CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS chaman de novo a participar o martes 14 contra os recortes de profesorado e desdobres en secundaria

CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS fan un chamamento á participación na concentración convocada para o martes 14 ás 11:30 contra a pandemia dos recortes diante da Consellaría

O sindicato e ANPAS GALEGAS chaman á comunidade educativa a seguir manifestando o seu descontento e indignación ante os drásticos recortes de persoal docente e incremento de ratios que a Consellaría está levando a cabo ignorando coa negativa a autorizar os desdobres aplicados no curso 20/21 malia continuar a situación de pandemia.

Logo da reacción contra a situación creada nos centros de infantil e primaria, lastrados polo peche de unidades e as ratios ao máximo, o sindicato maioritario no ensino público e ANPAS GALEGAS volven á rúa para denunciar a extensión dos recortes no ensino secundario, cunha concentración diante da sede da Consellaría de Educación.

Ausencia de transparencia para ocultar os recortes de profesorado

A CIG-Ensino denuncia a falta de información sobre as cifras de profesorado en activo neste comezo de curso escolar, tanto funcionariado de carreira como interino e exixe da administración educativa que proporcione publicamente as cifras totais de docentes con nomeamento en vigor no comezo de curso, tanto en infantil e primaria como nas diferentes ensinanzas de secundaria.

Na adxudicación de destinos provisionais de secundaria publicada na web da Consellaría o día 9 de setembro pode comprobarse como hai 404 docentes menos que no curso anterior. Esta cifra de redución de profesorado é aínda maior xa que hai, sen dúbida, prazas de xubilacións que se amortizaron e non sen adxudican.

Nos últimos días aumentan as alertas de profesorado e alumnado que  remiten ao sindicato denuncias con novos ataques ao ensino público, desta vez coa imposibilidade de cursar certas materias, sexan ou non troncais, pola limitación no alumnado matriculado. Estas limitacións, centradas nos IES de zonas rurais implica a obriga de cursar outras optativas ou ben a imposición de cursar as elixidas a distancia, rompendo deste xeito o compromiso da Consellaría de desbotar o ensino semipresencial e discriminando o alumnado pola súa zona de residencia.

Entre isto e o protocolo recentemente aprobado que supón 1,2 metros dentro das aulas en todas as etapas educativas de secundaria, FP e ensinanzas especiais non queda outra que reaccionar. Por iso chamamos de novo á comunidade educativa a manifestarse o martes 14 diante da Consellaría en Compostela.

Desde a CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS tamén criticamos a opacidade da Consellaría dado que un ano despois das evidencias dos efectos da pandemia nos centros escolares non temos ningún tipo de estudo sobre os seus efectos: por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros etc. Este escurantismo esténdese tamén ao ámbito orzamentario xa que neste momento non existe información detallada sobre en que se gastaron os cartos que desde o Goberno estatal se destinaron ao ámbito educativo do curso 2020/21.

É necesaria a reacción da comunidade educativa ante os criterios  adoptados pola Xunta, nin científicos nin sanitarios, obviando a  aínda moi elevada incidencia da pandemia, nomeadamente no sector máis novo da sociedade. As entidades convocantes fan especial fincapé en que as medidas adoptadas pola Administración ante o inminente comezo de curso fundaméntanse en criterios económicos e nunha concepción ultraliberal  xa que unha redución de profesorado supón un suculento aforro que, por outro lado, carrexará un inexorable detrimento da calidade do ensino.

CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS  fan un chamamento a todos os sectores implicados na defensa do ensino público para que participen na mobilización convocada para o día 14. Ambas organizacións tamén animan a denunciar publicamente todas e cada unha das limitacións e recortes que Educación impón nos nosos centros.

 

Volver