A CIG-Ensino reclama a inclusión de 405 novas vacantes no concurso de traslados
O sindicato publica as vacantes que, logo das resolución provisional, non foron aceptadas pola inspección educativa e que demandaremos que se incorporen
Unha vez publicadas as vacantes provisionais por parte da administración sen rematar, e nalgún caso comezar, as negociacións desde a CIG-Ensino esixiremos a inclusión das seguintes vacantes nas vacantes definitivas.
Estas vacantes súmanse ás xa reclamadas, e aceptadas, polas diferentes xefaturas provinciais.
No conxunto de Galiza, nesta última rolda de negociacións desde a CIG-Ensino reclamamos, grazas ás informacións remitidas dos centros e profesorado 405 prazas das que xa foron aceptadas e incluídas nas vacantes provisionais 74, é dicir, aceptáronnos só un 18%.
Do total das 405 prazas reclamadas 138 son do corpo de mestres e as restantes 267 son dos corpos de secundaria e ensinanzas especiais.
En canto ás aceptadas, 26 son de primaria e 48 dos corpos restantes.
Publicación provisional do CXT
O 3 e o 11 de marzo foron publicados as resolucións provisionais dos concursos de secundaria e primaria respectivamente.
En ambos concursos aínda están abertos os prazos de reclamacións e renuncias, recordade que hai que renunciar, de querer, aínda que non vos deran praza na resolución provisional, e que esta renuncia é equivalente á non participación no CXT á hora de poder solicitar as distintas comisións.
Prazas sen cubrir na adxudicación provisional do CXT
Numerosas prazas e resultas do concurso quedaron sen cubrir. O motivo principal estaría no adiamento das oposicións do 2020 e a redución de funcionariado en prácticas e incremento de persoal interino. Con todo, desde o sindicato non deixamos de reclamar que se oferten todas e cada unha das prazas con horario, fóra daquelas especialidades nas que non hai funcionariado de carreira que poida pedilas, xa que este aumento vai mellorar as opcións de quen participa no concurso.