debate da necesidade destes medidores, hai unha cousa que está clara. En aulas cheas de alumnado e docentes (26 en infantil e primaria e máis de 30 nalgunhas aulas de secundaria), durante moitas horas continuadas e, especialmente nalgúns casos sen usar máscara continuadamente -infantil, aulas nas que se traballa a atención á diversidade, aulas de música…- a nova da obriga do control de CO2 nos restaurantes deixa unha sensación de desprezo polo alumnado e profesorado e de subordinación da nosa saúde ás contas da Xunta.  

Volver