Non haberá Oferta de Emprego Público

A CIG Ensino rexeita a negativa da Consellaría de Educación a realizar unha oferta de emprego público que garanta o profesorado necesario nos centros educativos

Na Mesa Sectorial reclamada pola CIG Ensino e que se leva a cabo nestes intres, a CIG Ensino esixiu a convocatoria da oferta de emprego público, unha convocatoria absolutamente necesaria para manter a atención educativa nos centros e para crear emprego. A conxelación da oferta significa que non se cubrirán as xubilacións que se están a producir neste curso, por non falar das que xa se produciron o ano pasado e que non foron cubertas, o que se traduce nun déficit de máis de mil docentes no mesmo inicio do curso. CONCENTRACIÓN MAÑÁ MÉRCORES 1 DE FEBREIRO ÁS 11:15 HORAS DIANTE DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN.

Deste xeito a Consellaría demostra a súa sumisión aos mandatos de Génova, seguindo as directrices políticas do PP, que ten determinado non crear emprego no sector público, senón destruílo, algo que, máis alá de crise ningunha, mesmo é coherente cos seus postulados de potenciación do privado en detrimento do público. Nin Génova, nin o goberno central teñen competencias en Educación en Galiza, mais o Conselleiro de Educación obedece disciplinadamente e renuncia así ás funcións que lle corresponden, sen ter en conta nin defender as necesidades do sistema educativo galego.

Na Mesa Sectorial, a CIG-Ensino esixiu que si haxa convocatoria da oferta de emprego público, unha convocatoria absolutamente necesaria para manter a atención educativa nos centros e para manter e crear emprego. A conxelación da oferta significa que non se cubrirán as xubilacións que se están a producir neste curso, por non falar das que xa se produciron o ano pasado e que non foron cubertas, o que se traduciu nun déficit de máis de mil docentes no mesmo inicio do curso. Por outro lado, en Galiza sería o segundo ano consecutivo sen oferta en Secundaria.

A CIG-Ensino esixiu que o goberno galego actúe como tal e faga uso das competencias plenas en Educación realizando oferta de emprego público en Galiza, porque do contrario estaríamos ante un novo recorte, outro máis dos que constantemente vén impoñendo o PP ao ensino público. A conxelación da oferta de emprego vai ter as seguintes consecuencias negativas para o ensino: 

  • incremento de profesorado interino e maior precariedade laboral
  • redución de profesorado nos centros e supresión de unidades
  • imposibilidade de reducir rateos, mesmo dará lugar a aulas masificadas
  • incrementará a impartición de afíns e as itinerancias,
  • dará lugar a cadros de persoal máis inestábeis nos centros de ensino que verán negadas unha vez máis as súas xustificadas demandas de profesorado
  • os cadros de persoal serán insuficientes para aplicar a redución horaria de maiores de 55 anos,
  • con esta oferta tampouco se poderá abordar a atención á diversidade

A Consellaría xustificou a non convocatoria en base a que a taxa de reposición do 10% só lles permite convocar un número pequeno de prazas que supón un custe económico importante e escusáronse dicindo que estudarán acumulalas á convocatoria do ano 2013. A CIG-Ensino rexeitou esta xustificación pois foron eles os que fixaron esa taxa de reposición a sabendas dese custe económico e preguntou con que argumentos se nos garante que a convocatoria que non se fai este ano se poderá facer o ano que vén.

A CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado interino e substituto e persoas paradas que levan moito tempo a preparar as oposicións para que participen na concentración que mañá 1 de febreiro, ás 11:15 diante da Consellaría de Educación para reclamar unha oferta de emprego público que dea cobertura ás necesidades do ensino público en Galiza.  

Volver