Non máis 8 de marzo sen Plan de Igualdade para o profesorado

A CIG-Ensino concentrouse esta mañá diante da Consellaría de Educación para esixirlle que deixe de incumprir as súas obrigas e inicie os trámites para constituír a Comisión negociadora do Plan de Igualdade do persoal docente

No ensino público galego non universitario as mulleres supoñemos o 73.7% do persoal. Ademais do continuo empeoramento das condicións de traballo: aumento do horario lectivo, ratios elevadas con máis de 200 estudantes por docente en moitos casos, de carga burocrática, impartición de materias afíns das que non somos especialistas, itinerancias entre varios centros… e os recortes de salario: perda do poder adquisitivo dende 2010 de máis dun 18% (subas salariais insuficientes, pagas extras recortadas e ausencia de cobro do mes do verán para as substitutas) súmase a presión que supón o coidado de maiores e menores, que recae moi maioritariamente nas mulleres, que son as que se ven obrigadas a pedir excedencias, reducións de xornada, restrinxir zona para aceptar contratos ou directamente renunciar a traballar coa consecuente fenda salarial e de cotización de cara á xubilación e a prestacións por incapacidade.

Para a diagnose e a corrección das desigualdades que se producen, a elaboración e execución dun Plan de igualdade docente é unha ferramenta fundamental, mais a administración educativa non tivo intención de negocialo, pese a que o texto refundido do EBEP, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, expresa a obriga das administracións públicas de elaborar dito plan e de desenvolvelo no acordo de condicións de traballo do seu persoal. A CIG-Ensino reclamou en varias ocasións, por escrito, na Mesa Sectorial e nas reunións co conselleiro de Educación, o inicio dos trámites para a constitución da comisión de negociación, sen resposta algunha. Esta mañá un grupo de delegadas e delegados do sindicato maioritario no ensino público galego concentrouse diante da sede da Consellaría en San Caetano para esixir que este sexa o último Día internacional da Muller Traballadora, que se conmemora o 8 de marzo, sen contar con esta medida no ensino público. No acto interveu a responsábel de Mulleres da CIG-Ensino, Maruxa Martínez.

Prioridades de acción no Plan de igualdade docente

Entre outras cuestións este plan debe recoller a prevención do acoso laboral, sexual, por razón de sexo, orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero ou outras expresións de violencia no traballo ante o que non existe nestes momentos ningún protocolo de actuación que ampare o persoal docente.

O pasado mes de novembro a CIG-Ensino publicou un informe divulgando os resultados da enquisa sobre igualdade na que participou un milleiro de docentes, na que se manifestaba que o 80% das participantes consideraba necesario un plan de igualdade e ata un 91% que podería ser útil para combater os diferentes tipos de acoso que podemos sufrir no noso centro de traballo.

A Consellería de Educación desatende a súa obriga, entendemos que escudándose na administración pública da Xunta que, á súa vez, leva un ano obstaculizando a negociación do seu propio plan, aínda que por fin vén de publicar o compromiso de elaboralo. En todo caso, a Consellería de Educación sabe que a diagnose que poida facer Función Pública non vai recoller información relativa á situación do profesorado e a inmensa maioría das medidas que precisamos que se negocien non van estar nese plan. Nada impide, polo tanto, que se poida producir unha negociación paralela.

Unha vez constituída a comisión da que a CIG-Ensino ten que formar parte, a base fundamental do plan será a elaboración dunha diagnose con datos actualizados en cuestións como: permisos, reducións de xornada e excedencias por coidado de familiares solicitados por mulleres e homes, nivel de formación, presenza en cargos docentes e non docentes... En función das conclusións haberá unha negociación de medidas concretas para corrixir as eivas detectadas, prazo de execución e indicadores que permitan medir a implantación de cada unha delas. Entre elas entendemos que se deberan recoller os seguintes aspectos:

CIG
  • Exercicio corresponsábel dos dereitos da vida persoal, laboral e familiar: permitir a adaptación da xornada sen facer redución desta, revisar a normativa de permisos e licenzas…
  • Retributivas: estabelecer medidas efectivas para eliminar calquera fenda salarial entre mulleres e homes.
  • Formación: impartir formación durante a xornada laboral e con perspectiva de xénero.
  • Riscos laborais: introducir a perspectiva de xénero na avaliación de postos de traballo e facer efectiva a licenza por risco no embarazo e lactación.
  • Proceso de selección ou contratación: recoller na convocatoria das oposicións determinadas casuísticas derivadas do parto ou lactación. Modificar a normativa para garantir que se lle reserve unha vacante e se lle recoñeza o tempo como servizos prestados a unha muller en situación de IT derivada do embarazo.
  • Promoción profesional e infrarrepresentación feminina: garantir que o uso dos dereitos de conciliación non sexa un atranco para a promoción profesional das docentes en diferentes tipos de postos de traballo.
  • Violencia de xénero: elaborar un protocolo de atención ás vítimas de violencia de xénero.
  • Protocolo para a prevención e procedemento de actuación nos casos de denuncia por acoso: divulgar o protocolo e garantir a efectividade do proceso.

Outro dos puntos que debería ir incluído no Plan de igualdade é que se recoñeza a figura de Coordinador ou Coordinadora de Igualdade nos centros educativos e non se deixe de novo nas mans do voluntarismo do profesorado que asume estas funcións. Desde o sindicato demándase expresamente que esta figura conte con redución horaria, complemento económico e outro tipo de recoñecementos, como puntuación de cara ao Concurso de Traslados, ao igual que outras coordinacións.

Volver