Non hai violencia que nos pare na conquista da igualdade!

Delegadas da CIG manifestáronse este mércores en Lugo no marco da campaña do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que a central sindical desenvolve este ano baixo este lema.

Esta mobilización, que foi precedida dun encontro nacional de formación e debate, constitúe tamén unha mostra de apoio e solidariedade das mulleres da CIG ás compañeiras do sector da limpeza de Lugo, que levan 38 días en folga para reclamar un convenio digno e un salario xusto.

A folga das traballadoras da limpeza é un exemplo de resistencia e loita por conseguir unhas condicións salariais e laborais dignas, nun sector altamente feminizado e precarizado, o que constitúe unha forma máis de violencia contra as mulleres: a violencia da desigualdade a través dos salarios e das condicións de traballo.

Desde a federación de Ensino denunciamos que a Consellería de Educación, parte implicada neste conflito xa que son as administracións públicas as contratistas maioritarias das empresas de limpeza, mire para outro lado e pretenda invisibilizalo en lugar de mediar na resolución do mesmo. É inaceptable que as traballadoras do sector teñan que ir á folga e perder salarios e cotizacións para reclamar un convenio que chegue ao SMI e que as administracións non interveñan.

Rexeitamos que, ante o alongamento da folga e as manifestas consecuencias que ten, se queira culpabilizar as traballadoras e se anuncie un incremento dos servizos mínimos en determinados centros de ensino. A responsabilidade é das empresas e das administracións e non se pode vulnerar o dereito a folga. As traballadoras da limpeza son compañeiras nosas nos centros de ensino, onde a súa labor é esencial e a súa loita debe ser a tamén a nosa.

Incumprimento da Consellería de Educación en materia de igualdade
Esiximos ás administracións públicas que no vindeiro 25 de novembro non só saian a facer declaracións, senón que poñan en marcha todas as medidas necesarias para facer efectiva e real a igualdade entre mulleres e homes

Nesta campaña de cara ao 25 de novembro a CIG márcase como obxectivo dar a coñecer os incumprimentos das obrigas legais das empresas e das administracións e as medidas que debemos exixir para combater as violencias machistas no traballo.

No caso da Consellería de Educación o incumprimento en materia de igualdade é manifesto. Pese a que nos artigos 51 e 64 da Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes e o texto refundido do EBEP, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, expresan a obriga das administracións públicas de elaborar un plan de igualdade e de desenvolvelo no acordo de condicións de traballo do seu persoal, a administración educativa non deu nin o primeiro paso para iniciar a súa negociación. A día de hoxe calquera empresa de máis de 50 persoas traballadoras está obrigada a elaborar un plan de igualdade e a Consellería de Educación como entidade empregadora ten a máis de 30.000 persoas ao seu cargo, o 74% mulleres.

Os plans de igualdade deben incluír o protocolo de prevención fronte ao acoso

A inexistencia dun protocolo para o persoal docente déixanos desprotexidas, ao non existir unha canle de denuncia onde se regule a recepción, tramitación e resolución da mesma, incluídos os prazos, eliminando tamén certas garantías na investigación e procura de probas, ao recaer exclusivamente na Inspección Educativa.

O venres 10 de novembro a Xunta publicou no DOG o I Plan de Igualdade para o seu persoal.  Deste plan queda excluído o persoal docente da Consellaría de Educación e o estatutario do SERGAS, xa que ambos deben ser obxecto de tratamento en cada unha das administracións. No caso do SERGAS este plan foi aprobado xa no 2021. Do mesmo xeito, a Xunta tamén publicou o Protocolo de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo no ámbito da administración xeral, pero que non é de aplicación para as docentes.

Levamos anos esixindo o comezo das negociacións mediante solicitudes por escrito en mesas sectoriais e mobilizacións e ata agora púñase como escusa que se agardaría polo plan xeral da Xunta. Logo da súa recente publicación, na última mesa sectorial, do 14 de novembro arrincamos da administración educativa o compromiso de comezar a negociar en xaneiro do vindeiro ano, pero xa advertimos que loitaremos porque non ocorra o mesmo que no plan de igualdade da administración xeral da Xunta que non foi referendado polas compañeiras da CIG-Administración. Coma elas non nos conformaremos con medidas xa contempladas nas leis e meras declaracións de intencións senón que esixiremos unha diagnose ben fundamentada da realidade do noso colectivo e das violencias que sofre, medidas realistas e recursos materiais e humanos para poder desenvolvelas.

Chamamento a participar nas mobilizacións da Marcha Mundial das Mulleres

Durante o Encontro tamén se fixo un chamamento a participar nas mobilizacións que a Marcha Mundial das Mulleres ten convocadas para o vindeiro sábado, 25 de novembro, en 18 localidades. As protestas desenvolveranse baixo o lema 'Organicémonos contra as violencias machistas. A nosa loita é pola vida".

Material didáctico para traballar nas aulas o 25 de novembro

A CIG-Ensino elaborou diverso material didáctico baixo o título (Co)educando á vez que (De)construíndo destinadas ao alumnado de Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional. As unidades didácticas poden descargarse nesta ligazón.

Volver