Nova protesta ás portas dun centro de San Francisco en Vigo para reclamar o mantemento do emprego

O comité de empresa rexeitou unha proposta da dirección porque segue a contemplar rescisións de contrato

Un nutrido grupo de traballadores/as, familiares de usuarios/as e delegados/as sindicais protestaron hoxe de novo ás portas dun dos centros da Asociación Galega San Francisco (Agasfra) en Vigo para rexeitar os 16 despedimentos previstos. O cadro de persoal rexeitou onte mesmo unha proposta da dirección porque segue a contemplar rescisións de contrato.

A mobilización desenvolveuse diante do centro da rúa Tomás Paredes de 18.00 a 19.00 horas, onde despregaron unha faixa reclamando o mantemento do emprego e da calidade do servizo e berraron consignas como “A solución é a negociación” ou “Menos beneficios e máis servizos”.

A protesta, que chega días despois da celebrada noutra das instalacións de Agasfra na cidade, tivo lugar unha vez que onte mesmo o comité rexeitase unha proposta da dirección porque seguía a contemplar rescisións de contrato.

O obxectivo das protestas, segundo explicaron dende o comité de empresa (catro delegados/as da CIG, tres da UGT e dous/as de CCOO), é lograr que a dirección dea marcha atrás na súa intención de despedir 16 empregados/as e denunciar que a decisión repercutirá negativamente na calidade do servizo.

Neste senso, lembraron que a maior parte do cadro de persoal dos centros de Agasfra realiza de atención directa ás persoas usuarias, o que garante unha boa atención e servizos complementarios como logopedia ou hidroterapia, ademais dos mínimos requiridos pola Xunta de Galiza (orientación, fisioterapia, formación, atención psicolóxica, etc.).

Pero recentemente, co pretexto da inminente sinatura dun contrato coa Consellería de Traballo e Benestar para os servizos de atención residencial e diúrna terapéutica para persoas gravemente afectadas, a directiva da asociación convocou o comité para trasladarlle a súa intención de suprimir 16 postos de traballo de atención directa (12 coidadoras/es, dous logopedas, un hidroterapeuta e un limpador/a) a partir do 20 de xaneiro. Isto suporía a eliminación de servizos e un aumento durante o día da proporción coidador-a/usuario-a da actual 1/5 até chegar a 1/8.

Dende o comité sosteñen que estas supresións "repercutirán gravemente na calidade do servizo e nas condicións do persoal que conserve o seu posto de traballo". A Asociación Galega San Francisco de Vigo contra na actualidade con 120 traballadores/as para xestionar dúas residencias e un centro de día na cidade.

 

Volver