Non a reconversión de centros que supoñan recortes de unidades e profesorado

A CIG-Ensino convoca unha concentración ante a Consellaría de Educación en contra da supresión de 73 unidades da ESO e o Bacharelato, a supresión de 198 postos de profesores e profesoras e a desaparición de máis de 1531 postos escolares públicos

A CIG-Ensino convoca para mañá venres día 10 de xuño, ás 10:30 horas, unha concentración ante o edificio da Consellaría de Educación en San Caetano. Esta concentración realizarase ao mesmo tempo que na Mesa Sectorial se trata o Proxecto de Decreto polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional, se fusionan centros educativos e se cambian ensinanzas.

A CIG-Ensino convoca para mañá venres día 10 de xuño, ás 10:30 horas, unha concentración ante o edificio da Consellaría de Educación en San Caetano. Esta concentración realizarase ao mesmo tempo que na Mesa Sectorial se trata o Proxecto de Decreto polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional, se fusionan centros educativos e se cambian ensinanzas.

Que consecuencias vai ter este decreto?

Transformar sete centros de Secundaria en Centros Integrados de FP significa (anexamos un cadro cos datos xa contrastados centro a centro pola CIG-Ensino):

  • Eliminar 1531 postos escolares no ensino público (que superan os 2000 se temos en conta as prematrículas realizadas nos centros por novo alumnado), desprazando con carácter forzoso a outros tantos alumnos e alumnas que se terán que escolarizar en centros máis afastados do seu domicilio e provocando a masificación nas aulas dos centros receptores. Evidentemente esta perda de unidades públicas só favorece ao ensino concertado. En concreto trátase da supresión de 988 postos de ESO, ensino obrigatorio, e 543 de Bacharelato.

  • Eliminar 198 postos de traballo docentes.. Serán 15 mestres/as e 183 profesores/as de Ensino Secundario os que queden suprimidos tendo que recolocarse noutros centros próximos. A supresión dos postos de traballo é real, pois son postos que nos centros receptores non poderán ser ocupados por outro profesorado ao ter que ser recolocado o profesorado suprimido.

En conclusión: supresión de postos de traballo, redución de oferta educativa, potenciación do ensino concertado nas cidades, agresión á calidade do ensino público, masificación das aulas, etc.

Cal é a actitude da Consellaría?

A Consellaría de Educación co Conselleiro e o Director Xeral de Formación Profesional á fronte, mente ante os medios de comunicación vendendo este proxecto de Decreto como creación de postos escolares en ciclos formativos. Mais nin sequera na FP os datos son reais, fundamentalmente porque a data de hoxe se descoñece cal vai ser a oferta de FP o vindeiro curso e a CIG-Ensino xa tivo acceso a informacións oficiosas que sinalan a supresión da oferta de polo menos sete ciclos formativos en varios centros. Unha vez máis a Consellaría mercadea, vende de cara á galería cousas que non son certas e oculta intencionadamente as supresións e eliminacións de postos escolares antes sinaladas ou a desaparición de dous centros recollida no propio borrador (CIFP de Fene e IES O Ribeiro).

Non podemos deixar de denunciar, tamén, a súa actitude despótica, autoritaria, escurantista e de desprezo ao profesorado e mesmo a toda a comunidade educativa, negando a información até que a fai pública na prensa. Á CIG-Ensino cónstalle que os centros afectados pola eliminación das ensinanzas ou pola recepción do alumando e o profesorado non tiñan toda a información necesaria. Por outro lado a CIG-Ensino puido comprobar nas asembleas realizadas un rexeitamento total a esta medida.

A CIG-Ensino esixirá mañá a retirada da creación destes centros e que se abra un proceso de negociación, información e contraste co obxecto de fixar unha oferta de Formación Profesional, Bacharelato e ESO co consenso necesario.

Volver