Nova mesa tripartita galega da concertada de carácter informativo, con retraso e sen negociación

A Consellaría presentou un borrador de “Acordo da xubilación parcial con contrato relevo” que non foi negociado e só admiten emendas para propor un texto definitivo de sinatura a finais de xullo

O 27 de xuño tivo lugar unha reunión da mesa tripartita galega do ensino concertado na que unha vez a Consellaría se limitou a informar. Non houbo, por tanto, negociación algunha e o tema a tratar chega tarde, mal e arrastras, pois na última tripartita xa se comprometeran cos sindicatos a “negociar a xubilación parcial anticipada” no 1º trimestre deste 2024 e o persoal traballador levaba dende 2019 sen poder acceder a ela.

O borrador que presentou a Consellaría recolle a redución da xornada para a persoa a prexubilar entre o 25 % e o 50 % da xornada, “tal e como di a norma da Seguridade Social” (SS), palabras textuais dos responsábeis da administración. Non obstante, limítana por arriba ao non recoller a opción do 75% de redución de facer un contrato indefinido á persoa remudista. Tamén poñen límite temporal ao 31/08/2029 cando a Lei da SS mantense até un cambio normativo.

Desde a CIG-Ensino reivindicamos esas dúas modificacións, así como a obriga das patronais de ter que ir primeiro á lista de recolocación para elixir ao remudista e garantir o mantemento de emprego no sector. Estas son liñas vermellas para que esta organización asine ou non este acordo, sendo a única que se expresou nestes termos, como medida de presión e forzar unha negociación real e non asinar por imposición.

Para non deixar a ninguén atrás, a CIG-Ensino reivindicou unha saída para incluír ao persoal con xornadas parciais (até unha porcentaxe como límite a negociar que podería ser de máis do 75% da xornada). A Consellaría limita máis alá do que o fai a propia normativa, ao recoller literalmente “esixir 6 anos de xornada completa en pago delegado”, pois isto exclúe ao persoal con xornada completa e con parte da xornada sen pago delegado. Ademais esiximos aclarar, sabendo como actúa esta administración, movida por fins economicistas, se esa exixencia dos 6 anos pode ser en distintas empresas, posto que se non as restricións serían maiores e máis inxustas.

A CIG-Ensino lembroulle ás patronais que o resto de persoal sen pago delegado era responsabilidade directa súa e deberían tomar nota, pois tamén teñen dereito a poder xubilarse de forma parcial. Non houbo compromiso patronal e a resposta foi dirixida cara a administración.

Por último, a CIG-Ensino reivindicou unha medida sen custe e que esperemos se  introduza no texto: “que o persoal con xubilación parcial poida acumular a xornada no comezo do relevo e así rematar antes a súa vida laboral“. Máis alá do beneficio que implica para o persoal, entendemos que a medida pode ser pedagoxicamente máis favorábel para todas as partes, comezando polo alumnado.

A Consellaría unha vez rematadas as intervencións de todos os sindicatos e das patronais, indicou que tomaba nota e que mandaría posteriormente un texto definitivo, que se proporá para asinar a finais do mes de xullo, sen ningún outro tipo de negociación.

Sobre os demais temas tratados na reunión, destacar que por fin se actualizou por representatividade sindical a representación da mesa tripartita concertada, que levaba dende 2009 sen actualizar, unha desidia máis da Consellaría.

No referente ao recorte de horas concertadas en exceso en algúns centros (froito de acordos de mantemento do emprego que viñan de vello) a administración respondeu que xa foran avisados o ano pasado logo de asinarse o actual “ Acordo de recolocación” (segundo os non asinantes como a CIG, de “indemnización” ) e puideron facer alegacións durante un ano. A CIG-Ensino manifestou que de asinarse un verdadeiro “Acordo de mantemento do emprego” (AME) no seu día, no canto do asinado, isto non se estaría a dar, pois un dos puntos era manter compensacións horarias por recolocación de persoal. O sindicato apelou a que se recoñeza o mal feito e se abra unha negociación para un verdadeiro AME.

Por último, nos rogos e preguntas e ante as reivindicacións reiterativas de todas as organizacións sindicais ( PEA, AME, acordo de 45€, homologación,..) a CIG-Ensino reivindicou, unha vez máis e agora ante un cambio normativo de prevalencia dos convenios autonómicos sobre os estatais, a negociación dun CONVENIO GALEGO NO SECTOR para recoñecer dereitos e máxime cando non se cumpre o estatal.

Volver