No referendo o profesorado dixo un NON ROTUNDO Á POLÍTICA EDUCATIVA DE EDUCACIÓN

A CIG-Ensino valora moi positivamente os resultados do referendo

A CIG-Ensino agradeceu ao profesorado a súa participación neste referendo, nomeadamente aos membros da Mesa, e ás direccións que facilitaron e colaboraron coa realización da votación. Un acto que “é unha lección de democracia para a Consellaría”, dixo, e deu as grazas polo compromiso do profesorado que “asumiu a realización do referendo nos centros, facéndose cargo da Mesa e de todo o proceso”.

A CIG-Ensino comparecía esta mañá en rolda de prensa, xunto coa UGT, para valorar os resultados do referendo celebrado este martes 25 de outubro. Unha consulta na que o profesorado, segundo afirmou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, participou de forma masiva, para expresar o seu rexeitamento “máis evidente e contundente ás medidas de recorte e de deterioro do ensino público emprendidas pola Consellaría de Educación” e en prol da “defensa inequívoca do ensino público como único garante da igualdade de oportunidades”. 

Cos datos na man, Louzao afirmou que só queda unha saída “: a retirada da orde pola que se amplía a carga lectiva do profesorado e a obriga de vixilancia do alumnado transportado”. Exixiu do Presidente da Xunta o cese inmediato do conselleiro de Educación, xa que a través do referendo “o profesorado amosou unha moción de censura ao seu comportamento, ao seu labor e ao propio ensino público e por ser “artífice duns recortes nunca habidos na educación pública en Galiza”.

Segundo os últimos datos cos que conta a CIG-Ensino, escrutado o 80% dos centros, que se corresponden co 70% do profesorado, a participación foi do 73,63%.

Canto ás respostas ás preguntas, as porcentaxes son:

SI

NON

BRANCO

 

Estás de acordo cos recortes no ensino público?

 

0.69

 

98.03

 

1.30

A Consellaría de Educación impuxo un incremento do horario lectivo. Estás de acordo con este incremento?

 

3.13

 

93.38

 

3.43

Estás de acordo con que o profesorado teña entre as súas funcións a custodia do alumnado transportado?

 

1.26

 

97.23

 

1.37

Consideras que as diferentes medidas adoptadas pola Consellaría de Educación melloran a calidade do ensino?

 

0.65

 

97.48

 

1.50

Ante isto, o secretario nacional de CIG-Ensino concluíu que “o profesorado dixo non aos recortes sen precedentes que a Consellaría está a levar a cabo no ensino público”. Lembrando que se trata duns recortes que tiveron como consecuencia a redución de máis de mil profesores, o peche de 156 unidades, a masificación das aulas, unha atención inadecuada ás necesidades educativas especiais e á diversidade educativa ou á carencia de prazas para Educación Permanente de Adultos e FP. “Todo isto, mentres a Consellaría si amplía unidades concertadas na privada e arbitra outros mecanismos de desvío de fondos públicos a eses centros”. 

Xunto a isto, sinalou que o profesorado rexeitou tamén a ampliación do horario lectivo, que supuxo a ruptura dun acordo unitario, no caso de Primaria, que “non só empeora as condicións laborais do profesorado, senón que supón un ataque á calidade do ensino na medida en que imposibilita que se poidan realizar outras funcións necesarias” e impide unha atención personalizada.

 

Alén diso, valorou que os resultados son a mostra “máis contundente” da repulsa do profesorado a un Conselleiro que “ten como denominador común na súa actuación a mentira, a demagoxia e a manipulación”. Como exemplo lembrou as afirmacións do conselleiro cando afirmou que o profesorado era favorábel maioritariamente ás medidas e recortes que está realizando contra o ensino público. “Coa súa participación o profesorado está a reclamar que o Conselleiro poña fin ás actuacións que teñen como obxectivo o desprestixio e a desvalorización da función docente”.

O secretario nacional de CIG-Ensino foi contundente ao denunciar o uso, que cualificou de “fraudulento e partidista” da páxina WEB da Consellaría que, dixo, “se converteu no equivalente ao  NODO época franquista. Medio institucional que se centra nos ataques dos permanentes aos representantes do profesorado e nunha constante  terxiversación da información”.

Do mesmo xeito, lamentou a actitude de ANPE, CCOO e STEG que “non só non apoiaron o referendo, senón que no caso dos dous últimos dedicáronse a criticar a súa realización, facéndolle así o xogo á  Consellaría de Educación”. En todo caso, subliñou que tanto a alta participación como o feito de que moitos afiliados e afiliadas destas organizacións participaran no mesmo “é a mostra máis evidente da actitude inxustificábel das súas direccións”.

En nome da CIG-Ensino agradeceu ao profesorado a súa participación neste referendo, nomeadamente aos membros da Mesa, e ás direccións que facilitaron e colaboraron coa realización da votación. Un acto que “é unha lección de democracia para a Consellaría”, dixo, e deu as grazas polo compromiso do profesorado que “asumiu a realización do referendo nos centros, facéndose cargo da Mesa e de todo o proceso”. 

Volver