Convocados pola CIG, e formando parte dun amplo abano de mobilizacións, centos de persoas manifestáronse en Compostela o Sábado 30 de Xaneiro en Defensa dos Servizos Sociais Públicos, e en apoio ás traballadoras e traballladores do Consorcio detrás do lema: SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS. NON Á PRIVATIZACIÓN DO CONSORCIO
Manifestación na defensa dos servizos sociais públicos
Convocados pola CIG, e formando parte dun amplo abano de mobilizacións (ver a rolda de prensa coa convocatoria na seguinte ligazón), miles de persoas manifestáronse en Compostela o Sábado 30 de Xaneiro en Defensa dos Servizos Sociais Públicos e en apoio ás traballadoras e traballladores do Consorcio detrás do lema: SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS. NON Á PRIVATIZACIÓN DO CONSORCIO.
A CIG, quere agradecer e dar as grazas polo apoio e a solidariedade que amosades coas traballadoras e traballadores do consorcio e pola defensa do seu carácter público e recordar que o venres 5 de febreio ás 10:30 horas concentrarémonos no Pazo de Concresos de Compostela diante da Asemblea Xeral do Consorcio.
As traballadoras e os traballadores do Consorcio galego de Igualdade e Benestar levan máis de 8 meses mobilizándose polos seus dereitos laborais, pola aplicación do convenio que temos negociado e que o Consorcio non quere aplicar, pola readmisión das 61 traballadoras e traballadores despedidos das oficinas I+B e pola realización das oposicións xa convocadas e que agora o PP quere anular, mais tamén polo mantemento dos servizos ofrecidos ao conxunto da cidadanía como servizos públicos.
Loitamos contra o desmantelamento das oficinas de I+B. Oficinas situadas maioritariamente no ámbito rural e desde as que se ofrece unha atención integral ás persoas máis vulnerábeis da sociedade en risco de exclusión social e se atenden distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller ou na atención aos adolescentes. Sen embargo o PP decidiu despedir 61 traballadoras coa eliminación dos seus postos de traballo.
Loitamos para que todos e cada un dos centros de Día sigan tendo carácter exclusivamente público. A concesión da xestión do servizo a empresas privadas significa empeorar o servizo e rebaixar a súa calidade. Ademais a privatización destes centros redundará na precariedade laboral, xa que a empresa privada busca o máximo beneficio económico a conta dos traballadores/as. Os servizos sociais teñen que satisfacer as necesidades con criterios de calidade, universalidade e interese social e isto só é posíbel se unicamente son públicos
Loitamos porqueas escolas infantís sigan sendo galescolas, é dicir para que se manteña o modelo educativo e para que o galego sexa a lingua vehicular e así combater o odio que o actual goberno do PP ten para co noso idioma.
O actual goberno do PP paralizou todas as medidas encamiñadas a mellorar as condicións de traballo, salariais e de xornada do persoal do consorcio. Salarios que na maioría dos casos non alcanzan os 1000 euros, amáis de padecer a temporalidade e a precariedade laboral. Por iso esiximos que se aplique de inmediato o convenio acordado e negociado.
Queremos denunciar, tamén, as difamacións e o uso partidista que fai o PP ,atacando aos traballadores e traballadoras do Consorcio que no seu día superaron unha oposición, fíxoselles un contrato fraudulento e agora, matriculados/as nunha nova oposición para acceder a unha praza de laboral fixo, o PP pretende anulala sen ningún aval legal nin xustificación e por encima acúsaas de enchufadas.
O Sr Feijoo e a Sra Mato teñen que saber, que desde a CIG non imos aceptar que se ataque o carácter público do Consorcio e se pretenda a privatización dos servizos sociais, nin que se xogue cos dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras por motivacións perversas e moito menos aceptar os despedimentos
Na actual conxuntura de grave crise económica, como consecuencia da aplicación de políticas neoliberais, son precisamente os usuarios dos servizos que presta o Consorcio o colectivo que merece maior atención por ser os sectores sociais máis desfavorecidos socialmente e polo tanto os que sufran de xeito máis duro as consecuencias desta situación. Non podemos admitir que se pretenda destruír emprego e desmantelar servizos como medidas contra a crise.
Non podemos permitir, tampouco, que o actual goberno do PP na Xunta de Galiza teña por obxecto eliminar estes servizos, fomentando o seu mal funcionamento e degradando o persoal que traballa nos mesmos, coa finalidade de desmantelalos, suprimilos ou privatizalos. O acceso aos servizos públicos debe ser garantido para todas as persoas, independentemente do lugar que se viva. Xa que son dereitos sociais indispensábeis para loitar contra a desigualdade social.
Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que liches e aceptas a información presentada e pechar este cadro.