Negociacións do convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade: 31ª mesa negociadora nun período de tres anos

A CIG-Ensino denunciou unha vez máis a inutilidade do marco estatal e reivindicou un marco galego de relacións laborais como única saída a un convenio digno

A reunión desta mesa negociadora trouxo como principal novidade o coñecemento de que CCOO promove en Andalucía a negociación dun convenio autonómico do sector da atención á discapacidade, xusto a posición contraria que ten este mesmo sindicato en Galiza, onde nega a capacidade de chegar a acordos e chega a acusar á CIG de enganar as traballadoras e traballadores coa nosa insistencia en que se debe negociar un convenio galego, como se acaba de ver recentemente nun comunicado contra o sindicato maioritario no conflito das escolas infantís 0-3 anos. É un exemplo de hipocrisía e incoherencia que o que negan en Galiza se promova noutros ámbitos como o andaluz.

Máis as alá do malestar que provoca esta incoherencia, desde a CIG agardamos que esteamos diante dunha rectificación das directrices centralistas de CCOO e que aposten a partir de agora por camiñar no obxectivo dun marco galego de relacións laborais e de negociación colectiva, en todos e cada un dos sectores e convenios colectivos que de momento están atados de pés e mans por convenios de ámbito estatal (atención á dependencia, educación infantil, ensino privados con ou sen concerto entre outros)

Tres anos perdidos

Na anterior reunión, a 30ª mesa negociadora do 7 de febreiro, a patronal decidiu demorar a seguinte reunión para achegar unha proposta global e mandala con tempo para a súa análise e aprobación polas OO.SS estatais. Nesta 31ª mesa do 19 de marzo a proposta foi enviada tan só dúas horas antes da reunión e nuns termos que reproducían propostas anteriores xa rexeitadas, sen avances nin melloras mínimas reivindicadas pola parte social. A proposta patronal só incorporaba meras adaptacións legais e incluso involucións nas interpretacións dalgunhas normas, confirmando o que que xa anunciou a CIG-Ensino, cando os sindicatos estatais asinaron os dous acordos parciais.

A intervención da CIG-Ensino foi crítica, pois xa era a segunda vez que se suspendía unha mesa negociadora, coa perda de tempo e custos que ten, sen xustificación algunha. Denunciamos as actitudes das dúas organizacións maioritarias na mesa, que impoñen os seus intereses e estratexias, por enriba de todo o demais, sen importarlles o resto de integrantes nin a quen representan. A CIG-Ensino rexeitou a proposta patronal por inmobilista e involucionista, esixíndolle ás patronais un cambio de rumbo cara a dignificación do convenio e do sector. Sobre o convenio autonómico que a patronal deu a coñecer que se comezara a negociar en Andalucía consideramos que ese é o camiño, tal e como defende a CIG-Ensino dende sempre na Galiza e que outros (neste caso quen agora en Andalucía quere negociar) cualifican de “imposible e falacia.

A primacía do ámbito autonómico sobre o estatal na negociación colectiva

A CIG-Ensino quere lembrar igualmente que está en proceso de negociación no ámbito parlamentario unha modificación legal para garantir que, no caso de existir un convenio colectivo de ámbito autonómico, este teña preferencia sobre o estatal, froito do acordo de investidura do actual goberno. Nun Estado que se pretenda descentralizado e no que defendemos que se recoñeza o carácter plurinacional a todos os efectos, as relacións laborais teñen que garantir a maior proximidade e respecto polos traballadores e traballadoras e pola súa representación sindical. Se a isto lle engadimos a experiencia en moitos convenios colectivos, con prazos infinitos de negociación e con acordos das cúpulas sindicais e patronais a nivel estatal que despois atan calquera mellora, está claro que a única saída á dignificación salarial e de condicións de traballo, tamén no ámbito da atención á diversidade, pasa por negociar a nivel galego. Nese camiño está a CIG-Ensino desde sempre e agardemos que outros veñan atrás.

Negociacións do convenio estatal de servizo e atención ás persoas con discapacidade: 31ª mesa negociadora nun período de tres anos

Documento


Volver