Non cobramos o 100% da paga extra
Desde a CIG Ensino esiximos que se subsanen os erros detectados nos pagos da extra de xuño ao funcionariado en prácticas
Concretamente, tal e como se pode comprobar na nómina, hai unha diferenza que vai desde os 262,19€ dun mestre ou mestra de primaria aos 428,94€ dun profesor ou profesora de secundaria entre o que cobramos e o que implicaría recuperar totalmente o 100% da paga extra.
Estes recortes aplícaos o Estado no Salario Base das pagas extra, e desde a CIG Ensino seguiremos esixindo a recuperación íntegra desas contías.
Erros nas contías das pagas extras.
Por outro lado, nestas mesmas pagas extras, aínda incompletas, temos detectado erros nos pagos do complemento específico ao funcionariado en prácticas, erro que non podemos garantir que non se estean dando en máis casos.
O erro, en primaria, supón que ao profesorado en prácticas non se lle compute o complemento específico e só se pague a suma dos conceptos de cargos, sexenios e titorías, mentres que en secundaria hai tamén un erro polo cálculo incorrecto dun complemento que non corresponde pagar.
Desconto día de folga.
No caso do desconto por folga que aparece na nominilla é correcto, xa que agora fan o desconto en dúas partes, na nómina ordinaria e na nómina na que se paga a extra.