Nova regulamentación das comisións de saúde

Os cambios afectan a prazos, requisitos, documentación e presentación en sede electrónica.

A Consellaría de Educación presentou na Mesa Sectorial unha nova orde para regular as comisións de servizo por motivos de saúde, tanto propias como dun familiar a cargo.

Principais novidades do texto proposto: 

  • A presentación de instancias será exclusivamente por sede electrónica, unificando esta obriga coas comisións de concilia e a petición de destinos provisionais.
  • O prazo será nos 10 días hábiles posteriores á publicación da resolución definitiva do CXT no DOG. No ano de concurso de ámbito estatal contarase o prazo desde o último concurso publicado (corpo de mestres, corpos de secundaria).  Só no caso de que nun ano non houbese CXT se indica un prazo extraordinario do 15 ao 30 de abril.
  • No borrador figuraba un novo requisito de distancia para quen ten destino definitivo, coincidente coa distancia esixida coas concilias: 60 Km desde o centro á localidade de residencia. A Consellaría comprometeuse a manter os 50 Km da orde actual.
  • Tamén se indica, como nas concilia, a obriga de pedir tanto na petición de saúde como no CXT, as prazas a unha distancia de 20 Km da localidade de residencia, entrando en vigor esta obriga a partir do curso próximo. Desta obriga exclúense os centros penitenciarios, as EPAPU, os centros ordinarios con ensinanzas de adultos e os que teñen xornada partida.
  • Redúcese a documentación que é obrigatorio presentar: elimínanse as probas diagnósticas médicas e o informe da traballadora social.
  • O profesorado interino con comisión concedida e que aprobe noutro corpo ou especialidade terá dereito a que lle adxudiquen comisión pola nova especialidade adquirida, empregando a nova solicitude ordinaria como da modalidade de comisión.
CIG

Propostas da CIG-Ensino

Distancia do centro definitivo. A experiencia de moitos anos non invita a pensar na necesidade de ampliar a distancia de 50Km a 60Km. É positivo que sexa á localidade de residencia mais propomos manter a distancia actual (50Km). A realidade é que neste tipo de comisións as condicións derivadas das enfermidades propias ou dun familiar son máis relevantes que a distancia que poida haber.

A Consellaría accedeu finalmente a manter os 50Km.

Documentación necesaria. Temos serias dúbidas sobre a decisión de que non haxa obriga de presentar máis documentación médica. É certo que nalgunhas patoloxías é totalmente innecesaria debido á gravidade delas mais a experiencia tamén nos indica que moitos informes médicos son absolutamente insuficientes. Moito nos tememos que esta medida poda levar a un incremento das reclamacións.

Tamén se elimina o informe da traballadora social. Isto nalgún caso ten causado problemas pola negativa dalgúns concellos a tramitala mais en moitas ocasións ten sido determinante para a concesión ou denegación das comisións solicitadas.

A petición do empadroamento colectivo é unha ferramenta que se solicita para evitar algunha fraude mais non ten validez absoluta. A propia Xunta recorre a un informe de convivencia real, emitido pola policía local, para as pensións non contributivas. En todo caso, chamamos a atención sobre unha realidade xa coñecida: a necesaria acreditación de convivencia ten que ter un carácter xeral e non pode deixar fóra aqueles casos de familiares que teñen o domicilio en vivendas contiguas (mesmo edificio, mesma rúa ou lugar…) pois esa xente está claro que non fai trampa e é quen realmente está ao cargo deses familiares. Isto até o de agora suplíase co informe da traballadora social do Concello ou do SERGAS e preocúpanos que podan quedar excluídas. Hai, ademais, elementos que sempre son motivo de controversia na comisión de valoración, especialmente cando no informe entran elementos en xogo que van máis alá de cuestións estritamente médicas, e que nalgúns casos os informes sociais solucionaban.

A Consellaría non vai limitar a documentación que se queira presentar (probas diagnósticas, informe da traballadora social, etc..). Tan só obriga a presentar a documentación que figura no texto. O resto será por vontade do profesorado ou por que así llo requira a inspección médica. Presentaron un informe do Colexio Oficial de Traballo Social no que estes profesionais alegan que non teñen obriga de facer estes informes.

O papel da Inspección Médica. Hai unha evidente insuficiencia do persoal das Inspeccións Médicas. Na provincia da Coruña hai un único inspector médico, o mesmo que en Ourense e Lugo cando a diferenza de docentes entre estas provincias é enorme. Preocúpanos que a falta de tempo poida levar a unha discrecionalidade nas valoracións e a que se cometan inxustizas. Hai que reforzar esta Inspección Médica e hai que artellar mecanismos para que a valoración médica teña as máximas garantías.

Recoñecen a diferenza de carga de traballo mais afirman que non é competencia desta Mesa o incremento de postos de inspección médica.

Comprobación de datos. Indícase que é obrigatorio que o familiar cubra un anexo para comprobación do seu DNI, non sendo no caso de menores de idade. Debe estenderse esta excepción a casos de familiares cunha alta discapacidade, con independencia da súa idade.

Entenden a problemática mais afirman que neses casos terán que achegar a documentación.

Prioridade entre as comisións propias e por familiar. Aínda que na orde de destinos provisionais xa figura expresamente solicitamos que se inclúa no artigo 14 a prioridade entre ambos colectivo, primando as comisións por saúde propia.

Non vén necesidade de repetir o que xa está na orde de CADP.

Causas sobrevidas. No artigo 18 limítase a petición por causas sobrevidas a un prazo fixo que se anunciará na web. Non estamos de acordo. Tal e como figura unha persoa cunha causa sobrevida acontecida fóra do prazo de solicitudes mais antes da reunión da comisión non podería presentar a instancia até que así o decida a Consellaría. Entendemos que a sede electrónica debe estar con este procedemento aberto permanentemente até o tempo mínimo imprescindíbel para revisar o expediente antes das adxudicacións definitivas do CADP. Por outro lado debe arbitrarse a posibilidade de conceder comisións de servizo en calquera momento do curso por causas sobrevidas extraordinarias sempre que exista unha vacante que se acomode á necesidade da persoa solicitante. Esta modalidade de causa sobrevida debe ter un tratamento diferente (non hai que pedir destinos no CADP) e debe ser informada pola comisión de valoración.

Din expresamente que non se concederá ningunha comisión de saúde despois da resolución definitiva do CADP, polo que non é necesario ter un prazo permanente. Afirman que anunciarán con tempo o prazo para pedir por causa sobrevida para reducir o tempo de apertura do procedemento na sede electrónica.

Adscrición funcional. Estamos en total desacordo con que non se pidan como comisión de servizos aqueles cambios de posto que se resolvan no propio centro (disp. adic. 5ª) e entendemos que deben ser revisados na comisión sindical.

Logo da nosa insistencia a Consellaría anuncia que retira esta disposición do texto.

Profesorado interino que aproba por outro corpo ou especialidade. Estamos de acordo coa modificación que se introduce na orde de CADP e que vén corrixir unha inxustiza para quen tiña concedida comisión como persoal interino e que ao aprobar noutro corpo ou especialidade perdía ese dereito.

Comisión de valoración.

Afírmase que como mínimo debe haber 2 membros da inspección médica. Debería dicir: a inspectora ou inspector médico da XT correspondente mentres se valoran as solicitudes presentadas nela e, como mínimo, outro membro máis das demais inspeccións médicas.

CIG Informa sobre o proxecto de nova Orde de comisións de saúde

Documento


Volver

Novas relacionadas