Nova orde de Atención á Diversidade publicada no DOG o 26 de outubro de 2021

Corroboramos coa publicación da Orde do 8 de setembro de 2021 a oportunidade perdida por parte da Consellaría de Educación de adaptar a normativa á realidade e ás necesidades que hai nos centros

 A atención á diversidade queda de novo en mans da boa vontade do profesorado amparado por unha normativa de escaso calado na práctica docente máis alá de seguir aumentando máis a carga burocrática. 

Desde o momento que esta atención segue condicionada na maior parte á dispoñibilidade horaria do profesorado que xa hai nos centros a mensaxe que indirectamente traslada a administración ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, ás súas familias e ao profesorado que os atende é o “sálvese quen poida”.

En definitiva, logo da publicación dunha orde tan esperada, seguen dando acubillo a todos aqueles axentes externos que participan desde fóra do sistema educativo público reforzando así a idea da necesidade de que ao que non chegan os centros e profesorado veña a ser reforzado por entidades externas. Unha vez máis a administración segue tapando deficiencias con servizos privados.

Dende o sindicato maioritario do ensino público insistimos en que seguimos sen un listado oficial dos centros de escolarización preferente nin dos centros de educación especial que se constituirán como centros de referencia e apoio aos que se alude nesta normativa. 

Con respecto ao borrador que a Consellaría nos presentou na mesa sectorial do pasado mes de marzo dende a CIG-Ensino atopamos os cambios que presentamos a continuación.

Cambios na orde publicada respecto ao borrador presentado na mesa sectorial

  • En canto á nomenclatura utilizada, o que até o de agora aparecía como estilos de aprendizaxe agora aparece redactado como “preferencias de aprendizaxe”,as referencias a unha “escola comprensiva” son actualizadas falando dunha “escola inclusiva”, no preámbulo da orde inclúen o DUA (deseño universal de aprendizaxe) como garante da inclusión educativa.
  • Artigo 4: engaden entre os principios de actuación por parte dos servizos de orientación educativa e profesional “a coordinación coas persoas profesionais que participen na atención ao alumnado”.
  • Artigo 8: o alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural será tamén aquel que presente desigualdades que procedan de circunstancias familiares derivadas de violencia de xénero.
  • Artigo 9: engaden unha redacción nova para definir ao alumnado con altas capacidades intelectuais e especifican que a responsabilidade para acreditalas é do departamento de orientación asesorado polos EOEs.
  • Artigo 30: sobre a escolarización en centros de educación especial engaden que esta será excepcional na etapa de educación infantil e terá que estar debidamente xustificada a necesidade de levala a cabo.
  • Artigo 38: aparece a administración local como un ente máis ao que trasladar a información desde os centros educativos en canto ás situacións de desescolarización, absentismo e/ou abandono escolar temperán.
  • Artigo 46: en canto á adaptación dos tempos, instrumentos e procedementos de avaliación no borrador falábase da presentación oral ou escrita dos mesmos e agora esténdese falando da adaptación á forma de comunicación que o alumnado necesite.
  • Artigo 47: nas aulas de atención educativa e convivencia no borrador aparecía que a xefatura de estudos establecería gardas específicas para atendela tendo en consideración todo o profesorado do centro. Finalmente esta redacción do punto 5 desaparece tendo en conta unicamente que a xefatura de estudos levará un rexistro do alumnado derivado, o profesorado que o deriva e os motivos.
  • Artigos 50, 51 e 52 que falan dos plans de reforzo, en todos eles se engade un punto relacionado coas estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento.
  • Artigo 55: para as adaptacións curriculares, mudan a redacción que erroneamente consideraba elementos prescriptivos do currículo todos os que o conforman e establecen o mes de novembro, e non outubro como viña no borrador, como mes de prazo para dar traslado da solicitude de adaptación desde o centro educativo á inspección.
  • Artigo 56: os agrupamentos flexibles teñen cambios significativos con respecto ao borrador:
    • contemplábanse até 3º da ESO e finalmente poderán realizarse en toda a educación secundaria obrigatoria
    • os períodos lectivos máximos que poderá permanecer o alumnado nestes agrupamentos será de 13 da totalidade do horario semanal, non 12.
    • O número máximo de alumnado será de 8 en primaria e 10 en secundaria, non 10 e 12 como viña no borrador.
    • Engaden que será no mes de setembro cando se faga a solicitude para autorizar os agrupamentos desde inspección.
  • Artigo 57: a atención docente directa por parte dos especialistas de PT e AL fóra da aula ordinaria, que seguirá sendo excepcional,farase en grupos que non superarán os 5 alumnos/as. Eliminan o tope de seis alumnos que aparecía no borrador.
  • Artigo 61: nos PDC para que o alumnado poida ser proposto para participar neles contemplase, entre outras, que tivese cursado o segundo curso da ESO, non estar en condicións de promocionar a terceiro e ter repetido unha vez na etapa. Cambia a redacción e esta repetición establecese para a “educación básica”, tendo en consideración non só a secundaria obrigatoria.
  • Artigo 80: en canto ao persoal auxiliar coidador como recurso hai dous cambios significativos con respecto ao borrador presentado pola Consellería:
    • Eliminan a seguinte función: participar na administración a este alumnado de medicación que non requira especialización profesional, que estea prescrita por persoal médico e segundo a dose indicada.
    • A rateo máxima será finalmente de 1/6 e non 1/7 como aparecía.
  • Artigo 81: ao colectivo de intérpretes de lingua de signos engaden o colectivo de guías-intérpretes de persoas con xordocegueira que serán un recurso extraordinario tamén nas ensinanzas de persoas adultas.
  • Artigo 85: a formación profesional adaptada nos centros de educación especial viña limitada no borrador para o alumnado de 16 anos en adiante e agora desaparece calquera referencia á idade mínima para a escolarización nestas ensinanzas.
Nova orde de Atención á Diversidade publicada no DOG o 26 de outubro de 2021

Documento


Volver