Nin “lexislatura do profesorado” nin “camiño novo”

O profesorado galego entre a parálise do Ministerio e a política de recortes da Consellaría

A CIG-Ensino, logo de denunciar un convulso inicio de curso polos recortes da Xunta e os problemas na atención á diversidade, lanza xunto con outros sindicatos, unha crítica ao Ministerio de Educación pola ausencia de negociación nunha lexislatura que Pedro Sánchez anunciou como “a do profesorado”

Ligazón á carta enviada á ministra

Ao comezo da lexislatura a nivel do estado, tanto o presidente Sánchez como a ministra Alegría anunciaron que esta ía ser a “lexislatura do profesorado”. Unha declaración de intencións que o sindicato maioritario en Galiza xa denunciou que non se trasladase a feitos e propostas concretas na última reunión da Mesa docente estatal.

No día de hoxe, martes 8 de outubro, a CIG-Ensino xunto cos sindicatos de ámbito estatal con representación na Mesa dependente do Ministerio, rexistraron un escrito dirixido á ministra de Educación denunciando a aprobación ou tramitación noutros ámbitos, sen pasar previamente pola Mesa, de normativa que formalmente debe ser negociada, como as normas comúns aos concursos de traslados ou o borrador do Real Decreto de inspección educativa.

Ao tempo, denúnciase a falta de compromiso do Ministerio co profesorado, ao non ter presentado ningunha proposta para mellorar, exclusivamente no que depende de lexislación estatal, as condicións de traballo do profesorado. É, como se denuncia no escrito, faltar á palabra dada, xa que houbo un compromiso expreso a presentar un calendario de negociacións.

No que se refire a un dos obxectivos que se ten fixado a CIG-Ensino e que trasladou ao Ministerio como o elemento fundamental dunha hipotética negociación, a integración no subgrupo A1 de todo profesorado, cabe lembrar que o propio Ministerio só deu unha resposta negativa, e foi en concreto á CIG-Ensino no 2022, cando desde o sindicato se lle remitiu un escrito respaldado por máis de 7000 docentes de Galiza demandando esa integración así como unha modificación, á laza, dos niveis dentro deste grupo funcionarial, afirmando o responsábel de negociar cos sindicatos do Ministerio “que non entraba nas previsións do profesorado”.

Mentres non se sabe nada do Ministerio, da Xunta sabemos de máis.

O profesorado, como denuncia a CIG-Ensino, non é só vítima da parálise de propostas do Ministerio senón, e sobre todo, das políticas da Consellaría. Como denunciou o sindicato, son enormes as incidencias neste comezo de curso e hai uns elementos comúns:

  • a dotación de profesorado é claramente insuficiente para abordar os retos do sistema educativo e, en concreto, da atención á diversidade.
  • a maioría do profesorado, todo o que non imparte en infantil e primaria, segue sen ter ningunha mellora nas súas condicións de traballo, obrigado a un máximo de carga lectiva á cabeza do estado.
  • a redución lectiva en primaria, insuficiente por non recuperar o que lle corresponde e lle foi arrebatado, non veu acompañada pola ampliación necesaria de persoal, como si aconteceu na negociación de horarios e cadros de persoal de 2007, esta si asinada pola CIG.
  • non hai ningunha medida para reducir a burocracia.
  • non se autorizan desdobres nin se ten en conta o alumnado con discapacidade, unha medida que sendo incompleta supuña un avance sobre a situación de partida.
  • os recortes de docentes está a provocar que en varios IES o alumnado non poida escoller materias ou que, ao facelo teña que cursalas online.

Desde a CIG-Ensino temos claro que, por inacción ou por ir no sentido contrario ás demandas profesionais do profesorado e das necesidades do sistema, temos dous gobernos que non están a cumprir coa defensa dun ensino público de calidade, como é a súa obriga e chamamos a un cambio radical en ambos casos.

Ligazón á carta enviada á ministra

Volver