Nova Mesa Sectorial: a CIG-Ensino confirma a súa maioría na representación do profesorado galego

8 de 15 postos. Por terceira vez consecutiva a CIG-Ensino vén de obter a maioría absoluta dos membros da representación sindical do profesorado galego no seu máximo órgano de negociación.

Con 13 meses de demora vén de constituírse formalmente a nova Mesa Sectorial de Educación logo das eleccións sindicais de decembro de 2018. O inexplicábel deste lapso de tempo estriba na decisión da Xunta de agardar a que rematen todos os procesos electorais do persoal autonómico, desde a Administración Xeral ao SERGAS, o que non se fixo até o pasado 27 de xaneiro.

A CIG, primeira forza sindical en toda a Xunta de Galiza 

No conxunto da representación do persoal funcionario e laboral da Xunta, a CIG revalidou igualmente a súa maioría, superando amplamente aos outros tres sindicatos que superan o 10% dos votos no total da Xunta (CCOO, CSIF e UGT). Así na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos a CIG acadou 6 membros dos 15 a repartir. En persoal funcionario ou no estatutario do SERGAS a CIG tamén revalidou a súa hexemonía.

A CIG-Ensino, a referencia do profesorado e o obstáculo da Consellaría. 

O respaldo do profesorado en todos e cada un dos procesos electorais veu consolidando ao cabo dos anos unha clara hexemonía e referencialidade da CIG-Ensino entre o profesorado galego. En primeiro lugar cunha forte base afiliativa e presenza nos centros de traballo, como modelo sindical que marca claramente as diferenzas cos demais sindicatos mais tamén polo apoio electoral obtido que leva ao sindicato nacionalista a ter a maioría da representación na Mesa Sectorial. 

Esa referencia electoral e social que se evidencia na representación na Mesa foi durante as últimas décadas un exemplo claro de compromiso co profesorado e o ensino público, o que se traduciu en converter á CIG nun auténtico obstáculo para a Consellaría e nun claro contrapeso a un poder exercido con soberbia en moitas ocasións.

Baleirar de contidos a Mesa como arma da Consellaría 

A clara intención da Consellaría de baleirar de contidos a negociación na Mesa ou a de chegar a acordos con sindicatos minoritarios cos que lle resulta máis doado implantar as súas decisións é un exemplo de cal é a estratexia do PP para evitar que a Mesa sexa un verdadeiro órgano de negociación e non só nun mero trámite. Como senón, se pode entender o acontecido coa negociación en maio e xuño de 2018 co acordo retributivo docente que só contou co aval de CCOO e UGT e que nin sequera se chegou a asinar na propia Mesa? A falta de negociación ou o feito de que se poidan asinar acordos sen contar coa respaldo da forza sindical maioritaria é a folla de ruta da Xunta, tanto en Educación como no resto das Mesas de Negociación da administración autonómica. 

Fronte a isto a CIG-Ensino volveu e volverá a incidir en encher de contidos a Mesa e en dar resposta ás demandas do profesorado, comezando pola recuperación do horario lectivo e seguindo polas ratios e os desdobres, a impartición de afíns, a atención á diversidade a carga burocrática ou a estabilidade do profesorado interino. 

UGT mantense na Mesa Sectorial polo seu carácter de máis representativo a nivel do Estado 

Na conformación final da Mesa case non se producen cambios ao respecto da Mesa anterior. CIG-Ensino mantén os 8 representantes, CCOO gaña un representante a conta de UGT, que se mantén na Mesa malia non ter superado o límite legal do 10% ao ser sindicato máis representativo a nivel do Estado, e ANPE conserva os 2 cos que contaba.

CIG Informa sobre a constitución da Mesa Sectorial tras as eleccións sindicais de 2018

Documento


Volver