
Negociacións do XII Convenio de Educación Infantil
As negociacións non avanzan
A CIG-Ensino, ante o inmobilismo e involucionismo que están a ofrecer as patronais, e de non mudar na seguinte mesa de negociación, trasladará as demais OO.SS a súa intención de convocar mobilizacións
5ª mesa de negociación. 16 marzo
Comeza a reunión a Presidencia da Mesa Negociadora cuestionando a acta. Logo de 2 recesos por discrepancias na acta da 4ª reunión, pois recollíanse intervencións que non se axustaban ao falado e principios de acordo nos que se volveron atrás ou que estaban condicionados ao transcorrer das negociacións, acabouse asinando (un exemplo: as diferenzas de funcións entre mestra e educadora non as acepta a patronal nos termos expostos pola parte social deixando as dúas definicións pendentes de negociación para buscar unha redacción que convenza ás 2 partes).
Logo continuase analizando as propostas formuladas para o Capítulo IV. Clasificación Profesional, chegando aos seguintes acordos:
- Acéptase a estrutura de grupos funcionais e postos de traballo presentado polas organizacións patronais na proposta enviada e xa previamente tratada na anterior reunión, así como a inclusión do Anexo 1 como un novo artigo denominado Definición de postos de traballo e a creación doutro novo artigo Cargos Directivos Temporais co obxectivo de darlle coherencia ao redactado.
- Acéptase a proposta de redactado para os catro primeiros parágrafos introdutorios do Artigo 8. Clasificación Profesional (nada transcendente, temas legais).
- Para o Grupo II acórdase o seguinte redactado: Grupo II. Persoal de servizos complementarios. Persoal especializado: logopeda, psicólogo, enfermeiro, médico, orientador, pedagogo, asistente social,…
- Acórdase a eliminación do Grupo Profesional Outros: contratado para a formación. (hai un artigo específico de contratos de formación)
- Acórdase o redactado do artigo Cargos Temporais Directivos coa introdución do posto de Coordinador/a neste Grupo Profesional, deixando para a súa análise o contido deste posto de traballo por parte da patronal.
- Para o novo artigo Definición de Postos de Traballo analízanse as definicións de redactado dos postos de Mestre/a, Educador/a Infantil, Auxiliar (este coa esixencia do titular ou titor na aula) e de novo se debaten diferentes propostas nos 2 primeiros, quedando pendente, como dixen antes, dun texto que convenza a ambas partes.
- Acéptase a definición e contido do Grupo II: persoal de servizos complementarios.
- Acéptase deixar como estaba o Grupo III. Persoal de administración e servizos. Non se recollen as categorías de condutor e conserxe.
- En relación ao Teacher do Grupo I. Persoal de Aula, analízase e debátese a proposta dunha parte social, formulando o banco patronal que non existe unha necesidade real da introdución desta figura no Convenio por considerala unha función transversal. Nós xa opinaramos deste tema. Aceptaríase a súa non inclusión…
En materia de xornada analízanse as propostas presentadas previamente polo banco patronal e polo sindical, explicando os diversos aspectos e quedando para unha análise máis pormenorizada do contido das mesmas por parte de todas as organizacións, pois as distancias eran moi grandes e ían en sentidos distintos. A patronal propón flexibilizar xornada eliminando as referencias semanais e aumentar en 131 horas a xornada anual das mestras, mantendo as das demais categorías. Desde a parte social, redución das xornadas semanais, ou, caso de mantelas, marcar unha porcentaxe de non lectivas; e as anuais axustalas á semanal pois están infladas.
Sobre o Artigo 2. Ámbito Funcional, o banco sindical solicita poder realizar un estudo máis pormenorizado ás asesorías xurídicas dos seus gabinetes antes de dar unha resposta á proposta de redactado formulada polas organizacións patronais. Simples temas legais e aceptaríase.
6ª mesa negociación. 20 abril
No que respecta á Clasificación Profesional, as definicións das funcións de mestra e educadora, logo de darlle unha volta máis, quedan pendentes de consenso aínda, non querendo a patronal eximir de ter que facer as programacións ás educadoras (como veremos despois na xornada, tampouco aceptan unha porcentaxe de xornada non lectiva…). No novo artigo de Cargos directivos temporais, a patronal aceptaría o posto de coordinadora, eliminando a directora pedagóxica, concretándose os cargos en Directora, Subdirectora e Coordinadora Pedagóxica. A parte social non o ve claro, polo que queda pendente, así como a transitoria que se debe redactar para introducir no convenio e garantir que os contratos actuais de cargos se manteñan como tales non podendo pasar a ser temporais ou cesalos no cargo.
Capitulo V – Artigo 9. Xornada de traballo.
A proposta da patronal segue sendo totalmente inmobilista e involucionista pretendendo unha flexibilidade total da xornada, eliminando a referencia semanal e mantendo só a anual, estando dispostos, a cambio, a reducila en 8 h. a anual aos educadores e resto de persoal (educador pasaría a 1653 h. e o resto de persoal a 1696 h.) e retirando a proposta de incremento da de mestra e deixándoa como está en 1398 h. Ademais habería que revisar a IT (baixas médicas) e as bolsas á baixa, así como non aplicar a retroactividade salarial (conxelación das táboas pendentes, negociando só subida dende as deste ano 2018 en adiante).
A contraproposta social, logo dun receso, decidiu dar unha resposta nos mesmos termos que a dada pola patronal (a cal calificamos de sen xeito, por mesturar temas, e inaceptable…):
Estariamos dispostos a negociar a “flexibilidade laboral”, pero con estas condicións:
- Adaptando a xornada anual, que está inflada, á semanal actual (iso xa suporía unha redución superior ás 8 h. que facedes vós). Ademais un 15% da xornada non sería lectiva, para o persoal de aula.
- Revisión salarial da proposta social: nas táboas xerais (centros privados) suba do 2%, 3% e 3% nos anos 2016,2017 e 2018, respectivamente. Nos centros de obras sociais un 1% a maiores e nos centros privados de titularidade pública un 5% a maiores. Desde CIG-Ensino engadimos que as categorías que estean por debaixo do salario medio galego (17.700€, podería negociarse esta cantidade…), teñan a suba lineal para todos eles, na cantidade que lle corresponda a ese salario medio.
- Que o complemento de IT quede igual que está.
- Horas extras ao 150%.
Capítulo VIII – Artigo 31. Vacacións.
Proposta patronal, un mes tal e como recolle o convenio actual, pero o devengo será dende o 1 de setembro ao 31 de agosto do ano seguinte, é dicir, por curso escolar no canto de ano natural. Os 10 días laborables a maiores pasarán a permisos retribuídos, por asuntos propios, que serán só sete.
Contraproposta social, inaceptable perder días de vacacións. No canto dun mes, débense recoller, para unha mellor xestión deles e evitar conflitos, 23 días laborables e como máximo en 2 períodos a gozar. Os 10 a maiores manteranse tal cal están.
Sobre os permisos retribuídos, deben pasarse todos a laborables, segundo recolle a sentenza do supremo, agás os de matrimonio. Tamén se deben recoller días de asuntos propios, así como novos permisos para unha mellor conciliación laboral das traballadoras. Aceptariamos o período de devengo das vacacións, por curso escolar e non ano natural.
Queda convocada a seguinte mesa de negociación para o 10 de maio en ACADE, Madrid.
Novas relacionadas