Negociación do Estatuto Docente co MEC. Crónica dunha farsa.

Estatuto Docente: Mesa MEC 18.04.2007

O pasado 18 de abril de 2007 constituiuse a nova Mesa Sectorial do estado, unha vez celebradas as eleccións sindicais en todo o Estado. Na orde do día desa reunión na que participou a CIG-Ensino estaba incluído de novo o Estatuto Docente. Achégamosvos información sobre o acontecido.

NEGOCIACIÓN DO ESTATUTO DOCENTE CO MEC.

CRÓNICA DUNHA FARSA

 

O pasado día 18 de abril celebrouse a primeira reunión da Mesa Sectorial do Estado despois das últimas eleccións sindicais. Os sindicatos con representación na mesma son: CIG-Ensino, ELA, STES, CC.OO, UGT, ANPE e CSIF.

 

A Mesa tiña como único punto importante na orde do día o “Estatuto Docente”. Con anterioridade á Mesa non se recibira ningún novo documento por parte do MEC e o último borrador coñecido databa do 20 de xuño de 2006. Nunha Mesa celebrada o 26/10/2006 as OO.SS. presentes xa amosaramos a nosa posición ao respecto do texto presentado. A única novidade en todo este tempo foron a celebración das eleccións sindicais no ensino público en todo o Estado e o debate parlamentar e publicación da Lei 7/2007 do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), unha norma xurídica de aplicación básica para todo o funcionariado e o persoal laboral. Esta lei entra en vigor o próximo 13 de maio.

 

Durante os meses anteriores non existiu oficialmente ningunha reunión negociadora do Estatuto Docente. Sen embargo, durante todo este tempo, e con especial relevancia nas últimas semanas, correron rumores dunha negociación en paralelo con algunhas organizacións sindicais. Esta situación chegou a tal extremo que mesmo desde un xornal profesional (“Escuela”) chegouse a publicar un editorial criticando que se estivese a negociar ás costas do profesorado.

 

Con estes antecedentes a CIG-Ensino acudiu a Madrid e alí tivemos ocasión de participar nunha ópera bufa en tres actos:

 

  1. O Subsecretario do MEC, Fernando Gurrea, fai unha intervención inicial na que non di absolutamente nada novo e tan só fai mención á nova situación creada coa publicación do EBEP e a necesidade de aprobar agora o Estatuto Docente. Non entrega ningún documento, non dá ningunha información. A pesar disto, inexplicabelmente, os sindicatos ANPE, CSIF, CC.OO e UGT (por esta orde de “actuación”) repiten o mesmo que dixeran no mes de outubro sen darlle maior importancia á ausencia de contidos da intervención do Subsecretario. Desde a CIG-Ensino facemos unha intervención crítica co que estamos observando e instamos ao MEC a que nos aporte as novidades que teña, se é que algunha ten. Apuntamos brevemente o noso rexeitamento ao texto coñecido polo que non contén (xubilación indefinida, acceso B-A por concurso de méritos, etc...) pero sobre todo polo que sobra: a carreira de obstáculos na que pretenden converter a carreira profesional docente coa introdución de prácticas propias da empresa privada, así como o excesivo carácter regulador do texto, afastándose dun carácter básico e de mínimos como desexaríamos para poder desenvolver no noso país un Estatuto Docente propio.

Nese momento o subsecretario expón brevemente unha serie de puntos que pretende salientar sobre o Estatuto.

·        Carreira docente: asegura aceptar as suxestións sobre a carreira profesional horizontal que lle fixeron chegar algúns sindicatos, referíndose expresamente a CC.OO., UGT, ANPE e CSIF. Fala dun sistema de “acreditación” de méritos para subir na carreira profesional, modificando os sexenios, flexibilizándoos. Aporta algúns exemplos, máis non de como se acreditarían eses méritos nin de que méritos se tratarían (verdadeiras cuestións de fondo) senón de contías económicas e correspondencias entre sexenios e graos.

·        Acceso do grupo B ao A: Afirma que o EBEP non permite que se faga por concurso de méritos con carácter xeral, mais si que se faga con carácter excepcional. O MEC estaría disposto a regular unha convocatoria extraordinaria. Non aclara absolutamente nada máis.

·        Medios económicos: o complemento de especial dedicación ao centro (os famosos 60€) será aboado inicialmente polo MEC ás CC.AA. ( non se sabe cando) e, tal e como dixo a CIG (e por outro lado recollía o acordo do MEC cos demais sindicatos) será ofertado a todo o profesorado pero non cobrado por todos.

·        Xubilación: expresa boa vontade sobre o carácter indefinido da mesma e afirma que estarían dispostos a que a xubilación anticipada LOE pasase das normas transitorias ao texto do articulado. Sen embargo non chega a afirmar un compromiso formal sobre o carácter indefinido da mesma.

Neste momento, e unha vez que recibe os parabéns iniciais de varios sindicatos, remata o 1º acto.

 

  1. O 2º acto consiste nunha manobra similar a realizada para a sinatura do acordo de 20/10/2005. O MEC pide un receso de 15 minutos e invita ás OO.SS. “que o desexen” a participar nunha Mesa con presenza dun representante por cada sindicato co obxectivo de pactar un texto que servise de acordo sindical para o desenvolvemento do Estatuto. Como é lóxico, e a pesar da nosa posición crítica ao respecto do apuntado polo MEC, a CIG-Ensino estivo presente –como todos os demais sindicatos-  nesa mesa. O receso prolóngase e na Mesa o Subdirector Xeral de Persoal, acompañado de varios técnicos do MEC, vai redactando nun papel cal sería o texto para o acordo, con matices de simple redactado das demais OO.SS., limitándonos como CIG a tomar nota do que se vai dicindo. 

O texto redactado é o seguinte:

1.             O estatuto docente reafirma o respecto ás competencias das CC.AA.  sen 

renunciar ás propias do Estado.

2.            Unha vez fixado o novo marco do EBEP resulta máis necesario aínda perfilar o propio dos funcionarios docentes.

3.            Garántese a máis axeitada promoción profesional de todos os docentes tanto sen cambio de corpo e posto como mediante o acceso a outro corpos que incluirá, en todo caso:

a.           Unha carreira profesional que contemple un sistema escalonado de melloras retributivas e doutras índoles cuxos tempos xerais podan ser acurtados mediante a acreditación dos méritos que se estabelezan.

b.           Un acceso extraordinario e transitorio que permita a determinados docentes de corpos clasificados no grupo B o paso o grupo A mediante un concurso de méritos.

4.            Para garantir a permanente renovación do profesorado e incentivar aos docentes pola súa longa dedicación profesional enténdese necesario manter o sistema de xubilación voluntaria anticipada que creou en1990 a LOXSE e prorrogado desde entón.

 

En concordancia co esforzo orzamentario que conlevou a memoria económica que acompaña á  LOE, este Estatuto posuirá tamén a súa axeitada memoria económica que garantirá os medios económicos necesarios para a súa implantación e desenvolvemento, salientando o incremento orzamentario correspondente á transformación do sistema actual de sexenios polo novo de promoción previsto

 

3.      O 3º acto comeza coa suspensión da reunión e a reanudación da Mesa Sectorial “oficial”, na que o Subsecretario do MEC dá por pechado o receso e anuncia que o Ministerio vai modificar algúns dos aspectos do Estatuto (na liña do xa apuntado anteriormente) e que se nos proporcionará o novo texto ás OO.SS. Logo dunha referencia confusa á “negociación” durante o receso, desde a CIG-Ensino facemos constar que alí non se chegou a acordo ningún e que a CIG-Ensino se limitou a coñecer as pretensións do MEC.

 

En días posteriores desde o MEC fan unha serie de declaracións a axencias e medios de comunicación que outorgan un realce máis esperpéntico a todo o acontecido. Afirmouse mesmo que o texto contaba coa abstención da CIG (!).

Outras informacións xornalísticas poñían en boca do MEC novidades que non foron en ningún momento apuntadas na Mesa, algunhas mesmo contraditorias entre si.

 

Como CIG-Ensino reafirmámonos na nosa postura crítica coa posición do MEC e insistimos en que para nós, logo do acontecido na Mesa Sectorial, non existe nada que poda entenderse como unha proposta seria mentres o MEC non presente un novo borrador de Estatuto Docente. Insistimos, de novo, na nosa oposición frontal á carreira de obstáculos e de alta competitividade e desunión entre o profesorado –propias do peor da empresa privada- no que a proposta actual pretende converter a carreira docente.

Volver