Negociacións do XVI convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade

Logo de 32 mesas negociadoras nun período de tres anos os maioritarios recorren, por segunda vez, ao SIMA para unha mediación

Tal e como  predixo a CIG-Ensino, logo de asinarse dous malos acordos parciais de táboas salariais con absorción de complementos para o SMI e adaptacións legais á baixa nas contratacións por interese patronal, este convenio camiña a pecharse en falso e en precario.

Na 32ª mesa negociadora do 4 de abril, logo de levantarse da anterior mesa negociadora  o sindicato maioritario por recriminarlle AEDIS o feito de promover a negociación dun convenio autonómico do sector en Andalucía, a patronal maioritaria decidiu solicitar un novo SIMA (o anterior solicitárao CCOO e retirouno, todo unilateralmente) para que sexa un árbitro o que medie na negociación e decida como se pecha o XVI convenio.

Antes as OO.SS rexeitamos, unhas máis ca outras, á última proposta presentada pola patronal na mesa anterior do 19 de marzo. A CIG-Ensino fixo nos seguintes termos: "rexeitamento total porque reproducían propostas anteriores xa rexeitadas, sen avances nin melloras mínimas reivindicadas por unha parte social asinante do anterior convenio, só recolle meras adaptacións legais e incluso involucións nas interpretacións dalgunhas normas legais. Nin recolle temas tratados nas mesas negociadoras anteriores como clasificación profesional, contratacións, ITs, ... ."

Situación que xa se predixo dende a CIG-Ensino, cando os dous sindicatos estatais asinaron os acordos salariais parciais actuais en vigor.

No SIMA do 17 de abril, ao que CIG-Ensino non puido asistir por un novo erro deste organismo público ao non  convocala en tempo e forma, nada se tratou nin resolveu ao limitarse o árbitro a escoitar ás partes e rematar cun aprazamento para o 17 de maio (día das Letras Galegas, ao que se solicitou cambio de data e nin responderon as partes, nunha clara falta de consideración 1º á CIG e de respecto despois aos galegos/as), data na que as patronais deben traer unha nova proposta global para pechar o convenio, que moito nos tememos que sexa en falso e precario, como a do 19 de marzo, cun par de esmolas a maiores sen custes para que os dous sindicatos estatais poidan xustificar a sinatura do XVI convenio.

No SIMA do 17 de maio, as patronais presentan unha nova proposta global, que apenas defire da do 19 de marzo para a CIG-Ensino (que nin a valorou, por ser un novo desprezo á parte social), con cero custes para elas, e que as OO.SS estatais si valoraron, reivindicando “algunhas melloras sociais”  e incluso “estéticas”, que non lle tiveran custe económico ás patronais, e a eles os xustifique na sinatura do XVI convenio e nas mobilizacións que levaron a cabo, como lavado de cara, ante tan nefastas negociacións durante tres anos. En ningún momento quixeron mobilizar o sector, como leva proposto CIG-Ensino na mesa, con dous fins claros:  facer unha fronte social común a estas patronais autoritarias, que acadasen novas dinámicas de negociación reais; e outra conxunta para poder dignificar o convenio dunha vez por todas, presionando ás administracións. Sobre as melloras sociais, as OO.SS estatais propuxeron, recuperar algunhas sen custe que preacordaran na 13ª mesa negociadora (que CCOO botara abaixo, por mor da acción sindical contraria ao mesmo, levada a cabo pola CIG, cualificándoas de miserentas), que eran as seguintes:

- Que as prazas vacantes existentes en cada empresa ou centro de traballo e os postos de nova creación deberán ser comunicadas á RLT e ás persoas traballadoras do centro de traballo onde se sitúe a vacante, tendo prioridade as persoas traballadoras e de xornada parcial.

- Ampliar os supostos para a disposición da bolsa de 20 horas. En caso de familia numerosa ou familia monoparental dispoñerase de 30 horas. Deberán ser compensables se lexislativamente se amplían horas. 

- En caso de matrimonio ou unión de feito poderase empezar a gozar dos 15 días de permiso retribuído desde 3 días antes ao feito causante (acadado agora).

- Incluír unha excedencia para que as vítimas de violencia de xénero poidan acollerse a unha situación de excedencia especial, cuxa duración estará comprendida entre os 3 meses e os 3 anos. Durante os 18 primeiros meses terase dereito á reserva do posto de traballo                                     

- En caso de subrogación en licitacións públicas a empresa entrante manterá a representación legal dos traballadores/as da empresa saínte sen diminución dos dereitos establecidos na lei actual para os devanditos representantes sempre que a empresa ou unidade produtiva da transmisión conserve a súa autonomía.                                                         

- O tempo utilizado para realizar o recoñecemento médico, incluído o tempo de desprazamento, será a cargo da xornada laboral e considerado tempo efectivo de traballo, a condición de que se xustifique que non se pode realizar fóra do horario laboral.

- As traballadoras embarazadas poderán ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto.

- O persoal que traballe nun dos catorce festivos tipificados no artigo 37.2 do Estatuto dos Traballadores, así como o 24, o 31 de decembro e o 5 de xaneiro terá dereito a percibir unha retribución de 3,85€ /hora. 

- As persoas traballadoras que desenvolvan funcións de coidador/a en centros residenciais poderán reducir de maneira voluntaria a súa xornada laboral nun 10%, mantendo íntegras as súas retribucións, sempre que cumprisen 63 anos e teñan 15 anos de servizos efectivos na empresa.

- Xubilación Parcial: Incorporación da posibilidade de acumular nun só ano a xubilación parcial.

- Vacacións: Todo o persoal terá dereito a gozar de 25 días laborables de vacacións anuais retribuídas, preferentemente no verán, fóra de 3 destes días que poderán gozarse en calquera momento do ano, previa comunicación á empresa con 7 días de antelación, que só poderá denegar por razóns organizativas.

- Traslado dos acordos da Comisión Paritaria e mellora da redacción de determinados artigos.   

- Na excedencia voluntaria dereito á reserva do posto de traballo durante o 1º ano.

- Crear un novo artigo, como na concertada, que posibilite o poder acadar acordos retributivos nas distintas CC.AA, e que estas administracións se fagan cargo dos mesmos.

Sobre as “medidas estéticas” propoñen mellorar as cantidades a incrementar aos “operarios”, “auxiliares técnicos”, ..., pois non lles suporían custes ao quedar o SMI moi por enriba e absorbelos. Logo aumentar eses salarios para “lucir” máis, sendo por exemplo o de Operario 900€ en vez de 830€; e Auxiliar Técnico pase a 1000€, no canto dos 964€ actuais. Unha maquillaxe!!

A patronal tomou nota destas demandas e fará unha nova proposta, enviándoa cinco días antes, do próximo SIMA que será o 26 de xuño ás 9 h., (ACTA DE APRAZAMENTO), podendo a parte social propor outras.

Dende a CIG-Ensino denunciase, unha vez máis, este marco de negociación estatal e reivindícase un marco galego de relacións laborais como única saída a un convenio digno. Esperemos que haxa coherencia sindical na Galiza e respecto para todos os marcos de negociación autonómicos, os cales, na nova normativa laboral en trámite, pronto se recollerán como prioritarios, sobre o marco de negociación estatal. Agora para negociar neste marco galego é preciso apoiar unha maioría sindical da CIG, ante a postura contraria e de negación das demais OO.SS estatais.

Accede ás dúas propostas feitas polas patronais picando en cada unha delas:

Propostas patronais do 19 de marzo de 2024 

Propostas patronais do 17 de maio de 2024

Volver