Novas do convenio colectivo estatal de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3

Acadada na Audiencia Nacional a adaptación salarial regulada na disposición final 5ª e na transitoria 9ª e constitución da mesa negociadora do XIII convenio

1º - Acadada na Audiencia Nacional a adaptación salarial regulada na disposición final 5ª e na transitoria 9ª, agás para as táboas de xestión indirecta en base a unha resolución da Comisión Paritaria.

2º - Constitución da mesa negociadora do XIII convenio.

1º - Resolucións das dúas sentenzas da Audiencia Nacional tras demandas presentadas polas OO.SS, ás que nos adherimos dende a CIG-Ensino.

As patronais do sector incumpriron o que asinaron neste mísero XII convenio. Amosaron un total desprezo e desconsideración coa representación sindical e cos traballadores e traballadoras en xeral, intentando dilatar e retrasar o máximo posible esta obriga e deber de facer unha nova adaptación salarial nas táboas actuais en vigor. Agora, tras unha sentenza da Audiencia Nacional (AN), deberán actualizar as “táboas salariais xerais” e de “obras sociais” (caixas aforros) incrementándoas o 5,5% de suba, segundo recolle a disposición final 5ª e transitoria 9ª. Esta suba deberá facerse dende o mes de setembro de 2021, cos atrasos que correspondan no prazo de 2 meses dende que se publiquen as novas táboas no BOE.

Dende a CIG-Ensino, exiximos a inmediata sinatura das mesmas unha vez sexa firme a sentenza da AN. Con este incremento salarial o SMI (1000€ dende xaneiro do 2022) verase tamén saldado, nas categorías máis baixas, ao quedar sobrepasado.

Na segunda sentenza da Audiencia Nacional desestimouse a demanda na que só os sindicatos que non asinamos o XII convenio reivindicabamos a aplicación da disposición final 5ª ás táboas salariais de “xestión indirecta” tal cal recolle na súa literalidade. O triste de todo isto foi desestimou o xuíz debido a que os sindicatos asinantes do convenio, UGT – USO e FSIE, foron cómplices das patronais ao recoñecer todos nunha resolución por escrito da Comisión Paritaria do XII convenio (só a integran os asinantes, sendo a CIG o único que defende que deberían ser todos os negociantes) que ese 5,5% desta disposición final 5ª, non sería de aplicación para as táboas de “xestión indirecta” en base a que o “espíritu da negociación” non era ese, corrixindo a literalidade do texto desta disposición final 5ª. As OO.SS que demandamos entendemos que esa resolución excede as funcións da Comisión Paritaria, polo que valoraremos dende a CIG-Ensino o recurrir a mesma.

2º - Constitución da mesa negociadora do XIII convenio.

O pasado día 21/06/2022 quedou constituída a mesa negociadora do XIII convenio, na que nos mantemos as mesmas OO.SS : CIG-Ensino, COO, UGT, USO e FSIE e tamén as patronais. Teremos a 1ª mesa negociadora deste novo convenio o 13 setembro.

Dende a CIG demandamos que ten que haber un cambio de rumbo nas negociacións do mesmo e que se loite sindicalmente dende o 1º momento por dignificar este sector, cousa que vemos difícil como sempre denunciamos neste marco de negociación e máis coas diferenzas, tensións e actitudes actuais dos maioritarios. Ogallá erremos!!!

É por iso que defendemos un  Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante ás traballadoras e traballadores, na que se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo eles e elas mesmos quen decidan (non cúpulas sindicais coma no estatal), para poder dignificar o sector cun  Convenio Galego xusto e digno.

Para isto precisamos máis representación sindical, ser maioritarios no sector en Galiza, para reforzar o noso modelo sindical asembleario, reivindicativo e combativo, fronte ao pactista e entreguista das demais OO.SS estatais.

Nós imos loitar en Madrid por dignificar este XIII convenio, pois representarémosvos coma sempre, en todas as mesas, levando as vosas reivindicacións e informando das mesmas puntualmente.

CIG-Informa Novas do convenio colectivo estatal de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3

Documento


Volver