Nova manifestación das traballadoras da Escola Merlín polas rúas de Bertamiráns
Protestan contra o inxustificado despedimento dunha compañeira, a redución drástica de xornada de outra e o empeoramento do servizo ás familias e crianzas
Na tarde de onte, 7 de marzo, as traballadoras de Merlín, xunto con familias, veciñanza de Ames e CIG-Ensino manifestáronse dende a Escola até o Concello de Ames por unha solución para a situación da escola e para que os empresarios, Carlos e Carmen Santoro dean marcha atrás ao ilegal e inxustificado despido dunha compañeira afiliada á CIG e delegada suplente da candidatura do sindicato nacionalista, o que foi unha clara represalia da empresa á traballadora Iria Moreiras por terse organizado e convocado eleccións sindicais coa CIG.

Esta manifestación foi unha máis dentro dun amplo calendario de mobilizacións que están a levar a cabo as traballadoras dende que tiveron coñecemento, mediante burofax, destas accións da empresa. Tanto a delegada sindical como a CIG-Ensino denuncian que, logo de anos aproveitándose da precariedade laboral dun sector como o de educación infantil cun convenio e salarios que apenas chegaban ao SMI, os empresarios seguen sen dar a cara e aceptar as solicitudes de reunión para sentarse a ensinar as contas reais da empresa, negociar alternativas e buscar solucións para manter os postos de traballo e mellorar a calidade educativa e o servizo ás familias. O único que están a facer -segundo Silvia G. Carou, representante de persoal da empresa- é "esconderse e vitimizarse nas súas redes sociais con mentiras e ataques constantes á CIG e a todas nós. Lamentamos que continúen por ese camiño, que só leva á destrución dunha escola tan potente e viable como é Merlin". Lembra a delegada da CIG que a única responsable de que algunhas familias abandonen a escola é "a pésima xestión empresarial".
Tanto as traballadoras como a CIG-Ensino afirman que continuarán protestando enerxicamente nas rúas e nas institucións responsables de dar cartos públicos a este empresario, nomeadamente á Xunta. Ademais, agradecen a mediación ofrecida pola corporación municipal de Ames no pleno do pasado xoves, cunha moción presentada polo BNG e de apoio ás traballadoras de Merlín, na que se aprobaron tamén ferramentas para a búsqueda conxunta de solucións.
Un despedimento inxustificado
A este respecto, a delegada da CIG-Ensino no centro, lembraba ao final da manifestación que "a empresa continúa mentindo , xa que a redución de alumnado que se produciu no mes de setembro e que existe a día de hoxe non é proporcional a eliminar case dous postos de traballo" asegura esta, quen tamén informou de que a partir de luns a empresa contratará a "Unha nova traballadora para cubrir a tempo completo o posto da nosa compañeira despedida, o que é unha total indecencia e desfachatez, xa que demostra unha vez máis que o despedimento de Iria, compañeira que no momento de recibir esa comunicación atopábase en incapacidade temporal, é un despedimento totalmente premeditado e por motivos moi diferentes a non ter crianzas na súa aula, que de feito é a aula que conta coa ratio completa". Remata lembrando que "A empresa leva ano e medio dicíndonos que non hai cartos, máis agora, tras esta intensa vaga de mobilizacións, están a pagarnos correctamente as últimas nóminas. Outro exemplo máis de que a xestión da mesma é un desastre, de que nos minten, pero tamén de que a loita é o único camiño, e non pararemos ata manter todos os postos de traballo nunhas condicións dignas nunha escola que manteña a calidade educativa e un bo servizo para todas as familias".
As mobilizacións continuarán as vindeiras semanas até conseguir unha solución negociada ou até que se traspase a empresa. Haberá novas concentracións e outras accións que presentarán nos vindeiros días as traballadoras. Ademais, unha representación das mesmas e a CIG-Ensino reuniranse cos inspección de traballo unha vez máis e tamén coa Consellería de Política social, responsábel da alta subvención concedida aos empresarios de Merlín para poñer en marcha o servizo da escola.